Abondan asertos no senso de que os nosos representantes electos adoptan malas decisións por mor das imperfeccións dun sistema democrático adobiado de eivas, non susceptible de promover gobernos para ben gobernar. Argumentos que van da man de enunciados que fan fincapé na incapacidade, e falta de preparación, dunhas mediocres elites políticas, véndose os cidadáns abocados a optar nas urnas por un mal menor, que a miúdo encarna aquel que máis ruído fai, quen se fai ouvir máis que os demais, xa sexa por un acceso privilexiado aos medios de comunicación, que lle permite conformar falsas certezas arredor dun único relato, ou polo populismo do seu discurso, de doado nexo con parias, vítimas reais ou non, nihilistas, pregoeiros do desastre e anónimos faltóns 2.0.
Fai falta investir un tempo considerable para dispor dunha información completa sobre cada suxeito en mans dos políticos, polo cal a racionalidade apunta a que calquera individuo só consentirá tal dispendio se o seu esforzo é inferior ao beneficio atendido
Ao contrario, se os gobernos está compostos por humanos de tal calado, incapaces de deseñar políticas axeitadas ás necesidades e demandas cidadás, a responsabilidade é do mesmo pobo, mal informado e doente de comportamento irracional. Se os electores estivesen informados sobre os suxeitos que se debaten e as decisións que adoptan os políticos do momento, sen chisco de dúbida as cousas serían diferentes. Pero os electores apoian malas políticas porque non teñen datos necesarios para apostar por mellores opcións, aquelas máis acaídas para as súas particulares situacións, e as do colectivo. Non é que falte información, ou que esta sexa dificilmente accesible, ou inintelixible! O que ocorre é que, desde un punto de vista perfectamente racional, o elector opta por non aprehender ese coñecemento.
Fai falta investir un tempo considerable para dispor dunha información completa sobre cada suxeito en mans dos políticos, polo cal a racionalidade apunta a que calquera individuo só consentirá tal dispendio se o seu esforzo é inferior ao beneficio atendido. E o custo de estar politicamente informado é elevado, sendo a contrapartida case nula! Na década dos cincuenta do pasado século, o economista Anthony Downs acuñou o concepto de “ignorante racional” para designar a aqueles que rexeitaban investir en información política sobre a base dun cálculo custo-beneficio. Sexa cal sexa o grao e información dun elector, este non será máis ca unha voz perdida entre moitas, sendo feble a probabilidade de que o seu voto teña impacto na política xeral. Por que documentarse entón sobre un resultado que non controla?
Consecuentemente, algúns electores optaban por absterse, mentres outros, non menos numerosos, exercían o sufraxio, xa fose por inercia, polo pracer de expresarse, por mimetismo ou mesmo por consideracións de orde moral. E logo chegaron as redes sociais, que revolucionaron a cousa, xa que mesmo se os ignorantes racionais manteñen pouco interese pola cousa pública, estes si saben ler un tweet ou un post de Facebook, podendo así os políticos evitar filtros e chegar directamente a aqueles que antes os obviaban. Agora existe a capacidade para transmitir unha mensaxe con pouco esforzo de asimilación, cun mínimo investimento de tempo e enerxía do receptor. Os medios sociais permiten reducir o custo da información, se ben aínda é preciso que o ignorante racional faga súa a política que lle é proposta.
A revolución das redes foi o tránsito do ignorante racional ausente ao ignorante racional militante, todo un éxito da política low cost
Para seducilos fai falta unha proposición cuxos custos de asimilación sexan case nulos, conforme ás súas previas intuicións, con sentido a priori e que non esixa esforzo algún de análise e reflexión. A proposición debe prover a fonte, de xeito que o ignorante racional poida comprender, sen esforzo, a súa orixe. Debe aportar respostas sinxelas, caricaturais, sen importar a complexidade do problema. Como valor engadido, convén achegar a proposta a un mito ou crenza popular. O ignorante racional non investirá nunha análise da veracidade da información, nin na súa coherencia, nin na eficacia da política proposta. Deste xeito, cidadáns a priori apolíticos atópanse cada vez máis comprometidos cos asuntos públicos, sen comprender grande cousa. A revolución das redes foi o tránsito do ignorante racional ausente ao ignorante racional militante, todo un éxito da política low cost!