Hey, Galiziana, e a ti, quen te coida?

Escríbolle na miña condición de muller galegofalante, políglota, con estudos superiores, residente nun país rico e coñecedora da realidade doutras sociedades menos favorecidas

Estimado Sr. Feijóo,

escríbolle esta carta pública sabendo que probablemente non a lerá, porque non creo que lea este medio onde se publica. A ver se hai sorte e lle chega a súa secretaria de Gabinete, ou é a mesma que a da Conselleira de Política Social? Escríbolle na miña condición de muller galegofalante, políglota, con estudos superiores, residente nun país rico e coñecedora da realidade doutras sociedades menos favorecidas. Escríbolle como cidadá, e sobre todo como cidadá europea, non estando segura de que este concepto sexa entendido pola administración que xestiona. 

O pasado verán alguén me pasou, non sen certa sorna, un artigo de prensa publicado no xornal La Repubblica (non debe existir a versión en liña) onde se convidada aos galegos (galiziani) a retornar para faceren fronte á despoboación e ao avellentamento. Pregunteime, Sr. Feijóo, que tipo de galegos quere que retornen, e para que? Poden subvencionar os medios e favorecer a autopublicidade dos Global Galicians, mais mentres fan isto sabe que teñen en Galicia moitas persoas, galegas e emigrantes, que non reciben as axudas que lles corresponden por dereito. E digo dereito e non caridade, Sr. Feijóo. Agardo que vostede entenda a diferenza entre cidadá e cliente (propia dunha administración neoliberal) e entre cidadá e servo. Por que di que quere que volten os galegos (incluiría aquí tamén as galegas), se na práctica o que ocorre é que quere que marchemos, que levemos con nós as persoas que precisan coidados, e que non necesariamente queren marchar, para aliviarlle a carga á súa administración? Para que quere que volten os galegos do exterior? Que tipo de cidadanía quere? Olle arredor e comprobe: hai unha Galicia rural, cosmopolita, que agoniza, unha Galicia urbana onde, por moito que se mire, é a base da Galicia profunda. A Galicia rural xa despareceu, mais mire o que queda. 

Agardo que vostede entenda a diferenza entre cidadá e cliente (propia dunha administración neoliberal) e entre cidadá e servo

Sr. Feijóo, mire como funcionan as universidades galegas, en tanto que piares de formación dunha sociedade, que criterios teñen de selección dunha parte do persoal académico, onde publican as prazas ademáis do DOGA. Vaia de visita, como simple usuario, a un hospital público ou centro médico, pida vez nun hospital público, para a súa nai, a ver para que ano lle dan. Comprobe o tipo de administración que xestiona e como se dan os cargos de confianza, o nivel de coñecemento destas persoas. E non teña medo, por favor, pois estou segura de que como un simple usuario de a pé, o van tratar ben. Dígoo porque sabe, señor Feijóo, no 2019, nesa Galicia sen conflitos de lingua, o racismo asociado á lingua segue a estar moi presente na sociedade que vostede xestiona. Non é discriminación lingüística, é racismo (sexa pasivo ou activo) por falar a lingua propia e non ter dereito a ser atendido na mesma. En realidade non se condena a lingua, senón determinadas persoas que falan esa lingua, como se visten, como son os seus modais, da que se deduce unha serie de prexuízos e por iso o de racismo. 

Estou segura de que pode recoñecer o problema, nos centros públicos de saúde de Galicia aínda hai xente valente que se atreve a manter nas súas portas iso de, “Eu apúntome ao bo trato”. Sr Feijóo, comprobe o que hai ao seu arredor e decátese onde está a súa “nai e señora” Galicia (discurso do 18 de xuño do 2018). Mire o trato que lle dan ás persoas que viven nesa sociedade; os seus son tan nacionalistas que nin sequera responden por carta a alguén que habite máis alá dos Pirineos.

Solicitei en dúas ocasións unha cita coa Conselleira de Servizos Sociais, dado que hai case catro anos que a súa administración lle nega a unha persoa dependente, residente no territorio que vostede xestiona, os coidados que por lei lle corresponden

Sr. Feijóo, solicitei en dúas ocasións unha cita coa Conselleira de Servizos Sociais, dado que hai case catro anos que a súa administración lle nega a unha persoa dependente, residente no territorio que vostede xestiona, os coidados que por lei lle corresponden. O pasado 20 de agosto a secretaria, ou unha secretaria, do Gabinete da Conselleira de Servizos Sociais da Xunta de Galicia, dada a súa incapacidade de atender esta petición miña, respondeume a xeito de xustificación algo así como: “dende a nosa Consellería sempre damos resposta a todos os cidadáns” e pediume que lle enviase o correo electrónico no que expoñía a situación, sinalando que me respondería. Tres meses despois, segue sen haber resposta. Agardo, Sr. Feijóo, que os servizos informáticos da Xunta funcionen ben. Eu teño rexistrado este envío sen ningún problema ás 10:38 da mañá. A secretaria empregou a palabra “cidadán” varias veces, e non podo deixar de roer os miolos sobre o concepto de cidadanía que esta xente ten. 

Sr. Feijóo, nestes case catro anos que levo tramitando, dende o estranxeiro, a axuda para esta persoa podo constatar: que na súa administración poñen atrancos para que as persoas que o precisan non podan facer valer os seus dereitos, que menten porque cargos de confianza que deberían saber sobre a área que dirixen dan informacións equivocadas, que non distinguen entre “empleada do fogar” (si, señor Feijoo, aquí ten un exemplo da súa política lingüística) e unha persoa coidadora (sexa home ou muller). Isto é un funcionariado con licenciatura, que entran a xulgar a vida das persoas que solicitan axudas públicas, e que pagamos entre todas. Sí, señor Feijóo, eu tamén contribúo á riqueza da súa sociedade. Non distinguen dun servizo de necesidade dun de luxo, e as consideracións que iso conleva, tanto no eido económico (as relacións laborais e dereitos) como onde nos sitúa na relación entre mulleres.

Non pretendo que simpatice coas teses feministas mais, na súa condición de pai e fillo pode saber que os coidados e a maternidade sitúa as mulleres nunha difícil situación polo grado de implicación que se agarda de nós nunha sociedade patriarcal

Non pretendo que simpatice coas teses feministas mais, na súa condición de pai e fillo pode saber que os coidados e a maternidade sitúa as mulleres nunha difícil situación polo grado de implicación que se agarda de nós nunha sociedade patriarcal. O contexto socioeconómico privilexia unha determinada regulación político-social dos corpos. Cando o goberno que dirixe pide aos galegos que retornen, pregúntome se quere a todos: aos vellos, aos pobres, aos emigrantes con enfermidades mentais que andan polo mundo. Ou só quere aos fértis, sans e preferiblemente castelanfalantes con coñecementos de gallego? Sabe, señor Feijóo, noutras partes do mundo onde traballo tamén se regula a cidadanía para uns poucos escollidos, por iso pregunto.

O tema da maternidade espertou nos últimos anos un certo interese público, en contraste co tema dos coidados. Isto pode ser porque mentres a maternidade se regula, tamén vostedes o fan, en canto a presenza da muller na esfera pública, os coidados de persoas con discapacidade ou anciáns exisen que a muller se retire da vida pública por un período indefinido de tempo. Se ben exercer a maternidade é para a toda a vida, os coidados non, mais as consecuencias que estes conlevan son en moitos casos duradeiras e fan mellan tanto na saúde física como psíquica das persoas coidadoras. Na Consellería do ramo téñeno claro: a persoa coidadora é preferentemente muller e coa perna crebada, é dicir, con poucos dereitos. Así tamén o confirman na oficina do Valedor do Pobo, ou polo menos a da institución dirixida ata pouco por esa persoa que reflexa o vivo exemplo do entendemento do sentido de cidadanía en Galicia. 

Señor Feijóo, entendo que vostede xestiona, e non goberna, porque gobernar significa facelo para o conxunto da cidadanía, dando por sentado que podería haber en Galicia cidadáns e cidadás, e cunha visión de conxunto a longo prazo. E por último, constato que nestes anos de tramitoloxía coa súa administración, as axudas á dependencia, as que consisten en diñeiro e non en especie, favorecen ás empresas privadas, as cales poden funcionar nalgúns casos, mais non noutros. As axudas económicas ás que teñen dereito moitas cidadás e cidadáns galegos son máis baratas, como así o recoñeceu por escrito un dos seus anteriores directores xerais de Maiores e Persoas con Discapacidade. Este subdirector, por certo, moi nacionalista el, consideraba que non debía responderme por correo electrónico, malia que me sinalaron que tampouco responden por carta alén dos Pirineos. Estas axudas que a súa administración nega ás familias, dentro da actual lexislación, poden xerar emprego de maior calidade. Outra cousa é que vostedes permitan irregularidades e que derive en servizos clientelares. Tales cousas poden acontecer nesa sociedade.

Señor Feijóo, entendo que vostede xestiona, e non goberna, porque gobernar significa facelo para o conxunto da cidadanía

O que levamos padecido nestes anos é un xeito de violencia social, e sei o que están a padecer outras persoas que cando comentan os seus casos, optan por calar por varias razóns. Ten que entender tamén, Sr. Feijóo, que a ciencia da tramitoloxía non implica pensar na sociedade cara a onde se dirixen esas actuacións, e que, sinto dicirllo, hai persoas en Galicia que son incapaces de facer valer os seus dereitos fronte a súa administración, en tanto que cidadáns. Vivo nun país rico e liberal, que ten os seus aspectos negativos, mais que é unha sociedade que afronta as súas carencias e por iso me marabilla que haxa anuncios do goberno para que a xente aprenda a ler e escribir (sí, xente local) e teña coñecemento dos seus dereitos políticos; por certo, un país cunha sistema de banca pública rexional, non sei se lle soa a algo. É sorprendente, e aquí sinalo xentes da dereita e da esquerda en Galicia, o escaso coñecemento da realidade propia, dese vós colectivo que sodes e que ignorades cando pedides que os emigrantes retornen. Sr. Feijóo, observe a súa sociedade e dende aquí, dende un diálogo aberto, convídoo, e isto vai en serio, á que foi a miña casa galega.

No seu territorio, nin a persoa sobre a que escribo é considerado un suxeito político, nin eu son considerada cidadá

Quen non ve, non pode gobernar, se ben pode seguir eternamente xestionando. Galicia é unha periferia, por moito que un mundo se agoche alí. Pode que os máis ricos do mundo moren alí. Anímoo a ver outras periferias e compare; visite os barrios do sur de Dacca, as cabanas de madeira sostidas en postes sobre a auga onde viven traballadoras do textil, ou a zona económica exclusiva de Chittagong, un lugar onde o mar cheira a petróleo. As periferias non son hoxe o que aqueles postularon na teoría centro-periferia. En Dacca, no barrio de Gulshan, hai xente moi, moi rica. O periférico é xustamente iso, o periférico está aí, nese lugar con tres aeroportos. No seu territorio, nin a persoa sobre a que escribo é considerado un suxeito político, nin eu son considerada cidadá. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.