Hai 38 anos erguíase o que agora cae

As cousas que ocorren en España cada día, cada semana, son tan extraordinarias que se se enumeran e ponse en relación unhas con outras debuxan un panorama que asusta ou preocupa a calquera, pense como pense e teña os intereses que teña. Confluíron dous procesos de crises, a crise económica nada do gran roubo financeiro norteamericano derrubou o edificio da economía española e o sistema político e institucional español está caducado e apodrecido.

Confluíron dous procesos de crises, a crise económica nada do gran roubo financeiro norteamericano derrubou o edificio da economía española e o sistema político e institucional español está caducado e apodrecido

O prognóstico desde a esquerda tradicional sería que, dada a gravidade da crise e ante as consecuencias da política antisocial, paro, empobrecemento da maior parte da poboación e recorte da protección social, os sectores sociais máis castigados rebelaríanse, o descontento social estalaría nunha crise política que derrubaría o Goberno e a súa politica. Pero nada diso ocorreu e non parece que vaia ocorrer. Vese que non existe ese suxeito político con conciencia de clase capaz de tombar esta política, é evidente que esta sociedade é moi distinta á de hai trinta ou cincuenta anos e que as análises e previsións que se fagan dende a ideoloxía da esquerda que sae nos libros de historia non van aclarar nada nin ser actuantes.

É evidente que esta sociedade é moi distinta á de hai trinta ou cincuenta anos e que as análises e previsións que se fagan dende a ideoloxía da esquerda que sae nos libros de historia non van aclarar nada nin ser actuantes

Con todo, é evidente que o edificio institucional e político español si está nunha crise total. Hai quen cre que é a crise económica a que pon en cuestión o sistema político, eu creo pola contra que a gravidade da crise económica e social é tal que a sociedade reacciona encollida polo medo a que todo empeore e fai que modere as súas críticas; a crise faia máis conservadora. Sen dúbida iso beneficia o Goberno actual.

Realmente, a sociedade española querería que a política española dialogara máis e chegara a un entendemento no seu momento coa política catalá. O candidato Rajoy non reuniría hoxe eses catro millóns de entusiastas firmas contra Cataluña que afirmou recoller e non se seguiría tan alegremente  a consigna de boicot. Poida que Alfonso Guerra non presumise do seu cepillo parlamentario e que o propio PP non recorrese o Estatut ante o tribunal, aínda que nunca se sabe en canto ao grao e a irresponsabilidade do nacionalismo españolista.

A gravidade da crise económica e social é tal que a sociedade reacciona encollida polo medo a que todo empeore e fai que modere as súas críticas; a crise faia máis conservadora

Realmente, a sociedade española preferiría que o presidente Rajoy e o PP recoñecesen dunha vez e hai meses que se forraron durante décadas con sobres de diñeiro negro e que o Goberno e o seu presidente aparecesen agora relativamente limpos, perdoados e con autoridade moral. Realmente a sociedade española sentiríase moi confortada se non se estivese gobernando cun programa político tan ideolóxico e dereitista que crea división social e conflitos onde non os había. Realmente a sociedade española estaría encantada de que o PSOE limpase antes os seus baixos en Andalucía e que celebrase a tempo unhas eleccións primarias e lle ofrecese agora á sociedade española unha dirección renovada e un candidato con autoridade moral e liderado. Realmente a sociedade española non mostraría entusiasmo monárquico pero respiraría aliviada de ver que a Casa Real non é ese espectáculo e aparecese como unha institución sensata, próxima á xente, limpa e útil. Realmente a sociedade española tería asinado por outra década coa andrómena monárquica e bipartidista, sobre todo neste tempo de inseguridade.

Realmente a sociedade española tería asinado por outra década coa andrómena monárquica e bipartidista, sobre todo neste tempo de inseguridade

Pero nada diso ocorre. Unha sociedade conformista, conservadora e que aínda ten o medo no corpo, aínda que non o diga, como é esta, vese nunha situación desesperada, non lle permiten vivir tranquilamente como desexaría e ten que tragar esta realidade: un Estado que cae a pedazos, unha realidade que cae a pedazos. Unha realidade institucional, política e ideolóxica que naceu no ano 1975 e que, como todo nacemento, chegou entre sangue e feces, refírome aos fusilamentos do 27 de setembro e á tétrica agonía do Caudillo dous meses despois. Os fusilamentos sentaron as bases do futuro, Franco e o seu Exército impuñan as súas condicións, un sucesor e uns límites. A partir de aí e sobre esa base houbo tirapuxas, negociacións e pactos que levantaron este edificio que apodreceu de aluminosis. O que temos diante cada día, esta actualidade confusa e convulsa, é a Historia.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.