Improvisación en sanidade

Manifestación pola sanidade pública © CCOO

Previr a enfermidade e a promover a saúde son conceptos cabais, pero os xerentes deben crer que eses principios poden materializarse sen investimento económico. A sanidade pública arrastra de vello un claro déficit de investimento que se agravou pola mala xestión.

Os profesionais levamos anos pedindo unha reforma do sistema, pero ao cabo sempre somos vítimas de promesas, das comisións e das reunións de expertos

Os profesionais levamos anos pedindo unha reforma do sistema, pero ao cabo sempre somos vítimas de promesas, das comisións e das reunións de expertos. Por desgraza, convertidos na parte visible dun barco que vai a pique, volvémonos verdugos cando seguimos adiante e calamos. E o investimento digno nunca chega.

E se nos manifestamos para facer visible a situación agónica da atención primaria, chóvennos acusacións de lacazáns e peseteiros. Aturamos adoito a hostilidade da poboación que non é atendida como merece, concidadáns e concidadás afogadas polo sistema que, lamentablemente, non coñecen os limitados recursos con que contamos. A nosa situación está moi por riba das nosas forzas. A hostilidade tradúcese en ocasións en malas formas nos centros de saúde: insultos, ameazas verbais e mesmo agresións físicas.

A poboación merece que lle expliquen por que nunca se cumpren as promesas de dotar os centros con pediatras, de levar a atención a domicilio (HADO) en todos os concellos, de outorgar axudas ás persoas dependentes ou de eliminar as listaxes de espera na atención primaria.

Agora seica queren potenciar a consulta telefónica, pero tampouco hai recursos para facelo. Será por iso que este sistema tamén colapsou, con esperas de ata catorce días para recibir unha atención telefónica?

Tamén se debería explicar o motivo da escaseza de luvas, da centralización do material, da falta de anteparos, do recorte de horas de limpeza nos centros de saúde —labor fundamental para combater a COVID— ou da falta de persoal en todas as categorías.

A pandemia destapa a falta de recursos e a improvisación, directamente proporcional á nula previsión: non hai un plan de actuación para acometer a campaña da gripe no actual contexto, non temos un protocolo actualizado que nos indique onde fan corentena ou confinan as persoas sen teito...

Agora seica queren potenciar a consulta telefónica, pero tampouco hai recursos para facelo. Será por iso que este sistema tamén colapsou, con esperas de ata catorce días para recibir unha atención telefónica? Será que a paciencia é infinita?

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.