Ao reducir o combate ao plano das ideas, o populismo reaccionario descarta os eixos restantes e desvía a atención cara onde máis lle convén. O que importa non é quen gana o debate, senón quen posúe os medios de produción intelectual, quen financia as grandes cabeceiras e quen controla os algoritmos das plataformas
Desde os laboratorios da estratexia do movemento MAGA, o ideólogo Steve Bannon exportou cara a Europa un modelo de confrontación política que materializou cunha academia de formación no mosteiro medieval de Trisulti, en Italia, concibida como unha "escola de gladiadores para guerreiros culturais" (gladiator school for culture warriors). Vox adoptou no Estado español esa gramática con todo o seu aparato —Fundación Disenso, redes de axitadores mediáticos de alcance masivo e canles de difusión ideolóxica— para conquistar o que o partido declarou unha prioridade estratéxica: a "batalla das ideas". O paradoxo resulta case literario. Porque o pensador cuxo pensamento subxace a toda esa arquitectura de confrontación non é outro que Antonio Gramsci, un marxista siciliano que morreu nunha prisión fascista en 1937. A pregunta que cabe é se o están a interpretar conscientemente e con rigor.
Razmig Keucheyan, profesor na Universidade París Cité e especialista no pensamento gramsciano, demostra al longo dos seus traballos que non. O sociólogo sinala que a expresión "batalla cultural" está de feito ausente dos Cadernos da prisión. Gramsci distingue en realidade tres frontes simultáneas da práctica política —política, económica e cultural—, sen xerarquía ningunha delas sobre as outras; requirindo a acción transformadora intervir nas tres ao mesmo tempo. O pensador marxista inscribía esta hexemonía no materialismo histórico, colixindo que a cultura non é autónoma e depende das condicións materiais. Ao reducir o combate ao plano das ideas, o populismo reaccionario descarta os eixos restantes e desvía a atención cara onde máis lle convén. O que importa non é quen gana o debate, senón quen posúe os medios de produción intelectual, quen financia as grandes cabeceiras e quen controla os algoritmos das plataformas
A ultradereita apropiase da linguaxe emancipatoria da esquerda —hexemonía, fronte, revolución— para baleirala de contido e enchela de significados reaccionarios. A operación funciona non pola súa coherencia teórica senón polo dominio sufocante das canles de difusión
O historiador Steven Forti, autor de Extrema derecha 2.0, refírese a este fenómeno co concepto de "parasitismo ideolóxico". A ultradereita apropiase da linguaxe emancipatoria da esquerda —hexemonía, fronte, revolución— para baleirala de contido e enchela de significados reaccionarios. A operación funciona non pola súa coherencia teórica senón polo dominio sufocante das canles de difusión. En España, o ecosistema mediático que Vox construíu metodicamente —OKDIARIO, esRadio e Libertad Digital no núcleo duro, pero tamén xornais da dereita tradicional como El Mundo, ABC ou La Razón, que normalizaron esa linguaxe sen cuestionala— non ten equivalente no espazo político progresista, nin en recursos nin en capacidade de coordinación de mensaxes. Ese armazón de medios, institutos e influencers operando cunha idéntica axenda e narrativas constitúe o que Gramsci denominaba, sen ambigüidade posible, un “aparato de hexemonía”.
Vox dirixe o seu discurso cara traballadoras e traballadores que se senten abandonados pola esquerda institucional en cuestións tan concretas como vivenda, precariedade laboral ou degradación dos barrios periféricos. Gramsci explicaría o fenómeno sen ningún esforzo: a hexemonía non a conquista quen ten o mellor argumento, senón quen mellor canaliza o malestar da xente de a pé
O fenómeno non se circunscribe a Vox. Que Isabel Díaz Ayuso, presidenta do PP en Madrid, exhiba a mesma estratexia sen moi posiblemente saber nin quen é Gramsci revela ata que punto este modelo colonizou toda a dereita liberal e conservadora española. O PP de Feijóo tampouco lle disputa o marco: adopta os temas, asume os termos e lexitima así, sen propoñelo, a axenda cultural da ultradereita. A aposta non é programática senón emocional. "Liberdade" non é un proxecto de goberno, é un significante oco que cada cidadán enche co seu propio desasosego —medo á inseguridade, rexeitamento ao que percibe como imposición ideolóxica, nostalxia dunha identidade sentida como ameazada—. Nos Cadernos, Gramsci apuntaba que a supremacía non require coerción cando opera a través do consentimento activo. Ayuso goberna con Gramsci sen sabelo e esa é, precisamente, a chave do seu éxito.
As sondaxes confirman que a operación vai moito máis alá das ideas. Segundo un barómetro publicado por El País o pasado xaneiro, a intención de voto a Vox entre quen apoiou o PSOE nas xerais do 2023 acada o 4,8%, o rexistro máis alto da lexislatura, que supón potencialmente máis de 375.000 votos transvasados. Non é casualidade. Vox dirixe o seu discurso cara traballadoras e traballadores que se senten abandonados pola esquerda institucional en cuestións tan concretas como vivenda, precariedade laboral ou degradación dos barrios periféricos. Gramsci explicaría o fenómeno sen ningún esforzo: a hexemonía non a conquista quen ten o mellor argumento, senón quen mellor canaliza o malestar da xente de a pé.
Mentres a esquerda segue teimuda en impoñerse na "batalla das ideas" no terreo que delimitou o inimigo, a dereita leva lustros vencendo a que verdadeiramente importa, a do control das institucións que fabrican o discurso que se vai fincando como “sentido común”
A resposta da esquerda española e galega segue atrapada nun equívoco estrutural. PSOE, Sumar ou BNG esfórzanse en corrixir datos e refutar acusacións coma se o problema fose de argumentación. Responder no terreo que marca o adversario, cos seus termos e a súa axenda, non é contraargumentar senón capitular. O Gramsci real advertía que a disputa polo sentido da realidade política se libra nas institucións educativas, nos sindicatos activos na formación cidadá, nos medios de comunicación propios e nas fundacións de pensamento con capacidade de influencia. En Galicia, ese tecido existe de forma feble e infrafinanciada. E mentres a esquerda segue teimuda en impoñerse na "batalla das ideas" no terreo que delimitou o inimigo, a dereita leva lustros vencendo a que verdadeiramente importa, a do control das institucións que fabrican o discurso que se vai fincando como “sentido común”.