Imos esmorecendo, sen desabafo

“Os outros não são para nós mais que paisagem, e, quase sempre, paisagem invisível de rua conhecida.” (O livro do desassossego, Fernando Pessoa).

Hai cousa dúas semanas, mentres enguliamos un rutineiro taco das once, como non tiñamos de que falar, puxémonos a latricar sobre as trangalladas que desbravan aos eximios portentos do pesoé

Hai cousa dúas semanas, mentres enguliamos un rutineiro taco das once, como non tiñamos de que falar, puxémonos a latricar sobre as trangalladas que desbravan aos eximios portentos do pesoé. Entre os bocados do compango e os tragos de café morno, o meu amigo Delfín mudou a conversa para reflexionar en alto sobre o noso devir como País, aseverando que tal e como están a acontecer as cosas, dentro de pouco, se cadra, a única comunidade do Estado con identidade propia vai ser a que se atopa alén de Despeñaperros. Se Catalunya e Euskadi deciden tocar a chanca e nós ímonos esmorecendo docemente, sen tusir, Andalucía será o último pretexto dos rosmóns madrileños, para baduar contra os sempiternos inadaptados da periferia.

A piques de irmos cara a casa, porque ía chegando a hora de xantar, acordamos tomar un vaso e incorporouse á leria –e ao vaso- o autor de Miss Ourense, Bieito Iglesias, quen no canto de levar a contra, déuselle por razoar na mesma dirección. De maneira que, despois de disertar sobre as causas polas que Galicia se vai esfumando pouco a pouco, ata desangrarse sen remedio, púxoseme a argumentar sobre os elementos diferenciais da cultura e da identidade andaluza, sobre as súas orixes e mesmo sobre como a “españolidade oficial” se enzoufou de andalucismo, para acabar concluíndo que non imos tardar en ver como o pesoé se converte nun residual partido andalucista. 

Daquela, penso que se é certo que o pesoé non vai tardar en perder o posto de correúdo piar do Estado, tan ben preservado xuntamente co pepé, pronto se farán cargo do pendón os novos patriotas que emerxen dende a mesma cerna da troglodita capital da España “una y trina”, definidos por outro amigo meu coma “lo que Podemos ser, nunca lo seremos”.

Non é posible conformar un discurso político actual sobre a defensa da nosa identidade, sen antes analizar con rigor e fincarlle o dente á lipotimia do devalo demográfico que nos extingue sen remedio

Xa contra a noitiña, o amigo Xosé Carlos Sierra regaloume un libro deses que ás veces aparecen coma vagalumes para alumar un chisco na nocturna escuridade do noso País, para facernos reflexións sobre as nosas doenzas actuais, e para axudarnos a atopar o facho que nos faga mirar cara o futuro, se é que aínda existe. Estoume a referir a Galicia: un pobo con futuro? O noso devalo demográfico de Manuel Blanco Desar, coeditado por Xerais e o Museo do Pobo Galego.

Ah! O meu tío Lisardo, despois de repasar e compartir tan prezado agasallo, coida que non é posible conformar un discurso político actual sobre a defensa da nosa identidade, sen antes analizar con rigor e fincarlle o dente á lipotimia do devalo demográfico que nos extingue sen remedio. Mentres tanto, menos metafísica e máis política. Pois, como diría Pessoa, xa hai metafísica dabondo en non pensar en nada.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.