Hai cousa peor que estudar galego?

Moitas veces os medios teñen que dar noticias desacougantes e non é cousa de culpar o mensaxeiro, que non ten culpa da realidade. Porén, o mensaxeiro si é responsable da mensaxe e de como exerce o seu oficio de analista da realidade. Digo isto ao fío da noticia incluída o pasado 29 de outubro en Praza Pública sobre o relatorio Inserción laboral de los estudiantes universitarios que acaba de publicar o Ministerio de Educación español. Sorprendeume o enfoque dado á noticia en Praza, centrado nos estudos de Filoloxía Galega que se presentan, xa en titulares, “entre as peores carreiras de todo o Estado para atopar traballo”. Como profesor nesa titulación e como director do departamento de Filoloxía Galega da USC síntome na obriga de facer algunhas observacións que axudarán (espero) a ver o que a frialdade dos datos ‘obxectivos’ agocha.

Podo comprender o sentido do relatorio desde a perspectiva do Ministerio, como entendo a teima polos rankings de clasificacións das universidades (e de calquera cousa) e, en xeral, a vontade de satisfacer pulsións fondamente ideolóxicas coa fasquía de datos obxectivos. Creo comprendelo tamén na óptica da Secretaria de Estado Montserrat Gomendio, responsable do informe e ben coñecida polos seus desvelos a favor da educación pública en xeral, das humanidades en particular e máis aínda das ‘linguas rexionais’ como o galego, ás que tanta importancia outorga no currículo educativo.

O que non entendo é o sentido da noticia elaborada por un medio que se di defensor do galego pero que actúa como mero transmisor ‘obxectivo’ duns datos sen esbozar a mínima análise crítica acerca de por que as cousas son como son, de se son realmente como se di que son e de como a sociedade vai ler eses datos, en ausencia desa análise crítica. Da noticia só me confortou o teor dalgúns comentarios de lectores que apuntaban a estas eivas e ao efecto de desánimo a que conducen, encastelándonos na torre da derrota.

Gustaríame reflexionar brevemente sobre a obxectividade de tanto dato obxectivo e sobre o obxectivo de tanta obxectividade. Porque a reprodución (selectiva) de datos adoita ter razóns pouco asépticas. Por desgraza, isto vese con demasiada frecuencia, en medios de comunicación galegos, nas noticias que teñen que ver co futuro do galego no sistema educativo –no sistema universitario, neste caso. Citarei só dous exemplos que estamos a vivir nestes mesmos días:

a) Recentes directrices do Ministerio e da Consellería impuxeron un número mínimo de 50 estudantes de nova matrícula para manter os actuais graos universitarios. A medida vai provocar unha profunda reestruturación do mapa de titulacións (a só dous anos de saíren as súas primeiras promocións) pois arredor dun terzo das existentes non acadan esa cifra mínima, tanto en Galicia como en España. Porén, os xornais galegos centraron durante moito tempo o foco de atención na noticia de que Filoloxía Galega non ten a matrícula mínima, que é a única das filoloxías ‘maiores’ que está nesa situación e que a súa continuidade corre perigo. E non é que o dato sexa falso: é simplemente significativo que se centre nela a información, apagando o dato tamén obxectivo de que en idéntica situación se atopan 14 dos 48 graos da USC e máis de 700 graos no conxunto do Estado.

b) Hai tempo que a ACSUG (organismo autónomo responsable oficial do control externo da calidade do Sistema Universitario Galego) publica anualmente unha Análise da inserción laboral dos titulados no SUG, bastante máis completa que a que publica agora o Ministerio. Nese estudo, a porcentaxe de persoas licenciadas en Filoloxía Galega que están traballando aos dous anos de licenciarse sitúase nos informes de 2008 a 2012 (os últimos cinco anos estudados) nunha porcentaxe do 73%. Mesmo o dobre do 37% que lle atribúe o estudo do Ministerio –correspondente ao ano 2014 mais referido aos licenciados en 2010.

As diferenzas son moi acusadas, pero antes de analizalas quero salientar o feito de que nunca ningún xornal publicou ao longo deses anos ningunha noticia, que eu lembre, facéndose eco deses datos de inserción laboral que situaban o galego nunha posición netamente por riba da media da universidade galega e das restantes filoloxías. Isto ocorría mentres a matrícula do título ía caendo ano tras ano, distanciándose cada vez máis da que obtiña Filoloxía Hispánica, que historicamente viña tendo unhas cifras de matrícula similar.

Non quero insinuar sequera que se deban ocultar informacións cando non gustan; pero tamén non ten sentido facer o contrario

Desde logo non quero insinuar sequera que se deban ocultar informacións cando non gustan; pero tamén non ten sentido facer o contrario. Creo que é un deber dos medios de comunicación comprometidos co galego non limitarse reproducir uns datos supostamente obxectivos. Sen unha presentación crítica deses datos e sen unha actitude positiva e proactiva, estarán contribuíndo ao derrotismo, á resignación social e ao cumprimento da profecía autocumprida.

Unha actitude crítica obriga desde logo a levantar a cuestión de por que as cousas son como son e quen son os responsables de que así sexan. E obriga sobre todo ao exercicio de confrontar as informacións que chegan á redacción coas xa existentes e a cuestionarse acerca de en que medida unhas e outras responden ou non á realidade.

Coñecemos ben a ficha técnica da mostraxe da ACSUG, pero pouco a do informe do Ministerio. Aprécianse algunhas diferenzas técnicas claras entre ambos os estudos, que sen dúbida son relevantes á hora de explicar unha diferenza tan acusada nos índices de inserción laboral (73% ACSUG vs. 37% MECD); pero non é este o lugar máis acaído para detallalos un a un. Hai porén un elemento moi significativo que cómpre salientar: os datos que ofrezo da ACSUG son unha media de cinco anos consecutivos; os do MECD refírense a só un ano. Estudando anos illados, as diferenzas en titulacións concretas e cun bastante escaso alumnado poden dar resultados moi diverxentes dun ano a outro, por circunstancias máis ou menos aleatorias difíciles de controlar. Por iso eu contrapoño a media de cinco anos como dato máis fiable. Velaí a serie histórica segundo a ACSUG (porcentaxe de licenciados en galego na USC traballando aos dous anos de rematar os estudos):

 

2008 2009 2010 2011 2012
80% 77% 64% 100% 43%

 

A promoción do informe do MECD de 2014 correspóndese no da ACSUG á de 2012 (estes preguntan aos dous anos de licenciarse, aqueles aos catro). Tendo iso en conta, as diferenzas de resultado (43 vs. 37%) son facilmente explicables por diverxencias técnicas da enquisa que agora sería prolixo enumerar. O relevante é que esas oscilacións de ano a ano son lóxicas e esperables cando se traballa con universos pequenos. Un exemplo próximo: a ACSUG refire unha inserción laboral dos licenciados en español dun 35% en 2009 e dun 69% en 2010. Unha diferenza do dobre, tomando illados dous anos consecutivos.
En suma: se un informe se publica sobre os datos dun só ano, como ocorre co do MECD, os resultados poden ofrecer diferenzas tan escandalosas como pouco significativas. Que sentido ten daquela presentar un estudo sen proxección temporal, cando existen xa informes oficiais (moi custosos, por certo) que dispoñen deses datos con esa máis ampla perspectiva?

Se un informe se publica sobre os datos dun só ano, como ocorre co do MECD, os resultados poden ofrecer diferenzas tan escandalosas como pouco significativas

Cómpre tamén que o enfoque das informacións fomente unha actitude proactiva e positiva. No departamento que dirixo levamos dous anos tentando atallar unha sangría de matrícula que non para, practicamente sen medios, a través de contactos co noso alumnado e co profesorado de ensino medio e de visitas aos institutos. Tentamos proxectar unha imaxe positiva pero tamén honesta, baseándonos en datos como os dos informes da ACSUG e outros que agora non podo detallar por razóns de espazo; loitando contra a resignación que gaña terreo nun profesorado de galego cada día máis queimado e máis avellentado. Agora, con esta información, podería parecer que estivemos enganando as persoas con datos inexactos. Os datos, sempre contrastados e en ningún caso nosos, poden consultarse no Facebook do noso grao (graoenlinguaeliteraturagalegas), que tivemos a ousada ocorrencia (ou o cinismo, pensarán algúns) de encabezar co lema Unha opción con futuro.

É difícil combater os prexuízos contra o galego cando as autoridades encargadas de combatelos non son quen de facelo e mesmo os fomentan. Iso é ben sabido. No que ás veces non reparamos tanto é no doado que resulta actuarmos inadvertidamente como cómplices e promotores deses prexuízos procedendo de maneiras aparentemente neutras.

Que pensarán tras ler os titulares de Praza os mozos e mozas que están agora a estudar galego ou os que teñan vontade de estudalo no futuro, coa lexítima aspiración de poderen vivir algún día do que estudan? Que pensarán as súas familias, que se esforzan nun investimento supostamente tan pouco produtivo en tempos tan difíciles? Pensarán: “Hai cousa peor que estudar galego?” Lida a noticia, terán a resposta: “Algunha hai, pero son moi poucas”.

Atentos ao desalento… e ollo cos datos.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.