Hai moitos xeitos de exercer o feminismo. Impoñer non é un deles

CC-BY-SA Praza Pública

Se hai algo positivo para min no paso dos anos, é que, despois de moitos , case unha vida, tentando agradar a quen non me valoraba, dicindo aquelo que se supoñía que era o correcto, e calando o que me queimaba por dentro, pero que sabía que, de sacalo fora, sería pouco menos que lapidada, por fin aprendín a dicir o que me pide o corpo.

Sempre con respecto, por suposto, o mesmo respecto que me gustaría que me otorgaran a min, algo que non sempre ocorre, pero clariño, moi clariño, e sendo moi consciente de que é o meu dereito, un dereito que podo exercer con todo o orgullo do mundo sempre que a miña conciencia estea tranquila e a coherencia rixa as miñas verbas e os meus actos.

Son moitas as veces que cando falo ou opino sobre algo se monta a revolución, porque teño que recoñecer que semella que teño unha especial facultade para ir pola vida contra corrente, e sei que non gaño amigos con moitas das miñas manifestacións.

Sei que se me adherira ao que dí a maioría outro galo me cantaría, estaría moito mellor vista, ou, de non ser así, tal vez debera considerar algunhas veces a opción de ficar caladiña, como fan moitos e moitas, malia que as agochadas actúen dun xeito ben diferente, pero, teño que admitilo, non son quen, e creo, honestamente, que non hai, a estas alturas da miña vida, demasiadas posibilidades de que cambie.

Acadar esta liberdade custoume, como digo, moitos anos da miña vida, moitas bágoas, moita dor. Un prezo, en definitiva, demasiado caro como para desprezar agora o que gañei con tanto esforzo.

Pois ben,un ano mais, coa chegada do 8M, sinto rebulir en min ese ruxerruxe que me fai sentir que se calo, vaime mal, así de sinxelo.

De novo nos chaman a todas as mulleres a folga, e vaia por diante que non teño nada en contra deso, nin moito menos, nin tampouco de quen organiza estas movilizacións, ou mellor debería dicir da maioría das que organizan estas movilizacións, porque se hai outra cousa que teño clara é que a intención e a vontade non son as mesmas en todos os casos, e nestas datas hai embigos que se convirten en obxecto de culto (o dito, non teño remedio!).

Esa folga vai mais aló de non acudir ao posto de traballo. Suponse que o paro debe ser total, sendo unha parte moi importante deste a llamada “folga de coidados”.

E aquí é cando me dan a min desexos de berrar : “Ola, chamando a terra!, hai alguien realista por ahí?”.

Porque claro, é moi doado, e queda moi ben ademais, alardear de implicación, de activismo, de secundar a folga por riba de todo, e instar a todas as mulleres a facer o mesmo dicíndolles que é o seu dereito, cando as que o fan teñen o seu traballo ben asegurado, e saben que ao día seguinte vai seguir ahí, agardando por elas, e sen que ter parado lles implique problema algún, nin ninguén tome represalias.

Pero, qué pasa con esas mulleres con traballo en precario, ou sen contrato algún, que nin en sonos se poden permitir o luxo de faltar a él, mesmo moitas veces estando enfermas ou tendo calquera outro problema, por moi grave que sexa,porque saben que poden acabar na rúa, e eso implicaría perder o único sustento co que contan elas e tal vez os seus fillos?.

É de recibo pedirlles que paren a esas mulleres que o único traballo que conseguiron é facer unhas horas aquí e outras alá, gañando unha miseria, e que semella que deben ser inmunes a calquera circunstancia que poida implicar a súa ausencia un só día, unha soa hora, pero as que o panorama laboral non lles brinda outra oportunidade?.

Acaso elas son menos feministas que as que as instan a non acudir aos seus traballos?.

Ou é que teñen a posibilidade de garantirllos, ou mellor ainda, de ofrecerlles outros en condicións dignas?.

Son menos bravas, elas, que loitan cada día por sobrevivir, que as que enarbolan unha pancarta?.

Penso que a resposta é obvia, e quen non o entenda así ten, na miña opinión, un grave problema.

Esquecía, eso si, que se lles brinda outra opción, a de colgar un mandil na fiestra.

Seguro que os seus respectivos xefes llo permiten encantados!.

Sexamos realistas, por favor, e intentemos ofrecerlles, polo menos, o apoio e a comprensión que merecen.

E qué dicir de tantas e tantas mulleres que teñen ao seu cargo persoas dependentes, ou nenos pequenos?.

Evidentemente, para as que están soas, é totalmente impensable o feito de parar, e tampouco a situación das que teñen parella, ou polo menos da maioría delas, difire moito.

Francamente, por mais que o tento, non imaxino a maior parte deses compañeiros, por moito que compartan a causa e apoien a folga, pedindo no traballo o día libre, ou unhas horas, para substituir as mulleres, e menos ainda alegando que a razón é que estas van a exercer o seu dereito a folga, e, no hipotético e mais que improbable, por non dicir imposible, caso de que o fixeran, ainda menos me imaxino a certos empresarios, non poucos, dicíndolles que fiquen na casa tranquilos mentras elas van a folga, que non pasa nada.......E entón espertamos!.

Por favor!. É que vivimos nas nubes?.

Por outra banda, cústame moito identificar co feminismo o que soa a imposición, o que semella excluir a quen non se axusta a determinados parámetros, parámetros, ademais, impostos por mulleres, e que non distan tanto do que din condear.

Hai moitos xeitos de loitar, tamén no feminismo, e non respectalos, ou non tentar sequera entendelos, non é, na miña opinión, o mellor dereito de exercelo. Pola contra, dí moi pouco no seu favor.

Falamos de igualdade, de liberdade, de tolerancia......con quen, con todo o mundo ou tan só con quen opina e actúa coma nos?.

Francamente, paréceme unha incoherencia, ademais dunha falta de respecto enorme hacia moitas mulleres e as súas complicadas circunstancias, esa sensación que se transmite de que, aquelas que, pola razón que sexa, non se unen a esta folga, son excluídas dese “feminismo” que certos grupos predican.

Lamento, pero non o comparto.

Alégrome polas mulleres que poden exercer o seu dereito a folga sen medo as consecuencias ou a perder o seu traballo.

Respecto profunfamente as que se van unir a ela, e as que non o van a facer, sexa cal sexa a razón. 

Que alguien me corrixa se estou errada, pero creo que isto, o respecto, e algo que si ten moito que ver co feminismo.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.