Ideas entre-cruzadas

«Olá, guardador de rebanhos,/ Aí à beira da estrada,/ Que te diz o vento que passa?» (O guardador de rebanhos, Alberto Caeiro –heterónimo de F. Pessoa-).

Un tío meu adoitaba dicir, se non queres unha cunca de caldo toma dúas, para referirse á esa dor adoecida que che produce levar un couce onde che acaban de dar unha patada

Coñezo gobernantes –e vostede tamén- moi ben faladiños, que se cren moi guais. Tipos de ollada turbia, empostos a non mirarlle aos ollos á xente, obstinados en tocarnos o nabo ben tocado mentres tratan de convencernos do contrario. Fulanos retortos que se ruborizan cando din a verdade, porque non están habituados. Disimulan acotío e relámbenche a caluga para facerche crer que están do teu lado, e cando te pillan descoidado, embálanse para metercha dobrada. Hai que goderse con estes “pulbos” do carafio!

Un tío meu adoitaba dicir, se non queres unha cunca de caldo toma dúas, para referirse á esa dor adoecida que che produce levar un couce onde che acaban de dar unha patada. Pois iso. Non nos chegaba co Alberto autóctono e tamén temos que aturar as falcatrúas do estraño.

O outro, o de Madrid, merece capítulo á parte nos libros de Historia que se editarán ao amparo da Lei Wert, grazas ás súas nefastas ocorrencias coma alcalde, verbi gratia, a ringleira de rosarios e escapularios, a piques de ficar á poula, que circunvalan a capital de España. Campión en desbaldir diñeiro público en zaragalladas e xogos malabares -ou olimpíadas embrionarias- ata converter o concello capitalino no máis endebedado de cantos hai no mapa.

Ao noso -o dos Peares- debémoslle agradecemento perpetuo nesta vida -e na outra tamén- por ser capaz de normalizarnos

Ao noso -o dos Peares- debémoslle agradecemento perpetuo nesta vida -e na outra tamén- por ser capaz de normalizarnos, aplicando unha sibilina e sofisticada técnica que ten como resultado o despoxo de todas as desgrazas que nos fixeron tan estrafalarios (Pescanova, estaleiros, Caixas, Pastor, idioma, Parlamento, País). Mais tamén por permitirnos que sigamos cantando a Virxe da Barca, custe o que custe. Quen dixo deconstrución!

Ao de acolá, invocarémolo nas nosas pregarias por ter a covardía de embravecer o código penal e endosarnos a Ley de Protección de la Vida del Concebido y los Derechos de la embarazada, para evitar que as mulleres caian na tentación de ter que abortar cando non poidan seguir co embarazo. En fin, por gañarlle a Wert e a un tal Fernández nesa teimosía reaccionaria en desposuírnos das liberdades e dereitos conquistados.

O de máis alá, especializado en minguar os dereitos individuais para amansarnos de balde, e o de máis acá, experto en fochicar nos colectivos para chafarnos a identidade

O de máis alá, especializado en minguar os dereitos individuais para amansarnos de balde, e o de máis acá, experto en fochicar nos colectivos para chafarnos a identidade. Ámbolos dous escolantes do falsario e acérrimos de “lo vernáculo” e da España “una y trina” para que poidamos gozar do pracenteiro colorido do arco da vella todos os días do ano.

Ah! O meu tío que amentei antes leva tempo barrenando coa idea de montar un choio para vender online un xabón anticaspa que ten patentado, e chafarlle o negocio a eses carcas que gastan tempo e cartos, pretendendo lavarnos a cachola con augas mortas, para que vaia podrecendo pouco a pouco a casca, ata que ince un rosario de vareixas bulideiras que nos invadan os miolos in saecula saeculorum.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.