Hai que facer fronte á miopía triunfalista do Goberno

Coa recente publicación dos datos do mes de marzo de prestacións, péchase o primeiro trimestre de 2014. Xa a EPA avanzara a gravidade da situación: hai 3.997.656 persoas paradas que non están a percibir prestación ningunha. Agora o SEPE pon as cifras: no primeiro trimestre de 2014 gastáronse 1.262 millóns menos que no mesmo trimestre de 2013.

De non tomarse medidas urxentes, 2014 rematará cunha taxa de protección por paro dun de cada catro parados

É preciso lembrar que 2013 pechouse cunha diminución de 1.873 millóns sobre 2012. Pois ben, só no primeiro trimestre deste ano o recorte de prestacións supón as dúas terceiras partes que o do ano pasado. De non tomarse medidas urxentes, vai rematar 2014 cunha taxa de protección por paro dun de cada catro parados. Actualmente só un de cada tres está protexido.

En abril a afiliación ten un comportamento determinado pola influencia das afiliacións de Semana Santa. Entre o 14 e o 21 de abril producíronse 527.000 altas e 385.000 baixas na Seguridade Social. Nos dous últimos días de mes as cousas viran e hai 200.000 baixas por 102.000 altas. Neste mes houbo un total de 3.331.980 movementos (altas ou baixas). Como a fin de mes hai 151.132 afiliados máis que ao comezo, unha simple división dinos que por cada afiliado que aumenta prodúcense 22 altas ou baixas. Fan falta 22 movementos de persoas para que unha permaneza. Iso supón unha altísima rotación e precarización do mercado laboral. Son contratos de días ou de horas, a tempo parcial en boa parte dos casos.

Fan falta 22 movementos de persoas para que unha permaneza afiliada, unha altísima rotación e precarización do mercado laboral

É de saudar que, polo menos, creza a afiliación. Pero, sempre hai un pero, resulta que creceu un 13% menos do que o fixo en 2011. Daquela o aumento foi de 173.565 afiliados. Hoxe, grazas ás políticas postas en marcha polo PP, o aumento é de 151.132 persoas afiliadas. Dous anos aplicando políticas e facendo sufrir a toda a poboación (mellor a case porque sempre hai un case que se aproveita do sufrimento) para que se creza un 13% menos de como se facía cando a situación era horrible.

Hai 1,10 millóns de persoas afiliadas menos á Seguridade Social que hai tres anos

Vemos dous anos de políticas que levaron a que o número de afiliados pase dos 17.498.964 de abril de 2011 aos 16.420.853 deste mes. Hai 1.078.111 persoas afiliadas menos. E as cousas van mellorando, din... Se utilizamos os datos de afiliados medios de abril de 2014, non porque gusten, senón porque son os que están desagregados, e os comparamos cos de abril de 2011, os datos que sacamos son claros.

Compróbase como nestes dous anos expulsouse do mercado de traballo ao 23% dos mozos que había e, ao mesmo tempo, os contratos formativos aumentan un 35%. Menos emprego novo e moito máis precario. Tan só aumentan as relacións laborais precarias: con contratos formativos e a tempo parcial. Se traducimos os afiliados a tempo parcial en tempo completo, a caída de afiliados aumenta desde o 8,3% até un 10,2%.

Do total de perda de afiliación, as tres cuartas partes corresponden a afiliados con contrato indefinido a tempo completo, hai 790.000 menos e o que máis contrarresta esta perda son os temporais a tempo parcial, hai 115.000 máis. Este é o futuro deseñado na reforma. Nestes datos non aparece a deterioración sufrida polos empregados públicos xa que os que están en Muface non constan nos datos de afiliación, non están na Seguridade Social. Se se fornecesen os seus datos conxuntamente cos afiliados, a situación sería aínda máis preocupante.

Esta semana volvemos ouvir que as cousas van mellor. Non se sabe para quen

Esta semana volvemos ouvir que as cousas van mellor. Non se sabe para quen. Para os catro millóns de parados que están sen prestacións, non. Se vemos o que mellorou coas políticas do PP a situación que había, é para tremer. Desde o goberno seguen unha e outra vez clamando pola recuperación coma se por invocala se producise. Dá igual que os mesmos que consideraban un pésimo dato o aumento da afiliación en "só" 175.000 persoas, consideren hoxe como o síntoma da recuperación un aumento de 151.000.

Un millón menos de afiliados debería servir para facer reflexionar, non para colocarse medallas. Non hai recuperación, senón máis sufrimento

Despois dos datos facilitados pola EPA no primeiro trimestre, resulta claramente insultante a lectura que se está facendo dos datos de abril. Non hai o máis mínimo indicio de asomarse á realidade. Un millón menos de afiliados debería servir para facer reflexionar, non para colocarse medallas. A dislocación realizada pola Reforma sobre as relacións laborais é de tal envergadura que non é admisible outra vía que a rectificación. Non hai recuperación senón máis sufrimento. Relacións máis precarias e parados cada vez máis angustiados porque ou están en situación de desprotección, dúas de cada tres, ou senten como esta vailles chegar inexorablemente porque non teñen visos de atopar un traballo.

A clave para reaxustar a situación é volver a unhas relacións laborais cunha regulación equilibrada que sitúe o fiel da balanza compensando a diferenza de forzas, primando o colectivo sobre o individual. Ademais é preciso retomar o sistema de prestacións anterior á súa reforma de 2012, redefiníndoo de acordo cunha crise moito máis prolongada que a previsión de duración máxima. Nesta liña é preciso reformar a Renda Activa de Inserción dando entrada, cando menos, aos parados con cargas familiares con independencia da súa idade; pondo o contador a cero, que os que xa a percibisen, poidan volver facelo; reducir o período sen prestación dos doce meses actuais a un máximo dun mes. Todo isto debe estar acompañado por unha revisión dun IPREM conxelado cinco anos e dun salario mínimo que perdeu capacidade adquisitiva.

Un voto de castigo a esta política nas próximas eleccións pode servir de chamada de atención. Do contrario, só haberá máis recortes, desprotección e precariedade

Se acompañando estas medidas se vira a política de austeridade implantada por outra de crecemento, poderiamos empezar a ver algo de horizonte. Hoxe só se ve a negrura da pobreza, o desemprego e a desesperanza. Un voto de castigo a esta política nas próximas eleccións pode servir de chamada de atención. Do contrario, só haberá máis recortes, desprotección e precariedade.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.