Home Box Office e a Fundación Pública Galega Camilo José "Pelas"

Sede da Fundación Cela © Ministerio de Educación

Camilo José Cela y Trulock (Iria Flavia, 1916) pactou en 1953 co ditador venezolano Pérez Jiménez –moito tempo antes de que as venezolanas elixiran nas urnas quen as gobernaba- escribir novelas para promocionar o seu país. Pasou catro meses en Venezuela e só concluíu unha: La catira. A pesar diso, o acordo permitiulle amasar unha pequena fortuna e que as venezolanas o bautizaran co nome de Camilo José “Pelas”. Esta experiencia tentou repetila anos máis tarde, pero sen éxito, cun individuo truculento e chabacano que chegou á alcaldía de Marbella, Jesús Gil y Gil. Un elemento sobre quen HBO anunciou en datas recentes, que terá o seu propio biopic; agora tocará ver, cales son os elixidos para interpretar a ese dúo cómico involuntario dos noventa que conformaban Caneda e Fidalgo.

O caso paradigmático da mala praxe nas fundacións galegas atopámolo sen dúbida na Fundación Pública Galega Camilo José Cela e os seus numerosos escándalos

En 2011 vía a luz o Informe sobre as Fundacións Culturais de Interese Galego, realizado desde o Consello da Cultura Galega por encargo da Xunta e que analizaba por vez primeira e de maneira sistemática a situación legal e real deste ámbito. Do texto poderiamos extraer interesantes conclusións ao evidenciar que as fundacións culturais galegas «conforman un grupo economicamente moi débil» e «excesivamente dependente dás axudas públicas», con «escasa capacidade para a captación de fondos privados», e recomendaba «diminuír o que se considera un excesivo peso dás axudas públicas no conxunto dos ingresos fundacionais e evitar que acaben centrándose nunhas poucas fundacións que, ademais, soen ser as de maior tamaño e as de maior capacidade para xerar recursos propios».

O caso paradigmático da mala praxe nas fundacións galegas atopámolo sen dúbida na Fundación Pública Galega Camilo José Cela e os seus numerosos escándalos, á vez que non existe fundación en Galicia que recibise tantos fondos públicos como a que garda o legado do Premio Nobel en 1989. A cifra é multimillonaria, só en 2010, ano no que se produciu a maior inxección de diñeiro público a esta fundación, e tras a volta dos rexional-conservadores ao poder, a Xunta de Galicia rubricaba convenios con esta fundación por valor de medio millón de euros. A austeridade a consecuencia da crise-estafa non se aplicaba neste caso.

A fundación que leva o nome dun escritor que presenta no seu currículo un triste papel como entusiasta colaborador do réxime franquista, recibiu durante anos numerosas denuncias sobre desvíos de fondos que foron utilizados para: o pago do secretario persoal de Cela; o chofer e persoal doméstico da súa esposa Mariña Castaño; pasando polo pago de salarios millonarios ao xerente da fundación (nove mil euros mensuais); a súa vivenda persoal e o mantemento do seu iate.

Incluso o goberno de Núñez Feijóo en 2012 e tras facerse pública a noticia de quebra económica, adoptou a decisión de continuar cos privilexios, procedendo ao seu rescate a través da súa conversión nunha fundación pública. E é que no PP se es amigo, a maiores de rescatar bancos e autoestradas tamén o fan con fundacións, a pesar de que o problema en ningún caso residía na escaseza de recursos, senón nunha xestión nefasta e no dispendio dos mesmos. Ademais, dende moitos sectores do PP en Galicia sempre existiu un uso descarado de Cela y Trulock para inducir a idea de que a cultura galega e parte da española, e nese punto, ao igual que na vontade xa pretérita da Xunta de que Galiza sexa unha peza do mosaico europeo, xa sabemos que non se escatiman esforzos nin recursos.

As excelentes relacións da dereita con don Camilo veñen dos tempos do escritor como intelectual da ditadura nacional-católica e a súa capacidade xa por aquel entón para vivir atado a unha sonda, a alimenticia, que fornecía a máquina do Estado e en especial do ministro Fraga Iribarne que tanto faría por el ata o seu cesamento en 1969. Cela foi un pioneiro do cipotudismo, que presumía con orgullo da súa capacidade de absorber un litro e medio de auga de un so golpe polo orto; en palabras de Gregorio Morán (El cura y los mandarines, 2014) pertencía á tribo dos de pelo en peito, a palabra rifa e os concursos de pedorretas, ademais de un suxeito que pasou de ser un mozo voluntario franquista e insistente, a un censor de todo tipo de revistas. 

Anteriormente ao seu intento de sacar tallada do dono de Imperioso, foi un dos corenta e un afortunados nomeados a dedo polo sucesor de Franco –hoxe rei emérito- como Senador Real en 1977 sen necesidade desa vulgaridade das urnas; entre os galardoados outro galego, Domingo García Sabell. Para finalizar esta pequena sucesión de obra e milagres do ínclito, foi un dos asinantes —outros destacados serían o deseñador Adolfo Domínguez ou o músico Amancio Prada— en febreiro de 1986 dun manifesto a favor da permanencia na OTAN titulado Ante el Referéndum.

Xa lonxe dos anos de bonanza, onde ás inauguracións da Fundación Camilo José “Pelas” acudían ata un presidente do Goberno que formou parte do grupo terrorista coñecido coma el cuarteto de las Azores, a pasada semana quedaba vista para sentencia a causa que deberá dirimir se existiu un posible delito de malversación de fondos públicos na institución, despois de que na última sesión do xuízo as acusacións decidisen manter as penas solicitadas desde un inicio para as catro procesadas: o exdirector xerente da fundación Tomás Cavanna; o exconselleiro de Fraga e patrono da entidade, Dositeo Rodríguez; e a actual directora da Fundación Covadonga Rodríguez, que casualmente (#ModoIroníaON) é filla de Dositeo.

A cuarta procesada é a viúva do propio Cela, Marina Castaño. Unha Marina Castaño á que lle cambiou a vida a mediados dos oitenta nun congreso de folklore organizado por un Vázquez Portomeñe, que naqueles tempos dirixía a Consellería de Educación e Cultura. Un chiringuito organizado con diñeiro de todas para única e exclusivamente poder congregar a xentes que estaban ligadas á cultura en Alianza Popular –ese partido político fundado por sete ministros franquistas- en todo o Estado español, e a personaxes vividores como o ínclito don Camilo.

Un dos tantos tinglados que levamos padecidos e que non aportaron nada á cultura galega, e que neste caso supuxo un desfile de vestidos folclóricos que era o tipo de cultura que entendía o goberno do “merendiñas” Albor. Un congreso que non aportou nada a nosa cultura, pero si a unha Marina Castaño que foi onde coñeceu a Camilo José Cela. 

E é que o que non é historia, é biografía.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.