A política é perigosa, coma a enerxía nuclear. Manexa potencia pero é tóxica e explosiva, igual alimenta luces e máquinas que verte residuos tóxicos ou explota e destrúeo todo. Por outra banda, os seus protagonistas perecen abrasados a miúdo. É o caso de Alberto Núñez Feijóo. Arde nunha pira que el mesmo levantou, pois chegou á Xunta cunha campaña de falsidades e insidias que quedou reflectida naquela famosa fotografía do candidato entón do BNG, Anxo Quintana, a bordo do iate dun empresario.
Alberto Núñez Feijóo arde nunha pira que el mesmo levantou, pois chegou á Xunta cunha campaña de falsidades e insidias que quedou reflectida naquela famosa fotografía de Anxo Quintana
A fotografía era de antes de ter un cargo, e que se saiba era un empresario de negocios honrados. Aquela foto serviu para que o Bloque perdese un deputado decisivo que pasou ao PP na provincia coruñesa, onde se lía o xornal que aireou aquela foto. Con aquela foto dunha viaxe en iate subiuse á Xunta. Agora outra foto parecida está a derrubalo.
O que vive Feijóo é unha queima en público. Esas fotografías arden, e todos contemplamos o espectáculo, uns con xúbilo e con pesadume outros, pero indubidablemente é unha situación terrible para calquera. É terrible pero non cruel, pois as fotos son reais e se Feijóo non ten nada que ocultar debe defender con naturalidade a súa actuación.
Na súa comparecencia pública pediu que lle cresemos que descoñecía quen era o propietario do iate, mansión e outras utilidades que gozou, pero en Galicia é imposible ser tan crédulo porque o sabiamos todos
Crueldade sería se as fotos fosen unha montaxe para construír esas escenas, pero non o son. E é evidente que ten moitas cousas que ocultar en torno do que informan esas imaxes, aínda que el afirma que cando se tomaron, sendo un home na trintena e cun cargo de Director Xeral na administración pública, era torpe e inxenuo e descoñecía con quen veraneaba e viaxaba polo mundo.
Na súa comparecencia pública pediu que lle cresemos que descoñecía quen era o propietario do iate, mansión e outras utilidades que gozou, pero en Galicia é imposible ser tan crédulo porque o sabiamos todos: sabíao a policía, os xuíces e fiscais, os gardas de prisións, os presos, os lectores da prensa diaria, os espectadores de informativos... Pídenos moito, non lle podemos conceder que un home tan torpe e inxenuo fose xa entón Director Xeral e chegase a presidir a Xunta. Non di a verdade.
Que oculta entón?, que ocultou estes anos? Iso sábeo el, pero hai cousas que aínda que pareza mentira eran públicas, sabíaas todo o mundo, pero non se dicían en voz moi alta. A aparición agora destas fotos de cores brillantes lémbranos a sospeita de que Alianza Popular, o partido da dereita antes de denominarse PP, supostamente recibiu diñeiro dos contrabandistas de tabaco. Incluso a prensa de entón publicou informacións sobre as relacións entre Fraga e os clans, incluída unha reunión en Portugal do presidente da Xunta de entón, Fernández Albor, cos contrabandistas fuxidos da xustiza española.
A aparición agora destas fotos de cores brillantes lémbranos a sospeita de que Alianza Popular, o partido da dereita antes de denominarse PP, supostamente recibiu diñeiro dos contrabandistas de tabaco
Imaxino que esas cousas son presuntos delitos, pero nunca foron investigadas entón. Agora prescribirían, pero esas relacións son as que retratan esas fotos con toda naturalidade, a conexión entre un partido e un sector da delincuencia.
Naquel momento, esas escenas de convivencia e complicidade entre contrabandistas e políticos eran o máis natural na Galicia de Fraga. Todo o mundo sabíao, unha boa parte da sociedade aceptábao e os poderes políticos e xudiciais que podían e debían facelo non o perseguían.
No relato que fixo Feijóo de como entrou a relacionarse con Marcial Dourado, o condenado por narcotráfico, aparece un personaxe xa falecido pero que pode ser a clave: di que foi un chofer de distintos conselleiros quen lle presentou a Dourado. O tal chofer morreu en accidente de circulación que no seu día a prensa cualificou de estraño. Unha e unha son dúas, sumen vostedes e poderán escribir o guión da súa propia película de delincuentes e corrupción.
Este incidente é un grave tropezo na súa carreira política. De feito, debería dimitir do seu cargo inmediatamente e pedir desculpas á sociedade galega pois a enganou facéndolle ver que era unha persoa distinta da que verdadeiramente é
Sen dúbida este incidente é un grave tropezo na súa carreira política. De feito, debería dimitir do seu cargo inmediatamente e pedir desculpas á sociedade galega pois a enganou facéndolle ver que era unha persoa distinta da que verdadeiramente é. Pero, aínda que nos custe velo, moitas situacións que son verdadeiramente indesexables en realidade buscámolas, o noso destino en gran medida vai no carácter.
Feijóo é un home intelixente, listo e ambicioso saído dunha aldea, un raparigo dunha familia modesta, como somos tantos, que fixo unha carreira política meteórica e que nos últimos tempos destacou un perfil de home forte e con futuro no partido, un activo sucesor de Rajoy. Todo iso malogrouse, simplemente, porque o alcanzou a súa propia vida. Quixo ser quen era, ese home novo en bañador a bordo dun iate, pero tamén un político de éxito, o presidenciable. Dous personaxes que se contradicían. Ao final, o mozo do iate emerxeu das sombras, quedou ao descuberto por esas fotos brillantes e cruzouse no camiño ao presidenciable, que tropezou e caeu.
Feijóo deu a entender, adoita deixar caer as cousas, que a culpa era dos socialistas. Pero porque lle convén máis: sería feo recoñecer en público que o liquidan inimigos dentro do seu propio partido
Feijóo deu a entender, adoita deixar caer as cousas, que a culpa era dos socialistas. Pero porque lle convén máis: sería feo recoñecer en público que o liquidan inimigos dentro do seu propio partido. Cousa que sería crible, pois nos últimos tempos destacouse como home sen mancha que denunciou a corrupción de Bárcenas -”repúgname”, sentenciou- e tamén distanciouse da corrupción no seu propio partido argüíndo que naquel tempo el non estaba afiliado. Ese desmarque imprudente non puido agradar a ninguén no PP.
Aínda que non sabemos o que lle agrada ou non a ese partido, pois o PP pasou á clandestinidade desde hai semanas, non fai roldas de prensa e o presidente do Goberno tampouco responde preguntas desde hai tempo. Todos falamos das fotos de Feijóo pero, que pensarán esas outras cabezas tan enmudecidas?
Rajoy marchou a Madrid aos touros e a facer todo tipo de méritos para un día chegar a presidente, Feijóo pretendía facelo desde Galicia, saltándose os graos e os ritos e iso nunca podería suceder
Unha excesiva velocidade e un punto de soberbia subiron a Feijóo a esa pira ardente. E alguén lanzou unhas fotos para que ardese. Quen sabe se unha vella amizade que sente traizoada.
Rajoy marchou a Madrid aos touros e a facer todo tipo de méritos para un día chegar a presidente, Feijóo pretendía facelo desde Galicia, saltándose os graos e os ritos e iso nunca podería suceder. O futuro candidato da dereita sairá de onde debe saír, da Corte. Sexa como for, o mozo ambicioso que quixo voar até o sol abraso as ás.