Grazas, señora Cifuentes

Moi pesado é o vilipendio que nas últimas semanas está a cubrila, señora Cifuentes. Desde que eldiario.es desvelou o seu xeito expeditivo de obter un máster pola URJC, centos de voces acusárona de mentireira, trampona, desvergoñada, indecente e deshonesta. E todo porque parece que incluíu no seu currículo un mestrado regalado, un título falso, obtido sen asistir ás clases preceptivas, sen facer os exames e sen presentar e defender o traballo fin de máster.

Se cadra algún día, cando repase esta etapa da súa vida, vexa que o mellor que podía facer era comportarse con dignidade e dimitir decontado. O mellor para a súa rexión, o mellor para a universidade pública, o mellor para o seu partido e o mellor para vostede

Vostede e outras persoas distinguidas foron pilladas deshonrando a súa condición de servidoras públicas tras participaren neste amaño ofensivo. Debeu de ser unha experiencia ben embarazosa. Despois de todo, vostede preside o executivo autonómico madrileño, e debe de ser durísimo comparecer publicamente despois de cometer unha falcatruada coma esta. E a ver se os tribunais de xustiza non acaban vendo nestes actos unha prevaricación, unha falsidade documental e un encubrimento!

Se cadra algún día, cando repase esta etapa da súa vida, vexa que o mellor que podía facer era comportarse con dignidade e dimitir decontado. O mellor para a súa rexión, o mellor para a universidade pública, o mellor para o seu partido e o mellor para vostede. Pero unha boa análise de consecuencias só adoita ser relativamente fácil de facer a posteriori. En pleno accidente, pola contra, non é nada doado despexar a cabeza de todo o que nubra o raciocinio: o shock, o desconcerto, o enfado, a humillación, a negación.

Dadas as circunstancias, vilipendiala élle ben fácil. E tamén inxusto. Porque temos moito que lle agradecer, señora Cifuentes. Vostede dedicoulle toda a súa vida política ao Partido Popular, é dicir, a servir as elites tradicionais, cuxa causa se reduce, desde hai xeracións, a conservar e multiplicar a riqueza espoliada á xente corrente, que acabou mirando para vostedes coa confianza resignada que nace do costume.

Afixémonos a ver como as clases para as cales vostede traballa, e de cuxos vicios –entre os cales destacan a malicia e a preguiza– parece que acabou contaxiándose, viven nun espazo sórdido onde o privilexio e a corrupción negan de raíz a igualdade de oportunidades que a democracia esixe. Tanto nos habituamos a esa indixencia moral que moitos de nós mesmo acabaron votándolles!

Co candor cívico propio da boa xente común, tendemos a esquecer quen é ese ominoso inimigo. E vostede axudounos a recordalo. Así que: grazas, señora Cifuentes. E agora faga o favor e desapareza da nosa vista

Por iso non estamos a ser xustos con vostede. Porque mentres os contribuíntes se sacrifican para que a sufrida xente moza poida conseguir con esforzo e intelixencia o que vostede e os seus adquiren por ser vos quien sois, vostede lembrounos que, como dicía Tony Judt, os ricos non queren o mesmo que os pobres. Vostede devolveunos unha vez máis á brutal realidade dunha guerra de clases que Warren E. Buffett recoñeceu cando dixo que son os ricos coma el, que vostede representa, quen a están a librar e a gañar.

Hai pouco, Suso de Toro dicía que “quen mellor sabe o que nos convén é sempre o noso inimigo”. O problema é que, co candor cívico propio da boa xente común, tendemos a esquecer quen é ese ominoso inimigo. E vostede axudounos a recordalo. Así que: grazas, señora Cifuentes. E agora faga o favor e desapareza da nosa vista.

Publicidade

{C}{C}{C}{C}

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.