A negociación, se é que merece ese nome e non outras denominacións máis axustadas á xerga do crime organizado, foi desigual e desequilibrada. Produciuse entre un suxeito con lexitimidade democrática, reforzada mediante un claro referendo, e un outro suxeito non democrático, irrevogable, fincado no terreo material dos negocios. En xogo, un aparente enredo de nenos: ou dentro ou fóra. Mais o Imperio non concibe exterior, por iso a expulsión é a peor das condenas. E a ameaza, o imposible: o non lugar. Un inferno. Non existir é a dor inimaxinable; a da existencia só terá alivio no colo protector da relixión. A entrega á verdade revelada. Sempre, custe o que custe, dentro. E así llo explicaría o Eurogrupo a Alexis Tsipras para conducilo á claudicación. Tsipras saíu coma un converso, dirixiuse ao seu pobo, a nós, ao mundo, e expuxo a súa conquista: Grecia segue dentro. Permanece no Euro. Pois parabéns.
A negociación, se é que merece ese nome e non outras denominacións máis axustadas á xerga do crime organizado, foi desigual e desequilibrada
A película así e todo pode ser menos epifánica. Poñámonos noutro escenario. Un distrito arrasado por unha profusa acumulación de abismais fochancas de desestruturación social. Os habitantes deciden que un grupo de veciños elocuentes, leais, intelixentes e ben preparados compoñan unha comitiva de visita á familia que controla os negocios da cidade. Algúns chámanlle camorra. A xente do barrio non lle pide que abandone o control do distrito nin que renuncie aos seus negocios; tal demanda sería unha insoportable ofensa. Apenas cómpre algo menos de presión, permisos para algúns pequenos negocios, poder ir tirando, aliviar as penurias, etc. Non se trata, aínda, de abandonar a protección da mafia nin de expulsala do distrito. Mais a familia, que é temerosa de Deus, interpreta como sacrilexio a ousadía, unha declaración de guerra ao poder constituído, un desafío ao sentido común e, por riba de todo iso, un perigosísimo mal exemplo para outros distritos. Cómpre preservar o negocio, así que haberá que castigar o desafío. Coa dureza imprescindible para manter o statu quo. O desenlace vén a dar no mesmo. Tras o encontro, a lóxica da violencia sinala o camiño. A razón, a limpeza expositiva, a capacidade retórica e mesmo os apelos á solidariedade e á compaixón apenas conseguen algunha ollada en cuxo fondo se disimula unha faísca de comprensión. Olladas piadosas que acompañan voces duras. Quen non obedece non existe. Ou dentro ou fóra. Ao enviado regaláronlle unha pa coa que cavar a propia sepultura.
O resultado das negociacións veu a caer coma unha ruína sobre as nosas esperanzas. Sobre todo despois da confianza nas propias forzas que significou a contundente vitoria do OXI no referendo dunha semana antes
Certo é que os negocios da camorra poderían sobrevivir o mesmo se lle dera por perdoar unha mísera débeda dun mísero estado de once millóns de míseras persoas, pero a débeda perdería daquela de ser fórmula de suxeición e garantía. A boa débeda é aquela que crece a un ritmo maior ao da súa amortización, aquela que non se dá pagado nunca, a que xera intereses e mantén o debedor baixo dominio. A boa e necesaria débeda é aquela cuxa simple alusión rexistra no mundo a imaxe do debedor como culpable universal. Para a relixión liberal, as abismais desigualdades sociais son exclusiva responsabilidade e efecto das desiguais capacidades humanas. Hai triunfadores e perdedores, así de claro. A responsabilidade é sempre da vítima: vivir por riba das posibilidades, un carácter débil e pouco emprendedor, unha aversión aos compromisos... A débeda serve para derivar as contradicións sociais e materiais a un falso e perverso antagonismo horizontal entre, pobres, culturas e pobos. Eliminar as contradicións de clase excitando diferenzas culturais, raciais, nacionais, etc. Rebelarse contra esta interpretación confesional da economía, por tanto da política e dos espazos sociais, non cae dentro do posible. Non está admitido poñer en cuestión mecanismos nin razón nin solucións. Ese acto de rebeldía é unha faísca que prendería lume en todo o edificio. O mal exemplo é o peor dos crimes.
O resultado das negociacións veu a caer coma unha ruína sobre as nosas esperanzas. Sobre todo despois da confianza nas propias forzas que significou a contundente vitoria do OXI no referendo dunha semana antes. Non era a esquerda europea quen lle dicía á mafia que se acababa o conto; era un pobo en marcha, vangarda multitudinaria das organizacións políticas. Hai alternativa, dixo o pobo grego, desmentindo nun acto constituínte múltiple, inzado de apoios solidarios ao longo de todo o continente, a grande verdade do thatcherismo. Despois veu Tsipras e recolocounos noutro treito do proceso. Restituíu no frontispicio da praza pública a sentenza atroz: There Is No Alternative.
Enfróntanse un pobo xa existente, multitudinario, que se configura como suxeito de clase, e un pobo ideal e unitario, monolítico, cuxa existencia a prefigura a construción discursiva do líder
Cómpre, é evidente, un respecto absoluto polas decisións da esquerda grega e pola forma que teña de resolver as súas profundas contradicións, excitadas tras a negociación co Eurogrupo. Pero toda a esquerda europea e todos os pobos do Sur estamos dalgunha maneira implicados no proceso. Non é ningunha intromisión criticar as decisións tomadas e a falta de explicación no tocante á distancia entre o resultado do referendo e o acordo asinado apenas sete días despois. A adhesión acrítica ao líder é unha tea opaca que non nos vai permitir avanzar máis alá dos lugares que ao propio líder lle parezan transitables. Talvez a esquerda en Grecia se atope nunha difícil encrucillada: ou proseguir nunha fase de acumulación de forzas populares, un proceso de asunción e de conciencia das necesidades colectivas, ou reconfigurar o movemento nunha dirección populista de redución do pobo multitudinario á vontade clarividente e carismática do líder. Alexis Tsipras parece querer distanciarse dunha esquerda crítica no interior de Syriza para esixir ilimitada confianza na súa capacidade de condución do pobo. Enfróntanse un pobo xa existente, multitudinario, que se configura como suxeito de clase, e un pobo ideal e unitario, monolítico, cuxa existencia a prefigura a construción discursiva do líder.
Ese espazo da loita política determínao o poder. E canda el, outra vez, os límites do posible. Aqueles que todo movemento de cambio debe crebar se desexa manter aberta calquera posibilidade de intervención no rumbo dos acontecementos. Sexa como for, a encrucillada na que parece encontrarse a esquerda grega tampouco nos é allea. Nada do que en Europa suceda, dunha maneira ou doutra, nos é alleo. Somos nós todo iso.
Toda estratexia que conciba a vitoria debera partir doutra evidencia redundante: a crise irreversible da representación política
Podemos caer na tentación de resolver a análise da situación apelando á traizón e á culpa, mais sería pouco efectivo. Trátase máis ben de converter unha derrota dolorosa e deprimente nunha vitoria pírrica do monstro. E iso só se poderá facer a partir dos puntos de apoio que quedaron ao descuberto neste proceso. Por exemplo, a partir da comprensión de que coa mafia non hai negociación posible. Ou, cando menos, non en termos de acordo entre iguais. O rostro da besta quedou revelado, por se non o estaba, e iso é importante, pero non é vitoria abonda. Toda estratexia que conciba a vitoria debera partir doutra evidencia redundante: a crise irreversible da representación política. Unha crise que se expresa na demostración de que a participación e a lexitimidade democrática dun goberno elixido por sufraxio universal carece de poder, ou non ten poder suficiente, fronte a unha representación escura e antidemocrática do capital financeiro. Aí non hai marxe posible de negociación nin de acordo.
É preocupante que o discurso xustificativo de Alexis Tsipras se axeite desta maneira á lóxica blairista de asunción dos límites impostos
Non cabe moita dúbida de que o modelo que as clases dominantes impoñen ao conxunto da Zona Euro non ten solución de continuidade coa desfeita que o thatcherismo significou para as clases populares británicas, para o movemento obreiro e para as súas organizacións. Mais a peor derrota é sempre a que se asume como irreversible. A idea de que non hai alternativa, There Is No Alternative, é tan servizal aos intereses de quen posúe os mecanismos de poder e necesita preservalos como inaceptable para quen está na obriga de facelos saltar polos aires. There Is No Alternative é a peor derrota, a que decide non disputar o verdadeiramente importante. Nese sentido, é preocupante que o discurso xustificativo de Alexis Tsipras se axeite desta maneira á lóxica blairista de asunción dos límites impostos. Unha lóxica á que tamén pareceron engadirse no Estado español Pablo Iglesias e Íñigo Errejón.
Desde que irrompe no escenario político europeo, Syriza representa o gran perigo da enunciación do imposible, no sentido dunha intervención directa no cotián. Unha intervención por vía de urxencia en todo aquilo que sostén a lóxica do capitalismo europeo. Syriza irrompeu enunciando o prohibido: hai alternativa á ditadura do fascismo financeiro. Nada sería, daquela, peor que opoñerlle ao presente thatcherismo continental ese neoblairismo que teima en inutilizar os espazos de ruptura cos que se formou o grupo parlamentario da Esquerda Unitaria Europea.
A derrota non é non gañar unhas eleccións. A derrota comeza por aceptar que non existe alternativa ou que a alternativa é unicamente un regreso ao pacto que lle daba razón de ser á socialdemocracia
A derrota non é non gañar unhas eleccións. A derrota comeza por aceptar que non existe alternativa ou que a alternativa é unicamente un regreso ao pacto que lle daba razón de ser á socialdemocracia, Non podemos nós resucitar o morto do Estado do Benestar. Cando un non quere, dous non pactan, e o Capital hai tempo que non quere pacto, des que proclamou a fin da historia e clausurou toda opción de reforma progresista.
Aquel Non Hai Alternativa ameaza con volver, acompañado pola perversa idea da meritocracia, o goberno dos mellores, ou sexa, a contradición profunda co goberno do pobo, coa República da Multitude.
Pero hai alternativa. Claro que hai alternativa á austeridade. Owen Jones chámalle Lexit.