Imaxes de Grecia, imaxes do Imperio

Un acontecemento en si non é capaz de mudar o curso da Historia, pero pode ser, quizais, a pedra que desvíe a roda tras facela virar acelerada no aire. Nestes días, son dous os acontecementos que nos asaltan. Un, tráxico e con aspectos grotescos; o outro, un gromiño de esperanza. Ambos, irreconciliables entre si, explícanse reciprocamente. Os dous ofrecen cadansúas imaxes.

A fotografía dos mordomos do Imperio de ganchete polas rúas de París, convenientemente protexidos e distanciados da multitude, revela na súa iconografía redundante e masculina, violenta, o golpe que nos abaneou durante os días pasados. Non me refiro só ás aborrecibles mortes de París, que tamén, senón a toda a violencia brutal acumulada de Palestina ao Kurdistán, de Ucraína a Siria. Por onde queira que miremos, aí está o Imperio con esa lóxica brutal que xa nin os medios de produción simbólica dan suavizado. Velaí unha foto. Fronte a ela, a esperanza da dignidade circula por todos os recantos da comunicación de masas, principalmente na rede, pois os medios tradicionais tenden máis a enfocar o obxectivo nos salóns das cortes. O contraste entre imaxes é explícito. Rostros e poses violentamente impostados e ríxidos, coma o oculto chaleco antibalas que terma do criminal presidente israelí, fronte ás expresións sinceramente emocionadas dos sen nome que se axitan baixo bandeiras vermellas.

Syriza encheu as redes de primeiros planos moi expresivos de asistentes aos seus actos de campaña. Foi unha forma moi eficaz de simbolizar que na xente común estaba realmente o núcleo do combate político

Durante a campaña das pasadas eleccións europeas, a Coalición de Esquerda Radical, Syriza, encheu as redes de primeiros planos moi expresivos de asistentes aos seus actos de campaña. Foi unha forma moi eficaz de simbolizar que na xente común, na maioría social agredida, nos seus rostros tan dignos e tan imperfectamente humanos, tan excluídos do mercado, estaba realmente o núcleo do combate político. Eses rostros son a razón e o obxectivo de todo. Máis aló deles, nada é importante. Nas celebracións da vitoria do domingo continuamos coa mesma sensación. As imaxes menos interesantes, as menos importantes, as que posúen menor valor semántico son as de Tsipras e acompañantes varios. Porque é que en Grecia, só co que nos din as imaxes e os sons, triunfou algo que vai máis alá de Syriza.

A fotografía dos mordomos do Imperio é moi reveladora, pero non pola impostura insultante dos actores da farsa, je suis hypocrite, nin sequera polos nomes infames cos que se adorna, todos eles impronunciables por simple noxo. Sobre as rúas de París, agrupáronse en reducidos e controlados metros cadrados os responsables do terror como sistema. Toda a materia criminal concentrada nun corpo minúsculo. Sobre os ombros levaron o peso de millóns de seres humanos excluídos, torturados, desprazados, violados, agredidos, empobrecidos, desafiuzados, mortos... Entre eles, confundidos na mesma dignidade, todos e cada un dos rostros que acompañaron o triunfo da esquerda en Grecia. Vense todos en cada imaxe, a pouco que afiemos a percepción.

As forzas populares que se rebelan parecen prepararse para unha vaga de contestación que percorra Europa coma o vello fantasma que non para de roldar

Máis aló da irredutible distancia ética e humana entre as imaxes, o contraste expresa o antagonismo do noso tempo, un antagonismo non fosilizado, en pleno movemento. As forzas populares que se rebelan parecen prepararse para unha vaga de contestación que percorra Europa coma o vello fantasma que non para de roldar. As momias dos mordomos imperiais amósanse como un poder en acto de rexenerar a súa lexitimidade. En tempo de caos sistémico, de crise orgánica e de perda de lexitimidade do réxime de representación, o Imperio necesitaba un acontecemento traumático de lexitimación. Ese é o primeiro gran significado da foto das rúas de París: unha nova lexitimidade imperial. O 23 F particular do fascismo financeiro.

A vitoria de Syriza, porén, máis aló do resultado electoral en si, representa a impugnación en tempo real dese ensaio de nova lexitimidade. Por iso é inútil focalizar a atención no resultado da marca electoral. O realmente útil ofrécese en dúas dimensións deste acontecemento alternativo. Unha, que estamos ante o proceso dunha mobilización popular sostida no tempo, constante, que non entende da resignación esixida e é capaz de dar pasos eficaces que empezan, só empezan, por un triunfo electoral. A outra, que o discurso hexemónico, o relato liberal, foi atacado e esperta hoxe con fendas e regañas irreversibles. O importante, talvez, é que queda aberta unha brecha no discurso sistémico da imposibilidade sobre o que se alicerza a reestruturación salvaxe dun capitalismo xa de por si salvaxe. O ataque do capital contra o traballo recibe contestación. Non é inevitable nin imprescindeible, é tan continxente e destrutible coma a crise mesma.

A vitoria de Syriza, porén, máis aló do resultado electoral en si, representa a impugnación en tempo real dese ensaio de nova lexitimidade. Por iso é inútil focalizar a atención no resultado da marca electoral

Ante esta evidencia que ispen os resultados de Grecia e que seguirá abrindo futuros procesos en toda Europa, xa non é que o medo cambie de bando, é que o espazo popular toma a iniciativa. Iso revelan o pánico e a rabia dos medios de produción simbólica e dos criados dos mordomos. Nos dous terreos, no da organización popular e no da construción dun discurso contrahexemónico, terá que proseguir a esquerda, máis alá de lexítimas e imprescindibles pero irrelevantes diferenzas.

A lexitimidade refundadora de París precisa ollar á mantenta nunha dirección falsa: o fascismo relixioso que ela mesma alimenta, alenta e necesita como xustificación totalitaria

A situación é, desde logo, moi complexa. E nela xogan tamén as súas bazas os fascismos. Os fascismos retroaliméntanse, requírense, necesítanse e lexitímanse mutuamente. O financeiro precisa dunha nova lexitimidade, e vea na acción parisina. É o dique contra toda posibilidade de ruptura. E o mecanismo clásico de cerrar filas arredor de conceptos transcendentais: nación, relixión, cultura, raza, civilización... A renovación da lexitimidade sistémica pretende inaugurar unha orde nova pechando aparente e superficialmente a fractura social entre clases antagónicas, na súa complexidade e en toda a súa composición extensa, entre o 1% que o posúe todo e o 99% que somos posesión. A lexitimidade refundadora de París precisa ollar á mantenta nunha dirección falsa: o fascismo relixioso que ela mesma alimenta, alenta e necesita como xustificación totalitaria.

Porque así, entrementres, apunta con arma de exactitude mortal ao seu verdadeiro obxectivo: a rebelión popular. Que o Imperio consiga renovar a súa lexitimidade ou non dependerá principalmente da capacidade de resposta, resistencia e conquista do suxeito organizado mediante procesos de unidade popular. A vitoria de Syriza nas eleccións gregas ten neste sentido unha redobrada importancia. É a primeira derrota deste proceso de renovación da lexitimidade imperial. Simbólica, claro, pero derrota. Aproveitémola no canto de sucumbir con tanto pracer a esa frustración preventiva que tanto nos agrada. Prefiramos que se estenda a sensación de que é posible vencer e non a certeza de que todo intento de transformar o mundo devirá tráxica e inevitablemente frustración. Acabemos co complexo de Sísifo.

A extrema dereita racista, xenófoba, salvaxe é a zona de seguridade do capitalismo, instrumento de referencia por falso contraste para o Partido da Orde, socialdemócrata e liberal ao mesmo tempo, que reserva para si o espazo da racionalidade

A lexitimidade imperial sempre concibe as súas marxes terroríficas. A extrema dereita racista, xenófoba, salvaxe é a zona de seguridade do capitalismo, válvula de escape preferente da indignación popular e, sobre todo, instrumento de referencia por falso contraste para o Partido da Orde, socialdemócrata e liberal ao mesmo tempo, que reserva para si o espazo da racionalidade, a responsabilidade e a moderación. A extrema dereita é depósito de infamia do que o Partido da Orde extrae todo aquilo que lle será útil e funcional. A nova lexitimidade imperial baseada na traxedia parisina é totalitaria. O medo e o odio ao outro serán xustificación da disciplina e a coerción que esixe a necesidade de manter o existente nos tempos convulsos que se aproximan. Pero iso en realidade anuncia unha importante creba na solidez do discurso hexemónico. Cando o discurso se esfarela, o control dá lugar á coerción. O dominio no seu esplendor. Os fascismos non paran de retroalimentarse. Mais o mantemento do que hai implica a clausura do futuro.

A esquerda debe armar os seus proxectos estratéxicos e percorrer sen temor os seus camiños irrenunciables tras marcar os lindes que ninguén deberá atravesar

Franceses, kurdos, palestinos, sirios, iraquís, serbios... os mortos sempre caen do mesmo lado. Acumulámolos abaixo á esquerda. Si, á esquerda. Mentres o Imperio refunda a súa lexitimidade, a esquerda terá que colocar con total determinación os seus programas e proxectos no centro do escenario. É verdade que non todo se pode explicar conforme a un eixo dereita-esquerda entendido desde a autonomía do feito político, como confrontación de mercado electoral, nin como referencia ideolóxica se non proxecta o antagonismo de intereses no terreo social. Pero tamén é certo que esta dimensión material ten que amosar a súa proxección ideolóxica. Xa non é superflua, se é que algún día o foi. O eixo social ou ten proxección ideolóxica nun espazo de esquerda ou chama polo fascismo. A historia non nos deixa opción. A esquerda debe armar os seus proxectos estratéxicos e percorrer sen temor os seus camiños irrenunciables tras marcar os lindes que ninguén deberá atravesar. Os dous primeiros actos -simbólicos, e por iso importantes- de Alexis Tsipras como Primeiro Ministro de Grecia consistiron nunha toma de posesión sen xuramento e sen presenza da igrexa ortodoxa e mais na visita de honra ao monumento en homenaxe aos militantes comunistas fusilados polos nazis en 1944. A esquerda laica recoñece os seus símbolos. Non hai lugar para a renuncia, por moito que necesariamente se recoñezan e se asuman erros.

O gran reto da esquerda europea será o de acompañar a multitude en proceso de constitución como pobo soberano, promover as condicións para que esta fusión orgánica se produza. Nese mesmo sentido, o reto de Syriza non consiste tanto en gobernar sen defraudar todas as expectativas dos seus votantes e de quen sentimos como propio o seu triunfo como en gobernar sempre e en cada momento, en cada decisión, en cada paso, cabalgando a marea e a organización popular que fixo posible o seu triunfo. Ou sexa, sendo pobo, actuando no goberno como na mobilización social: sen controlar nin dirixir, acompañando, obedecendo. E, desa maneira, acumulando forza, construíndo unidade popular, dándolle azos, discurso e ferramenta a un novo poder constituínte. Ese é o complicadísimo reto que Syriza ten por diante. A marca xa non importa, ningunha marca importa para quen non cremos no mercado nin na súa omnisciencia.

O gran reto da esquerda europea será o de acompañar a multitude en proceso de constitución como pobo soberano, promover as condicións para que esta fusión orgánica se produza

Será o reto de Syriza e de toda a esquerda europea, de todas as forzas que se sitúen no campo popular. A solidariedade, o internacionalismo, a articulación dos pobos soberanos, todo fará parte do camiño que cómpre ir percorrendo. A unidade popular alén dun simple reclamo electoral. Unha unidade popular que non admite escusas de parte nin trampas conceptuais, na que as marcas partidarias serán ingredientes imprescindibles pero radicalmente insuficientes. Porque é a multitude quen se converte en pobo soberano, sen mediación. Por tanto, unha única marca non pode representar en exclusiva unha idea de unidade popular sen unidade. Dá igual se é un partido, un club gastronómico, unha seita ou unha coalición. Non hai outra forma de deter a refundación da lexitimidade imperial, xa abaneada pola desobediencia do pobo grego. E de avanzar. Cómpre disolverse nos acontecementos e construír realidade comunalmente.

Hai un terceiro grupo de imaxes que estes días pechan o círculo da expresión do común en Europa e no mundo. As imaxes das mulleres que en Kobane defenden a liberdade e o futuro do seu pobo

Por todas esas razóns, o menos importante do triunfo de Syriza é o triunfo de Syriza.

Hai un terceiro grupo de imaxes que estes días pechan o círculo da expresión do común en Europa e no mundo. Representan a dignidade, a beleza, a verdade e unha pulsión de liberdade que se sobrepón aos peores inimigos e acaba por vencelos. As imaxes das mulleres que en Kobane defenden a liberdade e o futuro do seu pobo. Os seus rostros tamén se amosan orgullosos na barricada que se levanta nas rúas de París, nas de Atenas e nas de toda Europa contra o Imperio e os seus mordomos.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.