Grecia debe morrer

Asumámolo. Os gregos non poden gañar. Ese é o verdadeiro problema. Simple e sinxelamente non poden gañar nin tan sequera un pouco porque, se o fan, virá abaixo esa grande estafa europea coñecida como "austeridade".  Grecia, como Romeo, debe morrer.

Non se trata de que as súas peticións resulten pouco razoables, economicamente inviables ou simplemente estúpidas. Trátase de que Merkel, Rajoy ou Cameron non saberían como explicarlles ás súas opinións públicas e aos seus votantes sen acabar embreados con plumas e alcatrán como os tahures do vello oeste.

Buscan evitar a remota posibilidade de que poida saír ben e se demostre que a austeridade só supón unha coartada para impor un cambio de réxime

O risco que tratan de evitar os fetichistas da austeridade non é a bancarrota de Grecia, a súa saída do euro ou que o Goberno de Syryza acabe resultando un desastre. Buscan evitar precisamente o contrario: a sequera remota posibilidade de que poida saír ben e se demostre que a austeridade só supón unha coartada para impor un cambio de réxime, desde a democracia de volta á plutocracia.

Se os gregos conseguen un acordo razoable, ordenan a súa economía fóra do xugo da austeridade por calquera medio necesario, implementan as reformas que deberían sacar a Grecia da desigualdade, o clientelismo e a corrupción, volven crecer e crear emprego e empezan a pagar o que deben, quedarían como os estafadores que son eses mesmos gobernantes que levan un lustro xurándonos que non hai outro remedio que aplicar políticas de sufrimento masivo e asustándonos con pavorosas historias de mercados feroces, populistas ao servizo do ouro de Venezuela e radicais viciosos.

Europa compórtase como un acredor preocupado só porque lle devolvan o seu diñeiro. Non quere cobrar, quere castigar

A negociación con Grecia ten ben pouco que ver coa economía. O único risco moral que realmente asumimos xace na catadura moral que están a acreditar gobernantes e ministros que acusan os gregos de fumarse alegremente o diñeiro das nosas pensións ou os nosos medicamentos. Nin tan sequera Europa se comporta como un acredor preocupado unicamente porque lle devolvan o seu diñeiro. Non quere cobrar, quere castigar.

Trátase unicamente de demostrar quen dá as ordes e a quen non lle queda máis remedio que obedecelas. Non se trata de que os gregos nos devolvan ese diñeiro que dicimos que nos deben coma se moitos houbesen ir a levalo persoalmente a Atenas sacándoo do seu peto. Trátase de que os gregos aprendan dunha vez e para sempre quen manda aquí.

O Goberno grego debería ser un pouco máis listo e, ademas de gustarse tanto nas roldas de prensa e verse ideal nas imaxes dos telexornais, débese preocupar por xogar a este xogo de tronos coa prudencia, a sobriedade e a paciencia que permiten acabar gañando.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.