Humillar e aniquilar o inimigo

A memoria da barbarie nacionalsocialista penetrou inmensamente na vivencia do dereito que nos territorios do propio Reich, ou naqueloutros baixo a súa administración civil e militar, se puidera ter e, polo tanto, conmoveu toda a produción teórica posterior ao 1945 neste campo. Os xuristas precisaron explicarse —non dende unha perspectiva crítica co propio dereito, senón nunha operación para “salvar o dereito das súas pantasmas internas”— que acontecera para que se chegase a condenar cidadás, mesmo coa pena de morte, non por un acto concreto que o imperio puidese considerar criminal, mais si “a conduta dun suxeito perigoso nunha etapa moi anterior a un acto delitivo, sen esperar a unha lesión posterior tardía”. Sen dúbida o Reich perseguiu deliberadamente, baixo amparo xurídico, “a conduta e a perigosidade do suxeito e non os seus actos”. É dicir, perseguiuse a cidadanía pola súa forma de ser e de vivir.

Foi o iuspenalista alemán Günther Jakobs, do que antes debullamos algunhas citas, quen lle deu nome no 1985 a esta nova e perversa face do dereito penal: o “dereito penal do inimigo”. Segundo isto o dereito penal duplícase e conviven en oposición os dereitos das cidadás (ou das persoas) e o dereito do inimigo, unha especie de infradereito (ou un espazo de negación do dereito) para os que a barreira de persecución penal se anticipa á fin de podelos perseguir na propia “etapa de formación da súa vontade”, chegando a proscribir o pensamento. O inimigo non era xa unha persoa, era xuridicamente un monstro.

A partir da catarse do 11S (2001) universalízase esta práctica de persecución penal ao amparo dunha suposta “loita democrática contra o terrorismo” chegando o imperio a perder mesmo o decoro visibilizando importantes espazos opacos ás mínimas garantías legais, como Guantánamo, que se converteu nun estandarte claro desta nova política da represión (tortura, guerra preventiva, execucións sumarísimas, ausencia de procesos xudiciais...). Para o avogado Endika Zulueta, con moito atino, todo isto “non é un simple retorno ao pasado, é unha fase evolutiva nova na que o delincuente non é un cidadán senón un inimigo e a fin da pena non é a reinserción social senón o castigo e a vinganza; o que era típico de Estados autoritarios aplícase agora en Estados formalmente democráticos”.

Para o noso estupor, se un Estado europeo testou esta estratexia penalista no corazón dunha democracia formal foi o Reino de Esapaña, coa súa profusa e desproporcionada lexislación antiterrorista, adobiada coa conservación de tribunais políticos especiais como a Audiencia Nacional, vestixio do réxime ditatorial. Que no Estado español existe unha continuidade entre a lexislación de Orde Pública franquista e a actual resulta pouco discutíbel, mais a degradación das garantías democráticas formais dáse con tal intensidade que poderiamos estar asistindo a un proceso eutanásico do Estado de Dereito posfranquista tal e como se coñeceu. Medidas tan recentes como o endurecemento sucesivo das penas asociadas a determinados delitos ou a Prisión Permanente Revisábel (ou cadea perpetua) son exemplos deste proceso de decadencia penal.

O Grande Inimigo do rexime é o “Terrorismo”. Este concepto, puramente político, que perviviu na nosa lexislación dunha maneira tan ambigua que expandiu inusitadamente o seu significado deica absorber expresións disidentes de diferentes violencias políticas que nin causan pavor, nin temor, nin pánico no entorno social. O Terror identifícase cada vez máis á Mínima Expresión da Disidencia. Pero non porque a sociedade viva amedrentada ou mesmo sexa, tan sequera levemenente, importunada por calquera caste de aparición terrorista, senón porque o Terror é o continente de calquera expresión, por mínima que esta sexa, do que eles temen: que dalgunha maneira a relación na que eles acumulan a riqueza e o resto da sociedade a xera poida ser invertida. E se nalgún país esta operación, de tintes dramáticos outrora, se reproduce como unha lamentábel farsa é o galego.

No relato co que a clase posuidora xera o grande monstro colectivo están a ter acollida tratos degradantes e inhumanos impropios dunha democracia madura. De maneira continuada o Reino de España está a ser ou ben reprobado ou ben condenado por torturas e outros tratos vexatorios en instancias internacionais. Destruír o inimigo é anulalo como persoa, deshumanizalo, cousificalo, pero non só: destruír o inimigo é tamén causar sufrimentos innecesarios. E non só a el, tamén aos seus familiares e achegadas con prácticas escandalosas como a dispersión penitenciaria.

O balance do Reino de España é o dunha “democracia de baixa intensidade” e o do progresivo desmantelamento do Estado de Dereito. Se o dereito é, en palabras de Marx, a vontade da clase dominante erixida en lei ficou claro que actualmente o proxecto consiste en de humillar e aniquilar a disidencia. Só desta maneira nos podemos explicar como un condenado por violación (Saul Santim, por poñer un exemplo) consegue a suspensión da súa pena e goza de plena liberdade nun ambiente de absoluto silencio informativo, mentres Carlos Calvo ou Hadriam Mosquera, por tirar de dous exemplos entre outros moitos, apodrecen 7 anos da súa mocidade en diferentes prisións; sen que sequera a caverna mediática poida relatarnos (sen tirar de informes policiais, ficcións e hemeroteca) feitos ou consecuencias a eles atribuíbeis. E por suposto, a tan fodida e manida realidade onde se amorean as presas por roubar unha galiña; porque a Pobreza tamén é Inimiga.

O dereito penal, e cada vez máis a nova corrente do tamén chamado dereito administrativo do inimigo, acubillan os diversos crimes do poder aquelados de actos neutrais e xustos. Tócanos pensar en todo isto e desmitificar o dereito, antes de que nos engula. Toca desmitificalo todo: Que Dios vela por los pobres tal vez si y tal vez no; pero es seguro que almuerza en la mesa del patrón.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.