A recente agresión a Venezuela e as ameazas á soberanía doutros territorios amosan como a lóxica da dominación, acumulación e despoxo do capital xa non precisa adicar enerxías en agacharse baixo discursos altruístas, disfrazarse de valores democráticos ou xustificarse con argumentacións morais
A recente agresión a Venezuela e as ameazas á soberanía doutros territorios amosan como a lóxica da dominación, acumulación e despoxo do capital xa non precisa adicar enerxías en agacharse baixo discursos altruístas, disfrazarse de valores democráticos ou xustificarse con argumentacións morais. Na avidez capitalista pola obtención de beneficios e na voracidade polo control de recursos, o cinismo posmoderno está a ser un marco idóneo para diluír os límites entre a verdade e a mentira, fomentando a indiferenza cara ao valor da primeira, e facendo que a propia verdade se volva irrelevante. O que menos importa no relato cínico é que os feitos describen correctamente a realidade porque do que se trata é de presentalos de tal xeito que se adapten aos intereses das oligarquías, turbiando as condicións de entendemento, dificultando á crítica da realidade social e facilitando a aceptación de calquera acto ou comportamento emanado desde o poder.
As acusacións de narcotráfico, esgrimidas inicialmente por Washington contra Venezuela, deron paso, unha vez realizada a intervención, a un exhibicionismo indisimulado, directo e descarnado, das verdadeiras razóns imperialistas evidenciando, así, que o relato posmoderno do poder pode prescindir, ao seu arbitrio, de coherencia, de consistencia e de rigor. En realidade, as acusacións de tráfico de drogas, malia seren insostíbeis, serviron coma campaña propagandística-publicitaria teaser para crear un hype, é dicir, xerar expectación, curiosidade e intriga antes do lanzamento final dun produto, que a frivolidade mediática nos anunciaba case que coma un filme de acción. O certo é que Venezuela non foi nin é un produtor significativo de fentanilo e a súa importancia no comercio mundial de drogas ten diminuído moito na última década. O Informe Mundial sobre Drogas 2025 da ONU, sinala que só o 5% das drogas colombianas transitan agora por Venezuela e unha investigación da BBC conclúe que a cocaína que se introduce en EE.UU tampouco procede de Venezuela, aspecto que a propia DEA recoñece. No mesmo sentido, Axencias de Intelixencia USA teñen indicado que non existen probas de que o Goberno venezolano dirixira a banda do Tren de Aragua, nin de que tentase desestabilizar a Estados Unidos enviando migrantes delincuentes. Igualmente, na acusación presentada tras o secuestro de Maduro, o Departamento de Xustiza eliminou as referencias a ese pantasmagórico «Cártel de los Soles» como un grupo organizado.
Neste marco de reafirmación imperialista, e perante o desafío venezolano ao supremacismo USA, o hexemón norteamericano, coa submisión e a vasalaxe europea, acaba de enviar unha advertencia clara de supremacía a todo o mundo
Cómpre lembrar que as prácticas e xustificacións do supremacismo imperialista ianqui veñen de lonxe. De feito, a idea de que a EE. UU. debe controlar o continente americano parte da vella Doutrina Monroe, formulada en 1823, consonte a cal o continente está baixo a supervisión e dominio estadounidense e calquera actuación estranxeira no mesmo será considerada un acto hostil. Así, Estados Unidos tería pleno dereito a intervir nos asuntos políticos dos Estados latinoamericanos, o seu patio traseiro, se considera que os seus intereses están ameazados. Do mesmo xeito, outra doutrina mesiánica, a do destino manifesto, pola que se considera a este país unha nación “elixida” e destinada a espallarse territorialmente, fixo parte da xustificación das conquistas e do expansionismo desde a independencia. Os últimos documentos estratéxicos estadounidenses confirman a vixencia desta mentalidade imperialista. Tanto o Proxecto 2025, da Fundación Heritage, como a recente Estratexia de Seguridade Nacional apostan por recuperar e afianzar a hexemonía global dos EE.UU, conter a influencia de China e Rusia no Occidente e impedir calquera achegamento destas potencias, e mesmo de Europa, ao continente americano. Neste marco de reafirmación imperialista, e perante o desafío venezolano ao supremacismo USA, o hexemón norteamericano, coa submisión e a vasalaxe europea, acaba de enviar unha advertencia clara de supremacía a todo o mundo.
Está claro que as razóns xeopolíticas son inseparábeis das económicas. Pódese comprobar como a acción imperialista céntrase, cada vez máis, no control das rutas de comercio (caso da canle de Panamá ou do Ártico) así como sobre o control, xestión e bursatilización das materia primas e dos recursos naturais. No caso venezolano, fixémonos en que China estaba a absorber case que o 80% de las exportacións anuais do seu petróleo e que outro dos compradores do 20% restante, a prezo reducido, é Cuba. Controlar, pois, o sector petroleiro venezolano ten moitas vantaxes para EE UU xa que amplía as oportunidades para as súas petroleiras, priva dunha fonte de enerxía a China e lle posibilita asfixiar a economía cubana. Amais do petróleo, Venezuela posúe tamén grandes reservas de minerais, incluídas terras raras, fundamentais para industrias de alta tecnoloxía e estratéxicas na batalla contra a hexemonía chinesa nestes recursos. Abonda, a este respecto, con ver a obsesión de Trump polo acceso e control destes recursos na Ucraína, ou en Grenlandia.
A pasividade, a conciliación e a tolerancia perante esta nova orde significa a rendición e o fracaso de toda a esquerda. A resistencia é fundamental, mais hai que saber a que nos opoñemos; non se trata de conservadurismo senón dun novo tipo de fascismo. E co fascismo non cabe o respecto, senón resistencia activa e organizada
Todo apunta a que as elites económicas do Norte Global, baixo a tutela militar estadounidense, están na procura dunha nova orde mundial agora que a hexemonía occidental se ve cuestionada e ameazada pola ascensión de China e doutros países emerxentes. Unha nova orde que tenta impedir o avance do multilateralismo, que despreza o dereito internacional, que adopta o uso da forza como instrumento-guía das relacións internacionais e na que soberanía significa o dereito do soberano a impor a súa vontade. O exercicio do poder volta a ser a base da lexitimidade e aquela máxima que refería Tucídides en “As guerras do Peloponeso” de que os fortes fan o que queren e os débiles padecen o que deben reflicte as arelas dun novo fascismo. Agora ben, esta deriva precisa da xeralización dunha razón cínica que enterre a ética baseada nos valores da verdade, da xustiza, da liberdade, da igualdade e da solidariedade. Unha actitude cínica expansiva que se está a lograr mediante o esfarelamento da confianza, da perda da esperanza de cambio e mediante a fabricación algorítmica da opinión pública.
A pasividade, a conciliación e a tolerancia perante esta nova orde significa a rendición e o fracaso de toda a esquerda. Como dicía hai pouco a escritora estadounidense Siri Hustvedt, no xornal El País, a resistencia é fundamental, mais hai que saber a que nos opoñemos; non se trata de conservadurismo senón dun novo tipo de fascismo. E co fascismo non cabe o respecto, senón resistencia activa e organizada.