Haymarket, Chicago, 1886

Que a Historia escríbese coa sangue dos vencidos xa é sabido. Pero as veces algo tan tráxico coma morrer pode chegar a construír unha vitoria, pode arrebatarlle a pluma a aqueles que con tanto interese emprégana buscando elaborar discursos hexemónicos. Coma dixo Moncho Reboiras, “morreremos, pero deixamos semente de vencer”. É o tipo de xente á que chamamos “mártires”, un concepto cheo de sentimentalismo e moralina cristiá na nosa tradición, pero non baleiro de significado cando, coma pobo responsable, recuperamos a herdanza de aqueles que resistiron, non por vocación sacrificial, se non por férrea convicción na loita contra a inxustiza. Diso trátase a verdadeira Historia, de recuperar xuntas a memoria e creares discursos que doten de significado e explicación ao mundo no que nos atopamos hoxe. Porque o mundo de hoxe non sería o mesmo sen a existencia dos “Mártires de Haymarket”.

O mundo de hoxe non sería o mesmo sen a existencia dos “Mártires de Haymarket”

Unha explosión nunha manifestación legal reprimida pola policía. 38 obreiros mortos e centos de feridos. Oito anarquistas xulgados por un delito que non cometeran, cinco condenados a morrer coma castigo por pensar distinto. Facianas visibles dunha protesta polos dereitos laborais nun mundo no que incluso os nenos pasaban máis da metade do día na fábrica. Chicago, 1886.

E como lembramos aos responsábeis de que a xornada laboral de 8 horas sexa un dereito? (aínda sendo na práctica un privilexio ostentado na súa maioría por occidentais).

O un de maio é hoxe unha celebración aceptada por case todos. Non os estadounidenses, que temerosos do crime que facturaron e a reacción que causaron, desvinculan o seu primeiro de maio do “labour day” oficialmente feirado, tampouco os británicos, que substituírono por un “día da britanidade”, pero si o é por case todo o resto de culturas que posuíron unha tradición de organización obreira. O 1 de maio hoxe en día é unha parafernalia dos sindicatos, día de regalos e consumo pra o Corte Inglés, día de “San Xosé Obreiro” pra todo-los católicos, era tamén o día de mostrar o poderío militar da URRSS. Todo o mundo quere durmir co legado dos mártires. A todo o mundo gústalle un cadáver popular, sácaselle tallada.

A mutabilidade da opresión é un factor clave pra súa perpetuación, non debe sorprendernos. E máis en termos da Sociedade do Espectáculo: os mesmos que choraban a Mandela no seu funeral son os que practican políticas sistematicamente racistas

A mutabilidade da opresión é un factor clave pra súa perpetuación, non debe sorprendernos. E máis en termos da Sociedade do Espectáculo: os mesmos que choraban a Mandela no seu funeral son os que practican políticas sistematicamente racistas. O lavado de cara é u instrumento político pra manter a orde das cousas: o exorcismo de demos do pasado por medio dunha compensación simbólica. Pero en canto a orde establecido, que nada mude.

Ling, Spies, Fischer, Engel e Parsons son lembrados nun memorial preto de onde aconteceron os feitos do maio de Chicago

Ling, Spies, Fischer, Engel e Parsons son lembrados nun memorial preto de onde aconteceron os feitos do maio de Chicago. O lar está denominado “national landmark”, stats que se lle reserva a lugares de interese histórico-nacional, coma pode ser o Monte Rushmore, o cal por certo foi esculpido sobre as montañas sagrados dos Lakota/Siux. A compensación histórica neste caso foi, cen anos máis tarde, outra escultura monumental, do líder indio Sitting Bull. Non sabemos se realmente alguén pediu isto.

E cen anos máis tarde amenceu a placa conmemorativa de Haymarket cunha mensaxe dirixida aos que alí se lles rende tributo, pero falándolle moi claro aos que a puxeran alí: “Primeiro tomaron as vosas vidas, agora explotan a vosa memoria”.

A placa ten permanecido así dende entón, por moitos intentos de borrar as verbas que alguén escribiu, unha e outra vez volveron. Non se volveu ver, nembargantes, a estatua que representaba aos policías mortos durante os disturbios. Vandalizada anos despois da súa construción, cambióuselle de lugar e nos 60' chegou a ser destruída ata en dúas ocasións, polos Black Panther e a Weather Underground.

John Peter Altgeld, quen fora alcalde de Illinois uns anos despois dos feitos de 1886, pediu perdón publicamente polo acontecido, definindo aos obreiros coma “vítimas da histeria, inxurias e un xuízo falso”. Non se lle permitiu continua-la súa carreira política tras iso. Todos estes son exemplos dunha guerra que constantemente loitamos.

 

A Guerra da Memoria

Demasiados esquirois mentais temos que combater hoxe en día. Demasiados ingratos que non valorarán a sangue que se derramou para que gocemos dos nosos inmerecidos privilexios

Demasiados esquirois mentais temos que combater hoxe en día. Demasiados ingratos que non valorarán a sangue que se derramou (dun bando e doutro, e sempre de forma desigual) para que gocemos dos nosos inmerecidos privilexios. Accións políticas de alcance ás veces tan reducido coma pode ser votar a representantes cada catro anos son só posíbeis hoxe en día porque moita xente decidiu décadas atrás non renderse ante a esmagadora lóxica do sistema imperante.  Lóxica que non importa en que grado de inxustiza no-la atopemos (sexa fascismo, sexa capitalismo), arrastra toda posibilidade de subversión coa torpe monotonía e o borrador da memoria.

Unha vitoria, entón, constrúese. Non só no momento de loitar, senón coma lembranza da mesma, pois se non somos quen de lembrar os nosos precedentes de resistencia e organización popular entón caemos no pozo sen fondo do escepticismo, derrubarémonos no cómodo sofá da indulxencia, e chegamos a aceptar que as cousas “sempre foron así e sempre o serán” cando, precisamente, a Historia o que nos amosa é que nunca nada foi así e que as posibilidades de que sexa doutro xeito son infinitas.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.