Guaidó, temos un problema!

Juan Guaidó, no Senado do Brasil CC-BY Senado Federal

Tras do segundo “fracaso Guaidó”, Josep Borrell xa confesaba nunha entrevista que era evidente que os que propulsaron a Guaidó, para provocar a saída urxente do Maduro da presidencia de Venezuela, non prevían, nin calibraron a capacidade de resistencia de Maduro. 

España é un dos 50 países que se comprometeron a recoñecer a extravagante figura do “Presidente encargado”. Figura sen precedentes nin soporte legal algún no dereito internacional.

Cincuenta países se apresuraron a recoñecer a Guaidó, coa perspectiva dunha caída inminente do goberno de Nicolás Maduro. Uns formaban parte do golpe: EEUU, Brasil, Colombia.., outros non querían quedar enganchados na brocha dun goberno chavista en fase letal, que colleita poucas simpatías nos seus corpos electorais. 

Non foron determinantes, nin as entusiastas masas que asistiron a autoproclamación e finais de xaneiro, nin tampouco o mediático macroconcerto “Venezuela Aid Live” (impulsado polos magnates do negocio, no que 31 artistas da elite mundial da música hispana, pouco significados polo seu compromiso social), deu cobertura á pseudo cooperación humanitaria da CIA, (United States Agency for International Development). Despregue que non fora abalado polas organizacións internacionais de emerxencias humanitarias por non cumprir cos parámetros de independencia e neutralizade política. 

A queima dun camión cheo de alimentos polos propios opositores na fronteira colombiano-venezolana, onde os niveis de pobreza extrema son dramáticos a ambos lados da raia divisoria, deixou moi tocada a operación que tamén finalizou noutro fracaso.

O terceiro intento de desaloxo do Presidente Nicolás Maduro, do Palacio de Miraflores, ao que acabamos de asistir nestes días foi un rotundo fiasco. O entorno de Guaidó fixo chegar aos falcóns da administración Trump, que todo está listo e atado. Que a policía política-SEBIN-, e o exército, incluída a cúpula co xeneral “Vladimir Padrino” á cabeza, estaban xa “maduros” para traizoar ao “Presidente Maduro”.

Nada disto aconteceu. Un reducidísimo número de militares de menor rango, 25 que acompañou a intentona golpista, axiña pediron refuxio nas embaixada de Brasil. Leopoldo López, liberado do seu arresto domiciliario, tras fracasar no seu terceiro golpe de estado ( abril 2002, operación saída, operación liberdade), desapareceu de escena para acubillarse nas embaixadas de Chile e de España, onde está neutralizado politicamente e sen posibilidade legal de pedir asilo. 

O triste epílogo, dun Guaidó fracasando no chamamento a rodear os cuarteis, pechou o círculo.

Mesmo sen entrar no xigantesco interese económico que suscitan as reservas de petróleo venezolanas, EEUU, e Trump particularmente, necesitan con urxencia un grande éxito ultraconservador de política internacional. Guaidó acumula tres decepcións, e comeza a ser visto en Washington coma un problema do que convén liberarse. O seu status, metamorfoseouse. De ser “o Presidente encargado de convocar unha eleccións democráticas", pasou a ser a cabeza golpe militar fracasado. 

Cobran forza novas vías para acabar con Nicolás Maduro, máis drásticas como o exércitos de mercenarios latinoamericanos contratados pola empresa de seguridade privada Blackwater, ou a intervención directa dos EEUU. 

Aínda que conseguir mecenas para financiar 4000 soldados privados non semella difícil, as consecuencias dunha intervención privada ou dos directa do exército dos EEUU serían tan dramáticas e imprevisibles que a fan tan pouco probable. Tan improbable como a vía do diálogo que propicia Rodríguez Zapatero. Na súa opinión “se non hai diálogo ou negociación entre as partes, teremos un conflito non só entre venezolanos, senón en Latinoamérica"

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.