Hannibal ad portas

No ano 2014 asinei o manifesto Derradeira Chamada que advertía da gravidade da situación ecolóxica e do pouco tempo para afrontala:

“temos un lustro para asentarmos un debate amplo e transversal sobre os límites do crecemento, e para construírmos democraticamente alternativas ecolóxicas e enerxéticas que sexan á vez rigorosas e viábeis. Deberiamos ser capaces de gañar grandes maiorías para unha mudanza de modelo económico, enerxético, social e cultural. Ademais de combatermos as inxustizas orixinadas polo exercicio da dominación e a acumulación de riqueza, falamos dun modelo que asuma a realidade, faga as paces coa natureza e posibilite a vida boa dentro dos límites ecolóxicos da Terra.

Unha civilización acábase e habemos de construír outra nova. As consecuencias de non facermos nada —ou facermos demasiado pouco— lévannos directamente ao colapso social, económico e ecolóxico. Mais se empezamos hoxe, aínda podemos ser as e os protagonistas dunha sociedade solidaria, democrática e en paz co planeta.”

Persoas tan relevantes da esquerda e da ecoloxía coma Margarita Mediavilla, Antonio Turiel, Manuel Casal Lodeiro, Ada Colau, Alberto Garzón, Florent Marcellesi, López de Uralde, Marina Albiol, Pablo Iglesias, Xosé Manuel Beiras ou Yayo Herrero formaban parte dos asinantes dun manifesto que algúns críamos que podía levar a unha liña de acción política que puxese no primeiro plano a incompatibilidade entre o sistema capitalista e os límites da biosfera.

Porén, as circunstancias da política teñen levado a que a cuestión medioambiental quede ou postergada ou, peor aínda, sexa asumida coma un lugar común baleiro de todo significado mentres as consecuencias brutais do modelo global predador comezan a ser cada vez máis evidentes.

Nada ten mudado a mellor porque nada se fixo, e en novembro 15.000 científicos de todo o mundo advertiron novamente dos riscos fatais que encara a humanidade por non ter abandonado a senda da destrucción e crecer en número e consumo moito máis do que a biosfera pode soportar.

Mentres centramos a nosa atención en Catalunya, na conspiración ruso-venezolana, ou na cor da banda azul petróleo da camisola da selección española, acontecen cousas verdadeiramente preocupantes que amosan que moi cedo o noso modo de vida baseado no consumo intensivo e insostible rematará debido ao colapso sistémico. A alteración do clima, a extinción masiva de fauna e flora, o esgotamento do solo fertil, a contaminación, o cenit e inminente declive da maior parte de recursos, son realidades que están aquí e que evidencian a inviabilidade física non só do sistema capitalista senón de calquera sistema fundamentado no crecemento e a depredación consumista.

Por se non for bastante, o paradigma dominante ten acreditada a súa incapacidade para explotar eficiente e sostiblemente os recursos e tamén para distribuílos. Que senso pode ter continuar baixo un sistema que xera desigualdade e que destrúe o único lugar no que podemos sobrevivir?

Pese a todas as evidencias, a esquerda maioritaria, incluindo firmantes de Derradeira Chamada, segue ancorada en posicións reformistas, defendendo estructuralmente o sistema, e facendo proclamas baleiras encol da sostibilidade ou redistribución. A cruda realidade é que as organizacións maioritarias non están dispostas a abandonar a súa zona de confort no sistema e non teñen problema en seguir tocando mentres o Titanic vai ao fundo. Posiblemente sexa a inevitábel consecuencia da introducción da lóxica de mercado no sistema político: as organizacións deixan de ser transformadoras e pasan a ser vendedoras, e non están dispostas a que a realidade lles estrague o seu negocio.

Neses parámetros, cremos algúns que a reformulación da esquerda pasa necesariamente por asumir o ecoloxismo político coma fundamento e, en consecuencia, construírmos unha proposta política alternativa ás posicións crecentistas que non só sustenta a dereita senón boa parte da esquerda tradicional. Ante a gravidade da situación non é posibel continuar mirando para outro lado. Temos a Aníbal nas portas e é preciso reaxir cunha proposta netamente anticapitalista que xire en torno á autoxestión, a sostibilidade e a frugalidade. Un sistema que cubra necesidades e non desexos inducidos polo mercado e que garanta a igualdade, a dignidade e a supervivencia do xénero humano e do resto de especies coas que conformamos a biosfera.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.