Hoxe o revolucionario é chegar a acordos

Agora que vai quedando claro que a causa principal de case todos os nosos problemas é que medio país quere meter no cárcere a outra metade, chegou o momento de facer algo realmente revolucionario e chegar a algún acordo con alguén sobre algo.

Hoxe un acordo sería algo tan sedicioso que seguramente a fiscalía tamén se querelaría contra o seu autor intelectual, mentres o comando de patriotas que se fixo forte na maioría dos medios de Madrid pediría que fose embreado na Praza Maior como escarmento. Aínda así pagaría a pena. Seria histórico.

Artur Mas paséase por Barcelona coma se fose Gladiator rodeado dunha corte de converxentes que o aplauden cada vez que respira, Oriol Junqueras reclama eleccións co entusiasmo de quen pide hora no dentista,  Rosa Díez fai de viúva de España e desgarra as carnes pola patria por todas as televisións, en Podemos están ocupados elixíndose a si mesmos, Pedro Sanchez de abondo ten con ir facendo apostolado federalista entre os seus sen que se lle reboten e Mariano Rajoy garda silencio seguramente por medo a que se di algo, o que sexa, os seus o metan tamén no cárcere. Resulta todo tan previsible que dá medo.

Se algún agora tivese a coraxe de propor un consenso viable e sensato, non só o petaría ante a maioría da opinión publica, senón que deixaría tan descolocados os demais que seguramente até podería tomar vantaxe para iso que parece ser o único que importa de verdade: as eleccións.

E como se chega a acordos? Habitualmente non é fácil e neste país perdeuse moita practica. Chegar a acordos converteuse en algo sospeitoso, síntoma inequívoco dalgunha escura corrupción ou apaño inconfesable. Pero a política non consiste en ter razón. A política serve para alcanzar consensos entre xente que manexa razóns diferentes.

Para chegar a acordos adoitan resultar imprescindibles tres condicións. A primeira é ter vontade. A segunda é comportarse con lealdade durante as negociacións e renunciar a sacar vantaxe co engano a curto. A terceira é non pedir cousas imposibles. Por exemplo. Non se lle pode pedir a Mas que lle diga aos cataláns que o sente moito, pero que iso que levan anos pedindo na rúa non pode ser porque di o goberno que é ilegal. Non se lle pode pedir a Rajoy que negocie un referendo que media España nin entende nin acepta. A partir de aí, todo se volve moito máis fácil.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.