Durante anos eu sostiven que había que traducir A esmorga. Era imperativo para a difusión internacional da cultura galega, así como para a normalización da propia cultura galega en Galicia. Ano tras ano, cada vez que contrastaba esta miña opinión, os lectores galegos afirmábanme que era a mellor novela galega, ou a súa preferida. Entón, en xaneiro de 2009, cando a Deputación de Ourense e o PEN Club de Galicia ofrecéronme a posibilidade de producir a primeira tradución da obra, non puiden rexeitar a proposta. Entablouse un diálogo entre Galaxia e Planet, a editorial galesa que xa publicara traducións de Castelao, Ferrín e Casares, e así atopamos un fogar axeitado para o proxecto.
On a Bender vai ser a primeira tradución d’A esmorga na súa versión restaurada a calquera idioma, e neste caso tamén a primeira ao inglés
A principios de marzo de 2010 estaba dándolle os últimos retoques á tradución, cando souben da iniciativa de Xosé Manuel Dasilva, profesor no Departamento de Tradución e Interpretación na Universidade de Vigo, de recuperar varios fragmentos breves do texto que a censura franquista borrara. De por parte, unha demora loxística permitiume engadir eses anacos á versión inglesa. Deste modo, On a Bender vai ser a primeira tradución d’A esmorga na súa versión restaurada a calquera idioma, e neste caso tamén a primeira ao inglés.
Foi una tradución esixente e moi intensa, pero creo que captura os vivos diálogos e o sentido de escuridade implacable e subterránea da novela en galego. A experiencia tradutora sobranceou para min a necesidade de crear un auténtico superdicionario galego, e tamén un dicionario galego-inglés, como non. O recurso ao que tiven que recorrer con máis frecuencia foi o dos humanos, galegos nativos, para descifrar o mesto texto galego-ourensán de Blanco Amor, ademais das súas idiosincrasias sintácticas e poéticas.
Comentoume o outro día Luís González Tosar que Blanco Amor lle confesara, cara ao final da súa vida, o seu soño de ver unha versión inglesa da súa novela máis sonada
Comentoume o outro día Luís González Tosar que Blanco Amor lle confesara, cara ao final da súa vida, o seu soño de ver unha versión inglesa da súa novela máis sonada. Este venres, 30 de marzo damos comezo en Cardiff, a capital galesa, a unha serie de lanzamentos da tradución en inglés. Vou presentar a obra, falar co público sobre o contexto e a historia da novela, e ler os meus anacos preferidos do texto. Ao ler en galego, e logo en inglés, vou rememorar aquel soño do novelista ourensán, soño agora realizado.