Hai alternativas (II): a función social da propiedade privada

1.- O neoliberalismo considera á propiedade privada como un dereito natural inalienable, como se a mesma natureza fose a que lles da o privilexio de reservarse en exclusiva para eles unha parte do que existe. Sen embargo, a propiedade privada é o resultado de interaccións sociais e ninguén ten nada se non é en parte como consecuencia do que recibiu dos demais. Bill Gates non sería o dono de Microsoft sen os coñecementos que recibiu da sociedade ou se as leis mercantís non favorecesen a posibilidade do seu negocio. Non existe o dereito natural senón que só hai dereito positivo, o que redactan os parlamentos baseándose na racionalidade das cousas. A propiedade privada non é un dereito absoluto senón só un dereito suxeito a limitacións.

2.- Pero non fai falla ser un marxista ortodoxo para poñer en cuestión o carácter absoluto da propiedade privada; a propia Constitución Española no seu artigo 33 expresa claramente a función social que debe ter a propiedade privada e a posibilidade de expropiacións legais: “1) Recoñécese o dereito á propiedade privada e á herdanza. 2) A función social destes dereitos delimitará o seu contido, de acordo coas leis”.

O que non se pode permitir é un proceso irracional no que a propiedade non se adquire pola súa propia utilidade senón só como soporte especulativo

3.- Tanto Cataluña como o País Vasco estudan penalizar os pisos baleiros, fomentando así que se aluguen e teñan algún tipo de utilidade. O que non se pode permitir é un proceso irracional no que a propiedade non se adquire pola súa propia utilidade senón só como soporte especulativo para acaparar uns bens e revendelos despois con inxentes beneficios. E isto que se di dos pisos a nivel de particulares rexe tamén para tódalas materias primas que as multinacionais adquiren no mercado de futuros, como os cereais, monopolizando o seu control para subir os prezos, condenando así á fame a millóns de persoas no terceiro mundo. Este tipo de cousas teñen que ser prohibidas radicalmente.

4.- Os labregos andaluces piden reiteradamente que os latifundios improdutivos dos terratenentes sexan obrigados a poñerse en uso para dar traballo ó inmenso colectivo de parados do campo. Temos en Galicia unha infinidade de pequenas fincas e montes sen ningún tipo de uso e os seus donos non saben, moitas veces, nin onde se atopan os seus terreos. Isto, ademais de ser unha fonte de combustible incontrolado para os incendios, é un desperdicio de recursos naturais. Tendo en conta o paro que hai, non se entende que non se aproveiten eses terreos para que alguén os poida traballar. Deberíase polo tanto crear un banco de terras e seguro que os donos que non os utilizan agora estarían encantados de telos limpos e de recibir un aluguer pola súa utilización.

As empresas están para cumprir unha función social e non para enriquecerse creando necesidades ficticias ou un consumismo suicida

5.- Pero, se falamos de propiedade privada, non estamos a pensar só en pisos e en terras senón tamén na propiedade dos medios de produción. As empresas están para cumprir unha función social (a de satisfacer algunha necesidade pública) e non para enriquecerse creando necesidades ficticias ou un consumismo suicida. Trátase de que as empresas dean un servizo social, gañando algo a cambio, e non de que fomenten o produtivismo incrementando os residuos; tampouco se trata de que cren necesidades falsas ó utilizar insistentemente a publicidade para meternos na cabeza que non podemos ser felices sen a última xeración de móbil. Tampouco deberían as empresas acaparar un sector da economía para xestionalo de forma abusiva en réxime de cuasi-monopolio. No caso dos bancos, a súa finalidade é facilitar o crédito ós particulares e ás empresas e non espremer á poboación permanentemente, privatizando os beneficios cando as cousas van ben e socializando ás perdas cando toca rescatalos.

6.- Esta esixencia de utilidade á propiedade empresarial tamén apunta os seus produtos: estes deben ser apoiados ou penalizados en función tanto da súa utilidade social como do contaminantes que sexan eles ou o seu proceso de produción. Estase a falar a nivel internacional de poñer un imposto contra a comida basura polos seus efectos nocivos. Isto pode ampliarse a tódolos produtos rebaixando os impostos dos socialmente beneficiosos e aumentando os dos prexudiciais.

7.- Para rematar: o que compre é esixir á propiedade privada que teña unha utilidade social e deixe de servir ben de ferramenta de explotación ben de parasitismo social ben de acaparamento improdutivo de recursos. Hai que acabar coa manipulación empresarial dos medios de comunicación que nos inculcan que o único sagrado nesta sociedade é a propiedade privada e non a satisfacción das necesidades humanas básicas: a función da economía é a de estar ó servizo das persoas e non, como sucede agora, que son as persoas as que están ó servizo da economía

Hai alternativas, o único que precisamos é intelixencia para concretalas e vontade política para poñelas en marcha.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.