Hoxe é o día das analistas. É un pouco como o día da auga para a hostalaría de Vilagarcía. O San Mateo da Parte das romarías. O día grande. O día en que se alugan os balcóns dos medios para ver o desfile dos analistas desde primeira liña. O día que hai que habilitar casas particulares porque non chegan os hoteis. No ano que o verán chegou até novembro e houbo terrazas nos bares até o magosto e a festa da democracia foi unha esmorga sen fin, de Rajoy en Rajoy até a Trumpada final.
O elefante entrou na piscina do guateque: que soe Mancini!
Nas estradas secundarias da opinión, as redes sociais, a cousa está tamén dividida, ese enfrontamento de barricada que foxe dos matices coma da Santa Compaña, entre:
As que non saen do seu asombro, as que están horripiladas de como o único dirixente machista, homófobo e xenófobo que se candidataba no mundo gañara as eleccións fronte a unha activista do feminismo, a paz, a democracia e o poder popular, ben querida desde Libia até Siria pola súa contribución á estabilidade da zona na súa etapa de secretaria de estado.
As que xa o sabían, as que están de volta, as que que máis ten Hillary que Trump?, que as formas non importan e tanto ten o discurso explícito do odio de Trump que os eufemismos de Wall Street por boca da súa particular dona Rogelia. Que total os EUA levan toda a vida gobernando o mundo igual e cómpre xogar ás sete diferenzas para distinguir un goberno presidido por un ou por outra.
O dos EUA é para se preocupar, pero como síntoma non como causa. O mundo anda como anda e cómpre unha visión de conxunto. No Reino de España o IBEX (o Wall Street pobre) vén de impor un presidente mexando por riba do electorado do PSOE, que sufriu un golpe de estado interno de tal calibre que fai do partido único de Corea un referente da democracia (agora o comité central chámase xestora). En Europa prolifera o discurso xenófobo e ultradereitista, con excelentes resultados electorais en moitos países como Francia, Polonia ou Austria.
Teño para min que a esquerda alá está tan dividida como a de aquí. Que o déficit democrático foise globalizando a medida que os medios de comunicación deixaron de facer prensa para facer a propaganda que lle mandan os seus donos. Que a solidariedade, a empatía e o colectivo son valores que cotizan baixo, porque o mundo é dos emprendedores, os self-made-man (nunca mellor o de man nunha sociedade machista e patriarcal), até moita progresía de novo cuño renega dos sindicatos: faino ti mesmo, post-moderno; baixádeme a cota de autónomos e moverei o mundo: o precariado como nova utopía. O mundo é dos autónomos economicamente dependentes: os TRADE son trendy.
En fin, as analistas, as “tertuliantes”, a todoloxía de 300€ por programa nos medios oficiais están preocupadas polo Trump. Menos mal que nos queda Putin; o amigo do colectivo LGTB, en Rusia; a Angela Merckel, a activista do “welcome refugies”; o presidente chino Xi Jinping, ese paladín da democracia popular; o saudí Faisal bin Hassan Trad velando polos nosos dereitos humanos desde a ONU; e todo patrocinado polos Emiratos Árabes Unidos: fly me to Emirates, que diría hoxe Sinatra.
A verdade, dá tranquilidade.