Andamos tan escasos de vitorias e boas noticias no campo popular e da esquerda que non podemos permitirnos o luxo de derrotarnos a nós mesmos antes de tempo. Ten moitísimo interese o debate interno da esquerda grega arredor do acordo entre o goberno popular de Syriza e as institucións do Eurogrupo ou a troica ou como haxa que lle chamar ao monstro. Hai argumentos moi interesantes e atinados en todas as posicións, e os máis críticos coa decisión de Tsipras, Varoufakis e o seu goberno son os chamados a ter, en principio, máis auditorio. Por múltiples razóns.
Andamos tan escasos de vitorias e boas noticias no campo popular e da esquerda que non podemos permitirnos o luxo de derrotarnos a nós mesmos antes de tempo
Por verdadeira convicción de que o camiño é outro, por impaciencia, por esa tendencia de certa esquerda a sentirse en permanente fraude preventiva. Por múltiples razóns. En calquera dos casos, a esquerda ten a obriga teórica de comprender os escenarios en que os procesos políticos se producen e as correlacións de forzas. E tamén as urxencias e outras necesidades temporais. Porque no caso desa negociación e ese acordo entre o goberno grego e a Unión Europea debe pesar o tempo en dúas direccións aparentemente opostas. Por un lado, a da urxencia: non cómpre moita extensión para explicar cal é a situación de extrema necesidade e de emerxencia que vive a maioría do pobo grego, sometida a unha violencia sen límites e sen solución de continuidade por parte do capital e das institucións europeas, as electas e as autolexitimadas no poder e non no sufraxio universal. E por outro lado, a necesidade de que o tempo se dilate un pouco, a de darlle tempo ao tempo, en resumo. A de esperar.
Son aparentemente contraditorias, pero só aparentemente. En realidade, establécese entre a urxencia e a necesidade de darlle tempo ao tempo unha relación dialéctica que esixe a súa síntese. E esa, creo, é a que determina o acordo entre os gregos e a Hidra. A Hidra de múltiples cabezas e alento velenoso, á que lle nacen dúas cabezas por cada unha que lle cortan, observa cun ollar sañudo a brutal derrota do atacante solitario, ese Héracles heroico pero desprotexido. E este sabe que esa soidade imposibilitará necesaria e materialmente a súa vitoria. Que tamén é necesaria e material.
Non cómpre aclaración arredor do reparto na identificación de personaxes: a Hidra e Héracles; a Troica e Syriza; a Unión Europea e Grecia...
Non cómpre aclaración arredor do reparto na identificación de personaxes: a Hidra e Héracles; a Troica e Syriza; a Unión Europea e Grecia... Mesmo podemos xogar a frivolizar: Merkel e Varoufakis, a becha e o heroe. Pensar que Syriza por si soa, en condicións moi precarias, cunha poboación en estado de emerxencia humanitaria, vai enfrontarse ao terrible monstro ao que se enfronta, o mesmo que nos acosa sen pausa, e que o vai vencer no primeiro asalto e ademais sen baixas nin cesións, que lle vai cortar todas as cabezas dunha tallada e sen sufrir nin unha rabuñadela, é dunha inxenuidade inmensa. Esixirlle ao goberno grego unha vitoria inmediata, sen negociación e sen feridas, pode mesmo ser politicamente irresponsable. Mais, con todo o apoio, a solidariedade e a identificación coa causa popular grega, tampouco podemos nin debemos abandonar o exercicio da crítica. Sen que a solidariedade e o compromiso co goberno e o pobo grego estean en discusión, a adhesión acrítica a todos os seus movementos será o peor favor que se lle poida facer á causa compartida.
A guerra que empeza a librarse no escenario da Unión Europea vai ter que ir sumando pobos e novos gobernos ao escenario
Porque a guerra que empeza a librarse no escenario da Unión Europea vai ter que ir sumando pobos e novos gobernos ao escenario. E terá que facelo non desde unha ilusión de seguridade e certeza, senón desde a convicción de que o traxecto é extremadamente complexo, de que cómpren múltiples preguntas cuxas respostas non veñen en ningún manual infalible, de que o proceso requirirá pasos adiante, moita guerra de posicións e non poucos pasos atrás para tomar alento, comprender os escenarios cambiantes e os seus actores e atinar o máis posible nos seguintes movementos. Isto non fai máis que empezar. É imprescindible unha mudanza na correlación de forzas, que neste momento aínda é tan desfavorable. Porque se segue a enfrontarse Héracles só contra todas as cabezas da Hidra a derrota será durísima. E non é outra cousa máis ca unha derrota durísima, exemplarizante e por tanto definitiva, o que a Hidra concibe. O que a Troica pretende. O seu proxecto non admite fisuras no discurso, nin sequera a posibilidade dun discurso alternativo. Para a Hidra, a derrota de Héracles non é importantte porque teña unha función de castigo senón porque con ela afianza para a eternidade o seu poder absoluto e con ela exemplariza e persuade a futuros ousados da inutilidade do intento, das súas atroces consecuencias.
É moi posible que na mente do goberno grego, amais dos asuntos de urxencia e pura supervivencia da xente, estea a necesidade de que esa correlación de forzas vaia mudando a partir de próximas convocatorias electorais
É moi posible que na mente do goberno grego, amais dos asuntos de urxencia e pura supervivencia da xente, estea a necesidade de que esa correlación de forzas vaia mudando a partir de próximas convocatorias electorais. Aí teñen que integrarse, tamén e sen excepcións, todos os procesos de unidade popular que en formas diversas e non sen contradicións proliferan por múltiples espazos. Son procesos que creban as vellas lóxicas da política institucionalizada, regulada nas marxes do posible e do probable, é dicir, do sentido común do sistema. E creban tamén toda solidez espacial. O escenario da acción política xa non é en exclusiva a institución do Estado nacional. Éo toda institución, na medida en que debe ser invadida por unha corrente popular sen lindes, pero tamén o é todo espazo social en que se decide calquera aspecto do común. O proceso pode parecer difuso e inabarcable, e éo, como o é a multitude que o irá protagonizando. Con todas as contradicións, sen esquivalas e sen ignoralas, é un proceso de nova institucionalización democrática e popular, e tamén nese sentido profundamente político. Ou biopolítico.
O proceso implica, se é que ten sentido histórico, a construción dun bloque cada vez máis numeroso e potente de oposición ao actual estado de cousas. No interior dos estados e das nacións, mais tamén no escenario multinacional europeo. Gústenos máis ou menos, os espazos de combate político están aí, non somos nós os que os deseñamos, organízaos o poder. A eles cómpre acudir a disputalo todo. A construción de candidaturas populares para as próximas eleccións municipais camiña nesa dirección. E tócalle facelo nun escenario político moi extenso, que ocupa todos os espazos sociais, desde as prazas públicas aos ámbitos máis protexidos de calquera caste de control democrático, que non coñece xa exterior de ningunha clase. En todos eles cómpre despregar a bandeira dun tempo novo.
Será complicado. As próximas municipais adquiren moita máis importancia neste contexto. Reparemos nas reaccións violentamente alteradas, ás veces profundamente infantís, contra os complexos procesos de unidade popular que se deron en chamar mareas ou de calquera outra maneira (o nome non importa) e inclúen, madia leva, organizacións partidarias e cidadanía sen organizar ou agrupada arredor de movementos sectoriais. Non é novidade; trátase talvez de seguir en certa medida o modelo combinado da Barcelona en Comú de Ada Colau. Este modelo non deixa de ser un ensaio de plasmación da idea gramsciana de partido orgánico, esa organización en permanente articulación, que endexamais está completa e formada porque todo proceso e todo momento histórico, incluído o seu propio desenvolvemento organizativo, crea constantemente novas condicións e novos obxectivos. A organización deste tempo será flexible e áxil para enfrontarse a un aparello pesado e poderoso, con grande capacidade de mutación e de violencia.
A construción de candidaturas populares para as próximas eleccións municipais camiña nesa dirección. E tócalle facelo nun escenario político moi extenso, que ocupa todos os espazos sociais
As candidaturas de unidade que están a darse por Galicia adiante son a continuidade do proceso de acumulación que arrincou o 25 de xullo de 2012 coa chamada á Fronte Ampla feita por Xosé Manuel Beiras e a posterior e inmediata constitución de AGE. Son a expansión necesaria desa experiencia, na que non controlarán as organizacións o proceso, na que con toda consciencia se elude o fetichismo da organización e da sigla pois conduciría xusto ao lugar onde o Partido Orgánico se fai imposible e a Unidade Popular se converte nunha consigna baleira. En significante oco. Unidade Popular e Partido Orgánico son significantes fortes que non admiten, se non é mediante trampa groseira, nin baleirado nin apropiación de parte. Son expansión. Aspiran á máxima amplitude. Máis alá, moito máis alá, de intereses particulares, de dificultades e de contradicións. Ten funcionado en múltiples ocasións a imaxe das matrioscas para explicar como deben ser os procesos de acumulación de forzas en que os diferentes compoñentes se van incluíndo ata formar un corpo xigantesco, inclusivo, cuxo tamaño nunca ten límite. A imaxe segue funcionando.
Talvez Héracles só está a gañar tempo esperando que esta nova hidra amose o seu sorriso múltiple e limpo. Non o obriguemos a inmolarse innecesariamente. Fagamos nós o que nos toca
Pero este proceso lento e cheo de contradicións, e ao mesmo tempo vivo, creativo e moi ilusionante, dános unha imaxe nova do suxeito que visitará a cova coa determinación de destruír a Hidra. E a imaxe é precisamente a da hidra. Non a dunha Hidra de cabezas idénticas que se multiplican e actúan seguindo as ordes dalgún organismo central, senón a dunha nova hidra de infinitas cabezas, todas diferentes, todas elas en proceso constante de conformar unha moi diversa e viva intelixencia colectiva que non para de reproducirse. Ela, esta nova hidra, será a que destrúa a monstruosa becha, que non deixa de ser un remedo usurpador.
Talvez Héracles só está a gañar tempo esperando que esta nova hidra amose o seu sorriso múltiple e limpo. Non o obriguemos a inmolarse innecesariamente. Fagamos nós o que nos toca.