Hai un ano xa

Hai un ano xa, no nadal de 2013, ver 180 ameneiros do Toleiro marcados cunha cruz que revelaba a súa condena a morte,  supuxo o nacemento do movemento veciñal contra o plan de encanamento do río Sarria. Os que o iniciaron eran poucos pero decididos. Crearon a páxina do Facebook, converteron as cruces das árbores en corazóns que simbolizaban o seu amor por elas e iniciaron unha campaña de recollida de firmas en internet.

Hai un ano xa, no nadal de 2013, ver 180 ameneiros do Toleiro marcados cunha cruz que revelaba a súa condena a morte,  supuxo o nacemento do movemento veciñal contra o plan de encanamento do río Sarria

O grupo axiña medrou e as primeiras reunións leváronse a cabo antes de rematar o ano. Alí compartiamos a pouca información que tiñamos. As obras faríanse só en 300 metros do río Sarria. O Celeiro quedaba para outro momento. As nosas árbores ían ser talladas, as nosas pontes derrubadas, e o conxunto etnográfico do muíño do Toleiro eliminado, o tempo que se arruinaba a imaxe de Sarria no Camiño de Santiago, e todo coa desculpa de salvarnos dunhas inundacións que esas obras non ían poder evitar. Pouco falaba a prensa diso e menos aínda os nosos gobernantes e a oposición no concello.

Quen eramos nós para opoñernos á todopoderosa Confederación Hidrográfica e ao interesado Concello e privar a Sarria dunhas obras que supoñían un investimento de máis de seis millóns de euros?

Así foi coma este pequeño grupo moi responsabilizado e temeroso botou a andar a plataforma. Temeroso, si. Os que tempo despois fomos chamados "activistas", "perroflautas", "pseudointelectuais", "platagaiteiros", e ata "tocahuevos", non eramos máis que xente preocupada polo noso río, pola nosa paisaxe e polo noso patrimonio, ademais de polos cartos públicos que se ían tirar no proxecto da Confederación, e responsabilizados si, moi preocupados por tratar de parar unhas obras que se comentaba ían traer a Sarria moitos cartos, moitos postos de traballo e nos ían salvar das riadas que de cando en vez padecíamos… e padeceremos. Quen eramos nós para opoñernos á todopoderosa Confederación Hidrográfica e ao interesado Concello e privar a Sarria dunhas obras que supoñían un investimento de máis de seis millóns de euros, nunha época de penurias e recortes? Que pensaban os sarriaos de todo isto?

De aí saíu a primeira reunión pública, o día de reis. Xuntámonos unha trintena de persoas, a maioría concienciadas co problema, que tratabamos de medir as nosas forzas iniciais. Que era o que preocupaba os sarriaos e que estariamos dispostos a facer polos nosos ríos? Contamos coa presenza de membros de ADEGA, con Adela Figueroa, a nosa benquerida Curra, á cabeza.  De alí o grupo saíu un pouco máis grande e un pouco máis forte. Convocouse á prensa para un par de días despois e fíxose a primeira foto de membros da Plataforma e o primeiro comunicado oficial da mesma.  Nos días seguintes convocouse o primeiro concurso de debuxo para nenos e de seguido o primeiro concurso de fotografía para maiores e cativos, decidiuse a confección de bandeiras e chapas e o reparto de irónicas esquelas polo pasamento do río.

Había que ter máis información, máis opinións solventes sobre o tema e, sobre todo, chegar á xente. O noso cabalo de batalla era e segue a ser a información

A partir de aí todo foron traballo e reunións. Cada un dentro das súas posibilidades, dábao todo. Había que ter máis información, máis opinións solventes sobre o tema e, sobre todo, chegar á xente. O noso cabalo de batalla era e segue a ser a información.

Non podiamos dar un paso en falso. Decidimos o nome da plataforma e fixamos os nosos principios básicos de oposición ao plan e proxecto: as obras danan o noso medio ambiente, a nosa paisaxe, estragan o noso patrimonio e non nos protexen das riadas, polo que son un claro desbalde de fondos públicos. E os nosos obxectivos: a paralización das obras e a redacción dun novo proxecto máis respectuoso co río e co patrimonio.

A finais de xaneiro fixeramos tanto ruído que o presidente e técnicos da confederación se desprazaron a Sarria a explicar a súa nesgada visión do plan e a tratar de calmar os ánimos

A finais de xaneiro fixeramos tanto ruído que o presidente e técnicos da confederación se desprazaron a Sarria a explicar a súa nesgada visión do plan e a tratar de calmar os ánimos. Lograron para a plataforma máis adeptos nunha mañá que nós nun mes de traballo.

Así chegamos á xuntanza informativa na casa da cultura do día 13 de febreiro de 2014. O acto foi meticulosamente preparado polos membros da Plataforma e participaron nel tamén Arlindo e Curra, coa súa presencia e os seus coñecementos de vital importancia para nós. Membros da Plataforma expuxeron tamén os seus coñecementos sobre o tema, contando, tras as bambolinas co apoio do resto. Aquel acto foi o noso empurrón definitivo. Ademais de todo o que aprendemos na súa preparación, vímonos sorprendidos polo número de persoas que acudiu, polo número de veciños que, coma nós, estaban moi preocupados polo que cocían na Confederación e no Concello para os nosos ríos e para o noso pobo.  Eran os veciños os que nos dicían que había que pasar á acción, que había que saír a rúa a amooar o noso descontento. O salón de actos da Casa da Cultura quedou pequeno e a xente abarrotaba a entrada. Emocionáronnos coa súa presencia, as súas ganas e ata co seu apoio económico.

De alí saímos coa idea de convocar un acto público de protesta contra as obras no río Sarria. A todo isto, pouco era o que ata o momento se estaba a facer nesas obras. Colocábanse algúns tubos e pouco máis. A actividade era mínima.  Fixouse a data do 23 de febreiro para a celebración da primeira concentración no Malecón. Moito traballo novamente de preparación e difusión ao tempo que empezaban a saír a rúa as primeiras mesas informativas e a colocarse as primeiras bandeiras da plataforma en ventás e balcóns. Chegado o día 23, varios centos de sarriaos congregámonos no Malecón para amosar o noso rotundo rechazo ás obras. Sonia López foi a nosa voz na protesta. Pero alí mesmo e antes de rematar o acto, déronnos a peor das novas: o día seguinte comezaría a tala das árbores do Toleiro. A reunión desa tarde-noite sería a máis multitudinaria das celebradas ata ese día. No salón da Unión decidiríase unha das máis valentes e eficaces accións da plataforma. Na madrugada seguinte varios membros da plataforma encadearíanse as árbores para tentar salvalas.

Na madrugada do día 24 de febreiro trece valentes sarriaos, co apoio de moitos máis, encadeáronse aos ameneiros da illa do Toleiro. Algunha árbore caeu, pero a maioría seguían en pe ao rematar o día

Así foi, na madrugada do día 24 de febreiro trece valentes sarriaos, co apoio de moitos máis, encadeáronse aos ameneiros da illa do Toleiro. Algunha árbore caeu, pero a maioría seguían en pe ao rematar o día. Cada vez máis xente se xuntaba na illa e a decisión foi continuar alí. Se saiamos todo podía estar perdido.  Foi moita a xente que pasou pola illa con gran esforzo, pasando frío e penurias, pero coa ilusión de estar a facer un gran traballo en defensa de Sarria. Tamén foron moitos os que colaboraron doutras formas, xa fora con comida, leña, mantas ou as máis diversas formas de apoio. E isto durou un mes, ata que na mañá do 24 de marzo, despois de que Confederación e Concello anunciaran que se pregaban a moitas das nosas reivindicacións, a garda civil e os antidisturbios chegados de fora, desaloxaban a illa pola forza, nun dos días máis tristes que vivimos ate o de agora e que motivou a espontánea manifestación máis grande que recordamos.

É moi difícil resumir un ano de loita nunhas poucas palabras. Nos vindeiros meses  a plataforma vai programar diversos actos  para rememorar aqueles días da illa do Toleiro e aí farase co detalle que merece. Non quero esquecer a morea de apoios chegados á Plataforma dende todos os ámbitos, principalmente da cultura e da universidade. Nin tampouco esquecer a represión que padecemos, e seguimos a padecer, por parte dos representantes do concello, con avisos e coaccións que nos fixo plantexarnos que non é o río o que está en xogo; o que está en xogo é a liberdade.

Que escuros beneficios serán os que moven ao Concello e á Confederación a non escoitar aos sarriaos e a todas as voces que chaman ao sentido común e ao entendemento?

Que escuros beneficios serán os que moven ao Concello e á Confederación a non escoitar aos sarriaos e a todas as voces que chaman ao sentido común e ao entendemento? Coma a última chegada dende o Consello da Cultura Galega.

Seguiron á illa accións de todo tipo. O xenial desembarco en barcas de xoguete para tratar de salvar a ponte do Toleiro, mesas informativas, cazoladas, batucadas, manifestacións, concentracións, roteiros, xornadas lúdicas, reunións informativas por barrios, camiño de Santiago, participación en todos os actos sociais de Sarria (actos deportivos, carnaval, San Xoan), difusión no Facebook, notas de prensa, carteis e panfletos informativos, etc., etc., ademais do arduo e produtivo traballo do grupo xurídico da plataforma que foi quen de paralizar a tala de árbores unha vez que se reanudou e ata de ter paradas a día de hoxe as obras na ponte Ribeira que estaban a causar danos irreparables na nosa ponte medieval.  Sen esquecer a morea de alegacións e recursos contra das multas que nos impuxeron e que suman varios miles de euros. Son varios os procedementos xudiciais que temos en marcha a día de hoxe e ata unha denuncia fixemos chegar á Comisión Europea, ademais de multitude de denuncias administrativas.

A pesares de toda esta actividade, e moita máis, a día de hoxe son vinte as árbores caídas, a ponte do Toleiro foi finalmente derrubada

A pesares de toda esta actividade, e moita máis, a día de hoxe son vinte as árbores caídas, a ponte do Toleiro foi finalmente derrubada e xa substituída pola maseira que temos á vista e están en marcha as obras de ornamento e reurbanización do Malecón, pero tamén é moito o conseguido: a maioría das árbores segue en pe, a varanda de Pepe Díaz Fuentes vai seguir no seu lugar, a presa e a illa do Toleiro están tamén salvadas e a ponte Ribeira ten paradas a obras que a ían danar.

Pero moito máis é o que nos queda por loitar. A ponte de Calvo Sotelo ten os días contados, hai que seguir a protexer a ponte Ribeira; conseguir que os logros acadados en canto a árbores e conxunto etnográfico do muíño do Toleiro se recollan nun modificado do proxecto e tantas e tantas cousas máis porque moito é o que lles resta a estas infames obras.  E por todo iso estamos aquí, non para celebrar este primeiro ano de loita, senón para celebrar que empezamos o segundo coa dignidade de Sarria por bandeira, sen dúbidas e sen temores, todos xuntos e reafirmados nas nosas conviccións contra este proxecto daniño para Sarria e de escuros obxectivos e vantaxes para os que o executan e o defenden.

Por todo iso estamos aquí, non para celebrar este primeiro ano de loita, senón para celebrar que empezamos o segundo coa dignidade de Sarria por bandeira

Algo moveuse neste ano que fará que Sarria nunca volva a ser a mesma.

O novo ano empeza hoxe! Seguimos a mollarnos polo río!

SI SE PODE!

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.