Holocausto e Franquismo

CC-BY-SA eldiario.es

No relato da Guerra Civil e os inicios do franquismo os historiadores adoitan esquecer o relevante papel que os vencedores da contenda xogaron na chamada Solución Final do nazismo contra os xudeus. A pesar disto, infinidade de estudos amosan a boa sintonía ideolóxica mantida entre Franco e a Alemaña nazi e a Italia fascista, non só durante as operacións bélicas que arrasaron durante tres anos o Estado español, senón tamén na longa e negra posguerra, en especial, naqueles primeiros anos da II Guerra Mundial e a imparábel marcha dos exércitos alemáns por media Europa. Sabemos que a colaboración iniciada entre a policía secreta franquista coa Gestapo durante a Guerra Civil resultou sólida e frutífera. Así o demostra o protocolo de actuación conxunta asinado o 31 de xullo de 1938 entre os dous corpos represivos, unha sinatura destinada a fornecer intercambios de información sobre inimigos comúns e estreitar azos para impulsar procesos de detención e entrega de prisioneiros políticos. 

Uns 9000 antifascistas darán cos seus osos nos campos da morte. Pero máis agochado permanece a implicación franquista no Holocausto nazi. 

Por non falar da coñecida visita do ministro da Gobernación Serrano Suñer a Berlín, en setembro de 1940, acompañado por, entre outros, Demetrio Carceller, Antonio Tovar e Dionisio Ridruejo. Como resposta, un mes máis tarde, en outubro, o líder das SS Heinrich Himmler foi agasallado en Madrid, Toledo e Barcelona e, en xusta correspondencia, fixo despexar calquera dúbida sobre o destino dos republicanos exiliados en Francia e de paso instalar unha oficina da Gestapo na embaixada alemá en España. Himmler soubo entón que, para as autoridades franquistas, aqueles derrotados republicanos non eran españois e, en consecuencia, os nazis poderían obrar segundo cresen oportuno. Uns 9000 antifascistas darán cos seus osos nos campos da morte como Mauthausen, Buchenwald, Ravensbrück, Treblinka, Auschwitz... Máis da metade deles non sobrevivirán as duras condicións de vida naqueles lugares de oprobio. Pero máis agochado permanece a implicación franquista no Holocausto nazi. 

Cando os nazis iniciaron os traslados cara os campos de exterminio, a prensa franquista estourou de ledicia

O antisemitismo do réxime franquista obedece a herdanza ideolóxica recollida dos Reis Católicos e a súa expulsión dos xudeus da Península Ibérica a finais da Idade Media. Os descendentes daqueles excluídos, os sefardís, pagarán un alto custo cando chegue o trebón do odio racial durante a primeira metade do século XX e a xenreira contra o pobo xudeu tamén será alimentada na España da espada e o altar, incluso cando aínda non rematara a Guerra Civil. Así, en Cádiz, no xornal falanxista Águilas, correspondente ao día 27 de maio de 1937, podemos ler na súa primeira páxina: “Crearemos campos de concentración para vagos y maleantes; para políticos, para masones, y judíos; para los enemigos de la Patria, el Pan y la Justicia”. E concluía o mesmo voceiro da Falange: “En territorio nacional no puede quedar ni un judío, ni un masón, ni un rojo”. Este é unicamente un exemplo, mais o certo foi que a prensa controlada polo réxime enalteceu en todo momento a persecución antisemita e cando á vista de todos comezaron as deportacións en Francia, o monárquico ABC afirmou que “legiones de judíos y de masones cayeron sobre el pueblo francés como sobre un botín inmenso y allí hicieron cebo y carne para sus apetitos”. Cando os nazis iniciaron os traslados cara os campos de exterminio, a prensa franquista estourou de ledicia: “Si es la raza perseguida, es por la maldición divina que lleva encima”. A viaxe cara a morte daqueles inocentes era un síntoma “de aquel viejo tesón español de no admitir jamás lo antiespañol y de reconocer solo lo español y cristiano”.

Franco pechou a fronteira hispano-francesa e condenou a milleiros de homes, mulleres e nenos de orixe xudía que soñaban con fuxir da persecución e a morte

Non podemos esquecer os esforzos para salvar centos de vidas levados a cabo por embaixadores honestos e valentes como Miguel Ángel de Muguiro, máximo representante consular en Budapest, ou o seu sucesor, Ángel Sanz Briz. Un e outro outorgaron pasaportes españois a centos de xudeus sefardís e lograron que así escaparan a unha morte segura. Para iso utilizaron unha vella ferramenta: un antigo decreto da ditadura de Primo de Rivera que posibilitaba o acceso a nacionalidade española a todas as persoas de orixe sefardí. Pero, con todo, resulta innegábel que o réxime franquista foi coñecedor e estivo moi ben informado sobre os pasos que o III Reich deseñaba cara á extinción total da poboación xudía en Europa. E colaborou con entusiasmo.

Resulta innegábel que o réxime franquista foi coñecedor e estivo moi ben informado sobre os pasos que o III Reich deseñaba cara á extinción total da poboación xudía en Europa. E colaborou con entusiasmo.

Franco pechou a fronteira hispano-francesa e condenou a milleiros de homes, mulleres e nenos de orixe xudía que soñaban con fuxir da persecución e a morte. Ademais, desprazou ao cónsul español en Burdeos, Eduardo Propper, sendo enviado ao norte de África, concretamente a Larache. O seu delito fora entregar unha elevada cantidade de visados a xudeus que escapaban da Francia ocupada e colaboracionista.

A resultante final non pode ser máis devastadora. Centos de miles de sefardís foron asasinados nas cámaras de gas. 50000 proviñan de Salónica, Budapest e outros lugares. A complicidade do franquismo no Holocausto revela o grao criminal dun réxime que non se conformou coa aniquilación da súa propia poboación. Tamén deixou a súa pegada alén as súas propias fronteiras. A pregunta, tal e como recolle Carlos Hernández no seu traballo Los últimos españoles de Mauthausen, resulta obrigada: non é hora xa de contar a verdade e de lembrar o que realmente sucedeu? 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.