In spem contra spem

Milleiros de persoas desprazadas forzosamente da cidade de Gaza, en setembro de 2025 © UNRWA

Escribo o día 14 do corrente, o seguinte á parafernálica sinatura do alto o fogo de Israel en Gaza. 

Os que publicamos os nosos textos a balón pasado, corremos o risco de que todos eles ou parte se vexan superados polos acontecementos. De feito, nun noticiario de hoxe mesmo, falaban de cinco gazatís mortos, abatidos por disparos de soldados israelís, porque, dixeron, achegáronse demasiado a eles.

En calquera caso, Donald Trump, cunha presenza inefablemente imperial, xustificou abondo por que era merecente do Premio Nobel da Paz. Non sei cantos países estaban representados alí, sobre uns corenta e tantos, creo. En aparencia, un coro de turiferarios a maior honra do Emperador, quen, por outra parte, nin sequera se decatou de que levaba o traxe novo, é dicir, que ía espido. Repugnantemente espido.

A Segunda Guerra Mundial, particularmente a barbarie inabarcable dos nazis, provocou novos conceptos no Dereito Internacional. Que houbese que xulgar a acusados de cometer delitos legais, e que se establecesen indemnizacións para un estado que non existía cando aconteceron os feitos que as sustentan. Israel.

Os delitos legais tiveron pronta solución. Declaráronse crimes de guerra ou crimes contra a Humanidade, e pouco importou, como é ben sabido, que os perpetradores deses feitos incualificables exercesen a súa vesania amparados polas leis do seu país. (Convén non esquecer a Lei de Punto Final, promulgada en Arxentina, aínda que logo, por fortuna, fose derogada). Isto levaría algo máis tarde a Hannah Arendt a acuñar o concepto de banalidade do mal. No xuízo celebrado contra Eichmann en Israel, a filósofa alemana, á que, por certo, nunca se lle perdoou que fose discípula e algo máis do polémico Heidegger – quen xamais pediu perdón polo seu pasado nacionalsocialista -, quedou seriamente impactada pola frialdade e absoluta naturalidade coa que o Adolf Eichmann recoñecía todo canto fixo para levar a cabo o exterminio do pobo xudeu. A banalidade do mal. Un eficiente funcionario que cumpre as ordes e a normativa que lle propón o seu goberno.

A banalidade do mal no apareceu no mundo cando Hannah Arendt a proclamou. Dunha forma ou doutra sempre estivo aí.

Agora mesmo témola rexamente formulada diante de nós. Vou poñer dous exemplos absolutamente coetáneos.

O primeiro, escandaloso e noxento pola súa repercusión internacional, que pode agudizar a desmoralización -strictu senso- e o desánimo que pode provocar un momento histórico no que a ética xa non se sabe moi ben o que é, protagonízao María Corina Machado, premio Nobel da Paz. Tanto tiña que llo desen a Donald Trump; de feito a premiada ofreceullo a el e recoñeceu que sen o seu apoio xamais o tería conseguido.

Esta abandeirada da paz no mundo, segundo o Comité do Nobel, non ten empacho ningún en afirmar con rotundidade: Hoy, todos quienes defendemos los valores de Occidente, estamos con el Estado de Israel; un genuiuno aliado de la libertad.

O segundo, aí vai. O que nel se di aconteceu cando Israel asasinaba sen ningún límite moral ou humanitario ao pobo palestino. Civís. Homes, mulleres, novos ou vellos, e nenos; xornalistas, cooperantes de ONGs, todo bicho vivente, e programaba, como fixeron os nazis para Polonia, Ucraína e Bielorrusia, o exterminio por inanición daqueles que non morrían esnaquizados ou furados polas súas bombas ou as súas balas. 

A viñeta apareceu hai uns días nunha desas historias que se colgan na parte superior dos valados de Faceboock. Na viñeta reproducíanse tres homes en silueta. O primeiro portaba a bandeira do arco da vella, o segundo a bandeira de Palestina, o terceiro levaba unha fita arredor da cabeza na que poñía HAMAS, e cargaba co pau da bandeira do que colgaba outro home aforcado envolto na bandeira do arco da vella. Debaixo poñía: é o que hai.

Ao individuo que colgou esta ruindade coñézoo levemente. Un amigo de Faceboock e pouco máis. Sei que pertence a unha asociación galega de amigos do Estado de Israel.

Ben, cada un sitúase onde quere. José Antonio Marina xa deixou claro que ese mantra de que todas as ideas son respectables non é certo. Hai ideas que non se poden respectar. Non todo se reduce a condenar feitos. As ideas expresadas sen voltas tamén son condenables.

O sionismo é unha ideoloxía que non merece respecto. Se un sionista bota man da homofobia de HAMAS para xustificar a masacre indiscriminada que o Estado de Israel vén perpetrando en Gaza, non merece o meu respecto.

A cegueira voluntaria fronte a un xenocidio televisado en directo, soamente merece desprezo.

Eu decidín que aos meus anos xa non hai motivo para andar con paniños quentes.

Aqueles que merezan o meu desprezo, fareillo saber se vén ao caso.

Se isto non é banalizar o mal, que me corten as mans por escribilo.

Nos Tratados de Luxemburgo, que comezaron a debaterse no 1952 e substanciáronse no 1957, aínda que continuaron modificándose e renovándose ata hoxe mesmo, Alemaña accede a indemnizar aos xudeus polos crimes dos nazis. Segundo as cifras que se manexan, Alemaña leva pagados xa uns oitenta e nove mil millóns de dólares. O Tratado, coas súas modificacións e rectificacións, segue vixente. Pagos a superviventes do Holocausto, pagos en restitución de bens requisados, pagos por incapacidade derivada do cativerio... Pagos que poden ser individuais, colectivos a través de organizacións xudías non pertencentes ao Estado de Israel, e, por suposto, pagos ao Estado de Israel.

O acordo de paz ou alto o fogo ao que parece que se chegou estes días, non sei moi ben en que consiste -perdoade a confesión da miña ignorancia- á parte do intercambio de reféns por prisioneiros. Quedan moitos puntos por pechar, algúns cuns visos colonialistas realmente miserentos. Celebrouse xa o cumio de Exipto, ao que asistiu Pedro Sánchez, - espero que non como turiferario - penso que con todo dereito, e de aí sairán os termos que constitúen o Acordo. 

Non cabe esperar moito destes acordos de paz ou alto o fogo que se veñen vulnerando sistematicamente desde hai... O sionismo non se vai deter no seu propósito de lograr o Gran Israel. 

Veremos se no cumio de Exipto se aproban indemnizacións ou algunha clase de compensación para o pobo palestino. Un pobo sen estado. O apoio dos pobos do mundo quedou claro que o ten. Pero ese apoio tropeza co poder coercitivo dos estados. Policías acoirazados, enviados polos mesmos gobernos que din apoiar Palestina, amósanse coma un dique de contención da solidariedade.

O exercicio dos dereitos constitucionais vese constrinxido demasiadas veces por criterios de suposta prudencia e coidado da seguridade. Iso merece comentario á parte. 

Polo momento, xa digo, no cando escribo, van cinco mortos por cuestión do sistema métrico decimal. E as dúas partes acúsanse de incumprir o Acordo. 

In spem contra spem, dicía o vello Abraham. Veremos. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.