“E posible baixar impostos e manter os servizos públicos?. Eu digo que si é posible facer as dúas cousas con prudencia e facendo baixadas realistas". (Alfonso Rueda. Presidente da Xunta de Galicia)
Cando as dereitas falan de baixar impostos nunca fan distinción entre a procedencia das rendas: si do traballo, do capital, da especulación ou da depredación. Utilizan un argumento similar ao dos cidadáns de rendas altas que tratan de evitar pagar impostos apelando a xenérico “tódolos contribuíntes"
Pode producir cansazo, incluso aburrimento, escoitar aos políticos das dereitas falar de impostos e das súas promesas de baixalos cando gobernan. Cansazo por que se converte nunha andrómena permanente, non importa en que ciclo e fase estea a economía, é aburrido por que logo a realidade nunca coincide coas súas promesas xa que rematan subíndoos como puidemos comprobar repetidamente. As hemerotecas están aí para demostralo. Pero a pesares das evidencias os/as galegos/as temos que escoitalas tódolos anos por parte do Goberno galego de quenda (PP) a hora de presentar e defendelos seus Orzamentos Públicos. Escoitalas mentres en Galicia as desigualdades de renda e de patrimonio non paran de medrar.
Antes de entrar na análise da política tributaria da Xunta de Galicia compre facer unha aclaración previa que considero moi necesaria. Cando, como en este caso sucede con os señores Alfonso Rueda e Miguel Corgos, as dereitas falan de baixar impostos nunca fan distinción entre a procedencia das rendas: si do traballo, do capital, da especulación ou da depredación. Utilizan un argumento similar ao dos cidadáns de rendas altas que tratan de evitar pagar impostos apelando a xenérico “tódolos contribuíntes”.
A situación tributaria de Galicia presenta varias características a ter en conta. A primeira é a de que a presión fiscal está entre as mais baixas (31,54% do PIB, sen axustar a economía somerxida, fronte ao 39,3% de media en España e so superior a A Rioxa e Canarias). A segunda que a fraude fiscal é tamén importante (segundo o Ministerio de Facenda Galicia está entre as Comunidades Autónomas cuxa economía somerxida ten un peso equivalente a media española que está no 23% do PIB). Datos ámbolos dous que confirman como a nivel de recadación fiscal Galicia ten unha marxe de manobra moi ampla para incrementalos ingresos públicos. Unha ampliación que se non se produce é simplemente por razóns políticas e ideolóxicas como proba o feito de que se trata dunha das comunidades autónomas na que as rendas de capital teñen un maior peso na riqueza nacional (45% fronte ao 42,5% de media en España) en prexuízo loxicamente das rendas de traballo (35% fronte ao 48%), a pesar do importante incremento experimentado por estas nos últimos anos, o que da idea dunha comunidade con un gran nivel de desigualdade nas rendas.
Con estes datos resulta fácil concluír que a política tributaria da Xunta de Galicia tanto renuncia a incrementalos ingresos tributarios como a utilizala política fiscal para reducir as desigualdades. Así vemos como na memoria dos Orzamentos Xerais (Informe Económico e Financeiro, pax. 125) a Consellería de Facenda presume dos “novos beneficios fiscais” que, segundo as mesmas fontes, se plasman nunha redución da recadación dos tributos cedidos xestionados pola Xunta nun 5,7% (pax. 127) e que afecta ao Imposto sobre Transmisións patrimoniais, o Imposto sobre sucesión e doazóns e o Imposto sobre o Patrimonio (pax. 127). Unha estratexia que como resulta fácil de entender tanto favorece a desigualdade de rendas como vai en claro prexuízo do estado de benestar (sanidade, ensino, maiores, familia..) e do investimento público (11% do gasto público) quen, en termos reais, aínda non recuperou os niveis previos a crise bancaria. Unha realidade que contradí claramente as declaracións do Presidente da Xunta de Galicia (señor Alfonso Rueda) recollidas no inicio deste artigo: si se baixan impostos, especialmente en fases recesivas como na actualidade, se sacrifica o estado de benestar e se frea tanto o crecemento económico coma a creación de emprego.
O goberno galego de quenda segue esfandangado nunha serie de dogmas, mentiras económicas, que non se sosteñen como demostran as evidencias. O primeiro é a maldade dos impostos, o segundo que o gasto público expulsa ao gasto privado, o terceiro que o público é mas ineficiente e funciona peor que o privado e o cuarto que baixalos impostos aos ricos serve para crear emprego
O goberno galego de quenda (PP) segue esfandangado nunha serie de dogmas, mentiras económicas, que non se sosteñen como demostran as evidencias. O primeiro é a maldade dos impostos, o segundo que o gasto público expulsa ao gasto privado, o terceiro que o público é mas ineficiente e funciona peor que o privado e o cuarto que baixalos impostos aos ricos serve para crear emprego (hai mais pero estes son os mais relevantes). En relación ao primeiro basta con revisar a realidade dos estados da OCDE para comprobar como aqueles que teñen o tipo marxinal do imposto sobre a renda mais elevado son tamén os que teñen un maior nivel de riqueza, mais emprego e mellor benestar. En relación ao segundo sinalar que ignora algo tan elemental como é o papel do gasto público como estabilizador da economía que permite que en situacións como a actual de recesión (caída do consumo e o investimento privados) a economía mellore (efecto “contracíclico) grazas ao impulso do gasto público que remata turrando do gasto privado. En relación ao terceiro bastaría con analizar como tivo lugar a crise bancaria do 2008, que afectou a banca privada e non a pública, ou que pasou coas antigas empresas públicas que se privatizaron (por certo, durante o mandato do señor J.M. Aznar) cuxos resultados non confirman os argumentos utilizados para xustificar a privatización: rendibilidade, eficiencia, concorrencia, ventas, emprego, endebedamento....Finalmente con relación ao cuarto as evidencias nos demostran que os ingresos que os ricos obteñen cunha baixada de impostos (por caso, o Imposto sobre o Patrimonio) non van a produción e o comercio senón que o que realmente sucede é que empregan eses diñeiros aforrados na compra de bens de luxo, bens raíces, bonos e accións que nada teñen que ver coa creación de emprego, riqueza e benestar pero si moito coa especulación.
Os dogmas, señores Rueda e Corgo, son iso: dogmas que sempre rematan quedando en evidencia.