Ideas frouxas, política enferruxada

“Alá por onde pasabamos só atopabamos edificios grises a medio caer. O bermello desaparecera dos beizos da mulleres, e nos ollos da xente non había cor de ningún tipo. Ollos sen vida en corpos demasiado expostos á proximidade da morte”. (Os fillos do mar, Pedro Feijoo)

As fauces do tempo están a piques de engulir o mandato municipal máis estéril e aburrido da historia ourensá e, malia a tardanza, comeza a rebulir no maxín dos sufridos cidadáns un teimudo bulebule de impaciencia, agardando que se acenda na cachola dos nosos munícipes a luciña máxica que lle mostre o camiño, para facernos máis levadeiras as horas dos longos días primaverais.

Mentres tanto, o fastío e a nugalla vanse apoderando das nádegas dos sufridos xubilados, para achegalas discretamente aos mazadoiros empoados, e así calmarlle a ansia de seguir deambulando á procura dunha obra pública inexistente, polos carreiros dos parques da Auria, tan lixosos e descoidados, ou polas lúgubres rúas dunha cidade moribunda que agoniza, impasíbel, diante de tanto desleixo e descoido.

Pero, como a esperanza é o último que se perde, era visto que antes das próximas eleccións, as alporizadas vítimas do 0,25 serán agraciadas cun detalle de bondade e de compracencia. Rajoy estirará as contas –e os contos– para subir as pensións ata o 1,6 por cento, e os edís gobernantes, malia o seu enferruxe mental, despois de tres anos sen rañala e sen orzamentos –por culpa da oposición, a dicir da concelleira do ramo– tamén ansían parir algunha que outra ocorrencia.

«Obras. E cales, se os ourensáns non demandan ningunha?» dixo o Alcalde. «Enchemos os cruces das rúas de ferranchos. Alomenos valerá para que os retirados poidan amosar, uns diante dos outros, os seus coñecementos en enxeñería parda», dixo outro. E así foi como os ferrancheiros da Casa Consistorial se aferraron á férrea idea de enferrar ferranchos nas ferraduras das ferras da cidade. Para facer que fan, coma Rajoy.

Ah! O mellor disolvente contra o enferruxe dos políticos municipais –dos que mandan e dos que se opoñen– que tanto oxidan a cidade das Burgas, sería facerlle meter a cabeza debaixo do chafariz do Tinteiro media hora diaria, cada madrugada. Como di o meu tío Lisardo, «ben non lle faría, pero mal tampouco».

Publicidade

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.