Hai outros 11S

Vaia por diante o meu total respecto cara ás vítimas dos tráxicos atentados do 11 de setembro de 2001 en Nova York, Washington e Pennsylvania. Isto antes que nada, pois o merecen, e aínda que non tería que matizalo, porque serei tachado de cru, desapiadado e mesmo cómplice dos terroristas, só por atreverme a exercer un espírito crítico sobre toda a parafernalia e ouropel de recordatorios e homenaxes coa que nos bombardean os medios de comunicación nunha data como esta.

É que hai vítimas de primeira e de segunda? Ou directamente os hai esquecidos, abandonados e ata invisíbeis?

Dicía un locutor de radio nos preparativos ao “día grande” que ha de ser hoxe para todos os estadounidenses, que “todos temos algo que ver co 11-S, a todos nos afectou e afecta” (¡!). Eu digo que si, pero igual que todas as miles de vítimas que se producen por causa do terrorismo, sexa “ilegal” ou de Estado, en tantas outras partes do mundo, por mor das guerras, ou da violencia estrutural, que son terrorismo igualmente.

É que hai vítimas de primeira e de segunda? Ou directamente os hai esquecidos, abandonados e ata invisíbeis? Ou como dicían e seguen dicindo das vítimas das ditaduras chilena e arxentina (nas que por certo tivo moito que ver o país cara ó que actualmente ten que mirar todo o mundo hoxe para render homenaxe), desaparecidos? O que alguén, cuxa identidade non está moi clara aínda, fixo nas Torres Xemelgas e o Pentágono non o fixo o goberno de Estados Unidos, explícita ou sutilmente, ao longo de toda a súa historia en Chile, Arxentina, Nicaragua, Guatemala, Vietnam, Irak, Palestina, Libia, Afganistán…? Non está a piques de facelo en Siria? Non practicaron e practican eles un terrorismo de Estado, movido por turbios intereses económicos, que mesmo se podería ter volvido contra eles mesmos cando tentaban  xustificar unha guerra polo petróleo en Oriente Medio? Hai moitas sombras, aínda que os media nos queiran vender outro conto, sobre o 11S.

Parece que a espectacularidade e a iconografía deste fito histórico que, é verdade, inaugurou unha nova era, pero non da forma en que nos queren convencer, fai esquecer todas as demais traxedias, que non foron televisadas

Parece que a espectacularidade e a iconografía deste fito histórico que, é verdade, inaugurou unha nova era, pero non da forma en que nos queren convencer, fai esquecer todas as demais traxedias, que non foron televisadas. Non retransmitidas ao vivo. Non contadas coa mesma cobertura mediática, coa mesma emoción, coa mesma intriga, cos mesmos recursos, coa mesma escenografía no contexto da espectacularización da información e da sociedade da que falan xente como Ramonet. Pero iso ten que ser un agravio tamén para esas mesmas vítimas, e para todas as demais.

Por iso neste 11-S quero romper unha lanza, para non esquecelos, por tódolos demais 11 de setembro. Moi especialmente polo 11 de setembro de 1973

Por iso neste 11-S quero romper unha lanza, para non esquecelos, por tódolos demais 11 de setembro. Moi especialmente polo 11 de setembro de 1973, hai exactamente 40 anos, no que Pinochet, o exército chileno e a CIA estadounidense asasinaron premeditadamente a Salvador Allende e con el a democracia chilena, un día que debería ser moito máis recordado hoxe no noso ámbito, pero que discorre coa discreción dos feitos que non necesitan de propaganda, e que caracteriza tamén á familia do presidente chileno. Esta enterrouno por terceira vez, hai dous anos, en cerimonia privada, rodeado polo afecto dos que o seguiron máis preto, e coa homenaxe íntima, silenciosa e sen ruído mediático de millóns de chilenos que aínda o levan no corazón.

Un 11 de setembro que iniciou unha etapa negra da historia daquel país, mais do que a sociedade e a clase política chilena aprenderon, condenando en pleno os crimes perpetrados polos fascistas, e aínda hoxe xuíces e maxistrados piden “perdón” polas súas “accións e omisións” durante a ditadura

Un 11 de setembro que por certo deixou moitas máis vítimas, entre executados, damnificados e “desaparecidos” pola brutal represión pinochetista, uns 40.000. Un 11 de setembro que iniciou unha etapa negra da historia daquel país, mais do que a sociedade e a clase política chilena aprenderon, condenando en pleno os crimes perpetrados polos fascistas, e aínda hoxe xuíces e maxistrados piden “perdón” polas súas “accións e omisións” durante a ditadura, e que en xeral fai un exercicio de permanente revisión, memoria e investigación sobre un pasado non tan lonxe, xa sexa en forma de homenaxe, reclamación de xustiza, reparación ou simplemente busca da verdade, nada máis nin nada menos, como na exhumación dos restos de Allende ou Neruda. Unha actitude da que deberiamos aprender aquí neste Estado que nega sistematicamente o recoñecemento das vítimas do franquismo, que nega permanentemente a memoria e a verdade. Como o negan todas as potencias que agreden a outras e se sorprenden de que os seus actos e o odio que xeran se volva na súa contra.

Hai outros 11-S que non ocupan tanto espazo nos medios, pero teñen o mesmo dereito a facelo, e a deixar un baleiro moito máis grande nos corazóns de quen o viviron de cerca, ou de quen simplemente o sentimos máis de cerca porque afectou, como dicía Víctor Jara, aos “nosos”, aqueles “cinco mil” que traballaban nas fábricas de Santiago, o “pobo unido” que “xamais será vencido”.

 

Pode comentar estas cuestións ou porse en contacto co autor do artigo no seu blog As outras voces ou ben a través das redes sociais.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.