Guerreiras laranxas

Non han ter máis alá de dez minutos de gloria; non ocuparán tampouco as portadas de ningún xornal deportivo a nivel estatal ou galego, nin atoparán cronistas expertos que glosen as súas peripecias desde que erguen da cama ata que se deitan; e unha mancadura na unlla da deda esquerda de Cristiano Ronaldo ou de Lionel Messi merecerá máis chíos no twitter que calquera éxito colectivo que elas poidan acadar ao longo da súa traxectoria deportiva, por moi exitosa e prolongada que esta resulte.

Doce futbolistas, doce guerreiras laranxas que veñen de cumprir un soño colectivo: ser campioas absolutas da máxima categoría de fútbol-sala a nivel feminino en todo o Estado

Porén, como deportistas de elite, os seus triunfos deben ser celebrados, en xusta homenaxe á súa afouteza e profesionalidade; e por iso deixo por escrito, con fachenda de seareiro, os nomes de Joziane de Oliveira, Haydée Agras Moral, Lidia Mesías Espiñeira, Lara Balseiro Candia, Dolores Sánchez García, Daniela Domingos Lopes, Patricia Otero de Oliveira, Lucía Nespereira Gómez, Silvia Rubal Casas, Maite García de la Montaña, Patricia González Mota e Paula Cortiñas Pardo. Doce futbolistas, doce guerreiras laranxas que veñen de cumprir un soño colectivo: ser campioas absolutas da máxima categoría de fútbol-sala a nivel feminino en todo o Estado, logo de derrotaren no derradeiro partido da temporada ao Atlético de Madrid, por un resultado global de cinco a un (e parabéns á TVG por transmitiren este encontro en directo).

Somos un país que precisamos dunha cultura do éxito; por iso, hoxe, cando tant@s afeccionad@s se laian das coitas clasificatorias de Celta e Deportivo, quero brindar por estas mozas do Fútbol Sala Burela Pescados Rubén

Somos un país que precisamos dunha cultura do éxito; por iso, hoxe, cando tant@s afeccionad@s se laian das coitas clasificatorias de Celta e Deportivo, quero brindar por estas mozas do Fútbol Sala Burela Pescados Rubén; e non só pola súa conquista do campionato de liga, senón tamén por un logro aínda maior: racharen estereotipos que seguen a asociar fútbol e masculinidade, épica deportiva e testosterona; e, por suposto, por encheren de ledicia a unha localidade lucense de apenas dez mil habitantes, convertendo o pavillón de Vista Alegre nunha marea laranxa.

Por suposto, haberá quen pense que este asunto supón unha lilaina que non merece  maior comentario, pois abundan temas moitos máis serios dos que se ocupar; mais non debemos menosprezar os valores simbólicos da actividade deportiva, como configuradores de modelos sociais que tenden a ser imitados. E se desexamos ir fendendo os valos que arredan ás nenas de certas actividades nas que aínda predomina el echarle huevos, temos que lle outorgar visibilidade mediática á traxectoria de grandes deportistas como Verónica Boquete ou Pilar Neira Martínez, por poñer dous exemplos sobranceiros. Para que algún día os seus rostros poidan aparecer nos cromos que se intercambian nos patios escolares en igualdade de condicións ca os de Iago Aspas ou Álex Bergantiños. Para que ningunha rapaza ou moza que se implique no xogo do fútbol reciba, nin sequera unha vez, o apelativo de maroutallo.

Haberá quen pense que este asunto supón unha lilaina que non merece maior comentario, pois abundan temas moitos máis serios dos que se ocupar; mais non debemos menosprezar os valores simbólicos da actividade deportiva

Por último, outro apuntamento para a esperanza: o pasado domingo de cinco de maio, no vedraño estadio de San Mamés (templo do fútbol por excelencia), os equipos femininos do Atlétic de Bilbao e do Barcelona xogáronse o campionato de Liga no derradeiro partido da temporada. O resultado final, favorable ás xogadoras azulgranas, quizais sexa hoxe o de menos.

Mais nas bancadas de San Mamés, para disfrutaren dese encontro decisivo, sentaron vinte e seis mil espectador@s. E iso, máis alá de quen erguese a copa, si que constitúe unha vitoria contra a ditadura masculina do deporte rei.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.