Imporase a irracionalidade?

Tristemente véxome na obriga de tratar un tema que me esperta unha profunda inquedanza e me sorprende cada vez máis a pouca actitude crítica e científica cara o mesmo. Respecto enormemente ó periodismo galego, pero creo que neste eido concreto se está deixando sen analizar algo profundamente lesivo para a sociedade, xa que non atopo posicionamentos críticos ante a imposición do queer, máis alá das feministas radicais que timidamente comezan a tratar de paliar todos os desvaríos idealistas e posmodernos que se pretenden vertes sobre o seu movemento. Pero combater o lume con gasolina, o idealismo co idealismo, nunca foi moi práctico. Xa realicei un traballo no que apuntaba a miña opinión da teoría queer e a súa idealización dende estereotipos estéticos. Neste caso centrareime nun texto publicado recentemente en Tempos dixital da mau de Carme Adán, no que escribe sobre á Lei Trans (baixo o título “Lei trans: debate e ruído”) que pretende impor Podemos, sendo curioso como en materia laboral supostamente sempre son vetados, pero cando se trata de medidas posmodernas non se lles pon ningunha pega. 

Con diferenza do outro texto pro-queer que comentei, este parece algo máis teórico e reflexivo, polo que comentarei as principais ideas do mesmo. A autora empeza forte, seguindo a liña trazada por Foucault segundo a cal todo son palabras (e sentimentos, pero isto ven máis do existencialismo, como logo veremos). O do maior nivel teórico é relativo, xa que superar o de Rubén Alexandre non era difícil. A parte a autora advírteo no inicio do mesmo, pero pode estar tranquila, quen levamos tempo formándonos na crítica á relixión queer podemos chegar a interpretar todo esa marasmo de idealismo caótico mesturado con individualismo e sentimentalismo e teorizacións que lle cospen á ciencia na cara. Pero gustaríame facerlle unha recomendación antes de seguir co comentario, eu hai días que non estou inspirado para escribir, e non por iso me desculpo e solto o primeiro que se me pasa pola cabeza, se non que aparto a pluma e sígome formando, tomo un pouco o aire ou descanso dalgún outro xeito. Entendo que isto non xustifica o meu baixo nivel como escritor, pero polo menos trato de dar o mellor de min e aportar algo cun mínimo de valor intelectual. 

A autora comeza o seu caótico relato tratando de introducirnos á diferenza entre sexo biolóxico (algo real, material, cun significado biolóxico concreto e que a cirurxía non pode modificar) e xénero (unha convención, unha construción social, cultural e historicamente cambiante ó que xa tratei de definir minimamente no meu escrito sobre Engels). Aquí é onde comeza unha das grandes incongruencias da autora, xa que, definíndose como feminista, fala de que a configuración do que ela define como “corpos” (o sexo biolóxico, algo que os seguidores da relixión queer temen nomear) impiden a sororidade (en si, o concepto máis irracional e idealista do feminismo). Pero aínda seguindo os dogmas queer, acaso na infancia o que delimita o teu xénero non é a natureza dos teus xenitais?. Se a sororidade se basea na solidariedade das mulleres, deberá ser sobre aquelas que levan sufrindo menosprecio dende sempre, e non entre as que de repente (por disforia de xénero, un problema moi grave e que a relixión de Judith Butler só agrava) cren sufrir eses estigmas. Pero como xa apuntei ó principio, o queer nace do feminismo, xa que isto adoita pasar cando deixas a porta aberta ó idealismo, e si non que llo pregunten ó liberalismo que lle pasou co fascismo. Polo tanto non comentarei máis esta contradición de base da autora, que se desmonta por si soa, non sendo necesario nomear como tratan as “feministas” queer ás feministas abolicionistas nas súas “manifestacións”... 

A continuación a autora teoriza sobre que xénero cada vez se está relativizando máis, cando na realidade non é así, xa que na realidade, e concretamente onde eu vivo (no rural abandonado á súa sorte), o último problema que ten a xente é precisamente se se atopan a gusto co seu xénero. Precisamente se se fala tanto e tan insistentemente de xénero é porque se financia que se fale disto, que se fomente unha estúpida guerra de sexos, que se lles metan na cabeza dos nenos máis problemas e máis dúbidas. Ser home e muller é o máis natural do mundo, xa que nacemos con xenitais diferentes, e de feito iso é o único que nos debería diferenciar. Ser home non supón unha militancia ou unha posición social implícita, ó igual que ser muller (xa que unha explotación real en Occidente só a sofren as mulleres traballadoras, rémoras dunha primitiva división sexual do traballo, de novo remítome a Engels...). O que determina a túa posición de subordinación é a túa clase social, non o que teñas entre as pernas. Neste punto doulle a razón á autora, “a subordinación das mulleres ligada á súa natureza é unha quimera”, pero esta frase real vese mancillada despois cando cita a Simone de Beauvoir, cuxo existencialismo fixo que se crease esa falsa crenza de que a ser muller é unha idea (individual, como non...), abondando con cambiar esa idea para que vivamos no mundo das piruletas e os unicornios... É curioso como se cita precisamente á ONU, organismo que defende a existencia de 120.480 xéneros (a cifra é esaxera a posta, pero co tempo acabarase chegando a esa cifra...). Precisamente esa porta aberta ó idealismo é o que dexenerou no que logo a autora cita como a terceira vaga, eu chamaríalle a “vaga queer”, algo así como a chegada de Cristo ou Mahoma, cando a relixión se fai carne, dogma e comeza a cebarse cas persoas con disforia de xénero. Precisamente aquí a autora amosa o irracional da súa teorización, con esa crítica á existencia do sexo, sendo como si eu criticase a existencia do metal que compón os coitelos (ata que me cortasen un brazo claro...). Eu respecto moito as ideas e as crenzas das persoas, non estou en contra de quen soña con unicornios ou lle gustan as películas de vampiros, pero cando en base a eses gustos e crenzas se queren levar á práctica social e política, chegando a supor operacións e destrución de vidas humanas... sinto que, en nome da ciencia e duns mínimos valores sociais, debémonos opor a isto. 

A seguinte parte xa é máis espiñenta. A autora minte cando di que os trans non contan con códigos legais que os defendan, a nivel autonómico esas leis xa existen. No referente a se quen debe decidir sobre o problema da disforia de xénero é un especialista ou o afectado, sinceramente, negar a lóxica paréceme ridículo, como si eu teño un mal nun brazo e nego o diagnóstico do médico ou me pretendo operar eu mesmo... En canto ós dous obxectivos que ela ve na lei, o primeiro, da “autodeterminación do xénero”, volve a mentir xa que a lei fala de cambios de sexo, unha aberración anticientífica que condena ás persoas con disfora. E ademais eu creo que o máis convinte na “autodeterminación” sería que se acabasen os estereotipos de xénero. Se a miña prima quere xogar ó fútbol, o que teño que facer é alentala, ou mesmo xogar e competir con ela, e si me fai un caño ou me golea felicitala polas súas habilidades futbolísticas, non insistirlle en que lle gustan “cousas de homes” e ten que revisar si o seu xénero se ve acorde a este estereotipo de mentes primitivas... No segundo, no referente á discriminación, paréceme bastante hipócrita dicir que venderlle a xente con problemas que mediante operacións se pode cambiar o sexo... Xa o dixen, é irracional (a parte de covarde e penoso) atacar á unha persoa con disfora de xénero, pero é igual alentala a que siga un camiño sen saída, pero como xa dixen, nin Judith Butler sofre as operacións nin as palizas, e polo que demostra nas súas teorías, a súa empatía por persoas que non son ela mesma parece bastante nula... A cuña final de que a lei é insuficiente (ó mellor está pensando en cupos de transexualidade para operar a cada X nacidos de forma aleatoria para acabar co problema...) e de que o problema é económico, ten bastante sorna cando o seu razoamento é puro idealismo e non valora a concepción material en ningún momento. Se as persoas transexuais teñen problemas para integrarse social e laboralmente non será polo cacao mental e a situación penosa á que ás que son abocadas, en lugar de recibir un tratamento científico que lle axude a superar os seus problemas?

A continuación do artigo ten sorna, xa que a propia autora admite que ante o debate que xerou a lei só escoita ruído, o que amosa que non se parou en ningún momento a tratar de entender á posición contraria. Isto realmente amosa o seu nivel de análise da realidade, como podes pretender ter unha mínima visión da realidade si te quedas só ca parte que a ti che interesa?. A continuación a autora como que quere buscar un mínimo de cientifismo mesturado ca máxima de Foulcault de que “todo é linguaxe” pero ó final acaba no suposto de que o “natural” (a parte biolóxica, ciencia que aterroriza á relixión queer como ningunha outra) do xénero non existe. O que se afirma a continuación ten tela, sendo o tan gastado argumento de que esas persoas teñen que decidir libremente, pero non se teñen dado casos de que se arrepinten?. Esa “decisión” é algo fondamente transcendental (xa non falemos se hai hormonacións e cirurxías de por medio...), por moito que os queer queiran banalizar ós xéneros, e deixalo en mans de, por exemplo, un menor, semella cando menos unha irresponsabilidade. A autora logo fai malabarismos mentais para tratar de xustificar o queer como que defende tamén ás mulleres, para o cal eu lle recomendaría que se achegase ás campañas de “borrado de mulleres”, que non por nada existen, aínda que ela seguro que me contestará que se trata simplemente de ruído... A continuación a autora trata de xustificarnos de novo o que xa diría Foulcault, que o importante é cambiar a linguaxe (de novo na liña da militancia simbólica...), ó que eu lle respondería que cando alguén quere mudar algo para que nada cambie, no fondo non quere cambiar nada. A conclusión resultoume un tanto vomitiva... Fala de persoas concretas cando coas súa afirmación proba dúas cousas: ou ben que nunca tratou cunha persoa con disforia de xénero, ou ben que si o fixo a súa capacidade de empatía humana é bastante limitada (pero isto a Judith Butler, a súa mesías, non lle pode parecer mal...). En fin, que alguén que defende isto se poida afirmar como que persegue a “felicidade” das persoas, cando a ideoloxía que defende só condena á frustración a milleiros de persoas, di moito do que supón a teoría queer e a súa triste implantación na nosa sociedade.

Finalmente gustaríame introducir unha última reflexión. No último vídeo de youtube de Jon Illescas apuntaba algo moi interesante: como o queer estaría relacionado ca lei da tendencia decrecente da taxa de ganancia apuntada polo marxismo, sendo este o mecanismo que fai que o capital atope (e fomente, como sería este caso) novos nichos de mercado en vías de expansión. Este sería un argumento que vería a reforzar a visión da existencia dun monstruoso lobby queer (como como xa apuntei no meu anterior traballo, nada ten que ver cas persoas con disforia), xa que co aumento dos casos de disforicos aumentarían as rendas da venta de hormonas, de operacións cirúrxicas, de merchandising... e por que non, de investigacións que alenten ó queer (sendo curioso como o anticientífico vai gañando terreo no suposto ámbito das ciencias...), xa que como se ve no perfil da autora que hoxe comentamos, estes temas teñen moito apoio, ó igual que o tiveron a xeografía ou a antropoloxía no momento da expansión colonial europea. Pero aínda que eles teñan os medios, nos temos a razón, e a verdade sempre vence, xa que como nunca me cansarei de repetir: o fácil é ser valente e cruel cos vulnerables, e covarde e submiso cos poderosos.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.