“Nin aínda permanecendo sentado a carón do lume un ser humano pode escapar á sentenza do seu destino”
Esquilo de Eleusis (525 AC-456 AC) Poeta tráxico
No Parque Natural do Invernadeiro a amplitude térmica observada é a propia dun deserto, con frías noites e días de calor extremo. Con todo, o vídeo que grava a cámara mostra unha paisaxe cuberta de coníferas, concretamente Pinus sylvestris duns 8 a 10 metros de altura, plantados hai xa máis de 40 anos e dispostos a ambos lados dun amplo cortalumes, varrido por un vento que levanta poeiradas a cada pouco
Unha das cámaras que temos instaladas de forma habitual no Parque Natural do Invernadeiro para o seguimento do lobo marca 4 ºC ás 07:02 do día 28 de agosto pasado. Ás 10:26 a mesma cámara indica 34 ºC, o cal se traduce nunha amplitude térmica de 30 graos en apenas 3 horas e media, no intervalo en que a noite deixa paso ao sol radiante abrasador da derradeira vaga de calor padecida no país. A amplitude térmica observada é a propia dun deserto, con frías noites e días de calor extremo. Con todo, o vídeo que grava a cámara mostra unha paisaxe cuberta de coníferas, concretamente Pinus sylvestris duns 8 a 10 metros de altura, plantados hai xa máis de 40 anos e dispostos a ambos lados dun amplo cortalumes, varrido por un vento que levanta poeiradas a cada pouco. Temperatura, amplitude térmica e paisaxe conforman unha imaxe discordante. Vivimos xa nunha envoltura térmica diferente á que permitiu a conformación das nosas paisaxes. Nesas condicións extremas do verán, a vexetación vólvese papel seco ou, no peor dos casos, gasolina. E o lume, mediando ou non a man humana, reclama a súa función selectiva e remodeladora. Podemos facer algo?
O mesmo día 23 de agosto no que a Conselleira de Medio Ambiente anunciaba en Dozón (e ratificaba posteriormente no Parque Natural do Invernadeiro) a concesión de axudas ás sociedades de caza con motivo dos devastadores incendios, chegaban estarrecedoras imaxes ao meu móbil. Cervos e lobos calcinados, atrapados nas uceiras tratando de escapar das lapas. Na véspera da máis famélica berrea dos cervos, recluídos nos parches verdes que non arderon, desde os que braman non se sabe se levados polo impulso reprodutivo ou pola melancolía, a conselleira Vázquez, que podería ter á súa disposición un exército de axentes medioambientais, carrocetas de incendios, vehículos todo terreo, remolques e incluso helicópteros, prefire deixar cartos aos cazadores para non se sabe que misión, en lugar de preparar e dotar ao seu variado e completo equipo para asistir de urxencia á nosa maltreita fauna (outro drama é a afección ás reses en extensivo, como as 240 cabras calcinadas de Verónica Villamor, de Parafita).
O presidente Rueda afirmaba, no pleno do parlamentiño que discutiu sobre os incendios, que asumiría a responsabilidade de acometer labores de prevención nas faixas secundarias, as que arrodean os núcleos de poboación. A tal competencia vai xa para 20 anos que é responsabilidade da Xunta de Galiza, no caso de que os concellos non elaboren ou executen os plans preventivos municipais
Entrado xa setembro, un lume en Barreiros, no arredado norte, abala os medios de comunicación. Cinco mozos brigadistas fican atrapados nunha barranqueira do río Masma arrodeada de eucaliptos na que se refuxiaran fuxindo das lapas. Sofren queimaduras de segundo grao en boa parte dos seus corpos e son trasladados ao Hospital da Mariña e logo á Coruña. Unha xanela de seca atmosférica, ventos moderados e elevada combustibilidade poñen en xaque á Mariña, anunciando o que en pouco tempo pode ser a norma. Avisos que se repiten desde as terras do Avia ou Deza ás de Valdeorras, onde unha estentórea alcaldesa enlama na desgraza. Avisos que tampouco van cos altos cargos da Xunta. A Directora Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático, María Sagrario Pérez, mira para o ceo e asubía, convencida de que a catástrofe non a atinxe. Actitude que comparten Manuel Rodríguez, Director Xeral de Defensa do Monte e José Luís Chan, Director Xeral de Planificación e Ordenación Forestal. Non fai falta imaxinar a reacción de Ángeles V., que ten desenvolvido un completo, preciso e infalíbel planeamento preventivo do lume nos espazos protexidos. Todas estas persoas, potenciais responsábeis subsidiarios da desgraza.
O presidente Rueda afirmaba, no pleno do parlamentiño que discutiu sobre os incendios, que asumiría a responsabilidade de acometer labores de prevención nas faixas secundarias, as que arrodean os núcleos de poboación. A oposición, quizás descoñecedora dos detalles da cuestión, foi incapaz de lle espetar que a tal competencia vai xa para 20 anos que é responsabilidade da Xunta de Galiza, no caso de que os concellos non elaboren ou executen os plans preventivos municipais. Cousa que adoito acontece desde que o PP asumiu como norma o boicot da lei 3/2007 de incendios, elaborada pola Consellaría de Medio Rural do bipartito. Vámonos deter un pouco nisto. Deixamos para outra entrega o repaso ao operativo de extinción.
A lei 3/2007 do 9 de abril, de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia foi na súa concepción unha lei avanzada, que se adiantou a un tempo no que os dramáticos feitos de hoxe veñen dar a razón a aquilo no que se fundamentaba á lei e que, no seu día, fora calificado como “ocorrencias utópicas” por altos dirixentes do PP
A lei 3/2007 do 9 de abril, de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia foi na súa concepción unha lei avanzada, que se adiantou a un tempo no que os dramáticos feitos de hoxe veñen dar a razón a aquilo no que se fundamentaba á lei e que, no seu día, fora calificado como “ocorrencias utópicas” por altos dirixentes do PP. Eses mesmos dirixentes deberían recoñecerlle á veciñanza do Bierzo que en Galiza, se o drama non alcanzou as dimensións desa comarca un día galega, foi precisamente pola existencia da “ocorrencia” das faixas de prevención secundarias que “inventou” o Bloque. Na exposición de motivos da lei figura:
“A política de defensa do medio rural contra os incendios, pola súa vital importancia para o país, non pode ser implementada de forma illada, senón integrándose nun contexto máis amplo de planificación do territorio e de desenvolvemento rural, comprometendo todas as administracións, as persoas propietarias de terreos forestais, os labregos e labregas, as comunidades de montes veciñais en man común, a sociedade do medio rural e en xeral o conxunto da cidadanía.”
O texto estruturaba a planificación preventiva en varios ámbitos físicos e institucionais. Entre os primeiros concretábanse os tipos de redes de xestión de biomasa en primarias (lineais, ao redor de vías de comunicación, instalacións eléctricas, etc), secundarias (de ámbito municipal, arredor de núcleos de poboación) e terciarias (en zonas forestais). Entre os segundos, o título II “Planeamento da defensa do espazo rural fronte aos incendios forestais”, precisaba e detallaba unha planificación escalonada, de arriba a abaixo, que ía desde o nivel autonómico, cara o nivel de distrito, municipal e inframunicipal. Os documentos técnicos polos que se guiarían eses planeamentos territoriais serían o “Plan de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia”, a nivel autonómico, os plans de prevención e defensa de distrito e os plans municipais, que se deberían integrar nos plans municipais de emerxencias. Sobre estes plans municipais, indica a lei no punto 5 do artigo 16:
“A coordinación e a xestión do planeamento municipal de prevención e defensa contra os incendios forestais compétenlles aos alcaldes ou alcaldesas. A elaboración, execución e actualización deste planeamento ten carácter obrigatorio”.
Dentro destes plans municipais, o principal obxectivo é a identificación e actuación sobre as redes secundarias de xestión da biomasa. E, a pesar de todas as modificacións, componendas e gazpachos lexislativos feitos nos últimos 18 anos polo PP, a responsabilidade municipal segue a ser ben clara.
Mais nun dos artigos, o 21 quater, especificábanse os elementos principais que garantirían os plans preventivos. E entre eles, un dos principais sería o sistema público de xestión da biomasa. A lei contemplaba unhas atribucións e mecanismos ben precisos, que foron posteriormente obxecto de profundas modificacións por diferentes gobernos do PP.
Inmensas superficies de coníferas esperan, non precisamente para ser aproveitadas tras as pertinentes cortas, senón para arder, nos montes da provincia de Ourense e nos do sur da de Lugo. Ortegal, Eume e A Mariña, comarcas salpicadas por innúmeras aldeíñas e pequenos núcleos de poboación, están completamente eucaliptizadas.
A pesar deses intentos, na lei en vigor está presente claramente a necesidade da cooperación entre administracións e como, cando é preciso o apoio da autonómica, esta pode e debe pór ao servizo dos concellos a entidade do sector público autonómico Seaga, co obxectivo de lograr a diminución do número de incendios nas zonas de interface urbana, para garantir a seguridade das persoas. Esa cooperación instruméntase a partir dos correspondentes convenios de colaboración entre concellos e Xunta. Pero, obviamente, é esta última e, dentro dela, o departamento responsábel da defensa do monte contra os incendios, a que debe calibrar se se acadan os obxectivos enunciados na lei e, por tanto, valorar se debe suxerir aos concellos a necesidade de impulsar eses convenios. É dicir, como poderá interpretar calquera fiscal ou maxistrado, a lei segue precisando con claridade que, subsidiariamente, será a administración autonómica a responsábel de executar, mediante convenios, a xestión directa da biomasa, no caso de que nin as persoas propietarias responsábeis nin os concellos dean asumido tal labor. A asunción de responsabilidades directas polas administracións en caso de riscos evidentes para a seguridade en zonas de lumes recorrentes, se as persoas responsábeis da retirada de biomasa non cumpriron os apercibimentos, era unha das preocupacións no texto orixinal. Este aspecto sufriu sucesivas modificacións. A última, a correspondente á Lei 7/2022 do 27 de decembro de medidas fiscais e administrativas, porta de atrás - versión 2022 - coa que o PP leva anos modificando normas legais. Esta modificación seguiu deitando responsabilidade na administración autonómica:
Cando pola extensión ou especial dificultade dos labores de xestión de biomasa ou retirada de especies sexa precisa a elaboración dunha planificación anual das actuacións, esta planificación anual terá que ser aprobada polo órgano directivo competente en materia de prevención de incendios, ( ).
Aínda que se trata, probabelmente, dunha das leis que teñen sufrido máis modificacións ao longo da súa historia ata sumar un total de 105, de maneira que hai que seguir o fío dunha madeixa completamente enguedellada, este texto mantén a súa vixencia e, certamente, unha parte non desprezábel do seu espírito orixinal. Esa sombra proxecta, aínda, unha responsabilidade política. E hase ver se tamén outra xurídica.
Non podemos esperar resultados sen executar unha viraxe total á política de medio rural, de monte e forestal. Sen abandonar a aposta actual, incapaz de frear o baleiro demográfico do territorio e responsábel de abrir espazo para a penetración de multinacionais como Altri, Ence, Iberdrola, Greenalia ou San Rafael. A responsabilidade é meridiana
Porque, aínda que non queiramos, sucédense os interrogantes. Cantos concellos procederon á elaboración dos correspondentes plans municipais de prevención e defensa contra incendios forestais? Cantos dos concellos gobernados polo PP incumpriron de forma sistemática tal obriga? Certo que a complicación e dificultade de elaborar este planeamento de forma coherente atranca o seu avance e consolidación administrativos, existindo corporacións municipais de distinta cor política que se ven impotentes para executa-lo. Pero, acaso se derrogou ou modificou a lei neses aspectos coercitivos e de obriga institucional? Existe, por tanto, un boicot activo a esta lei por parte da propia Xunta de Galiza? Ou non é unha apreciación obxectiva que toda a musculatura do operativo de Defensa do Monte abandonou todos os traballos de prevención para se centrar nos de extinción? Cara que modelo se pretendía avanzar nun contexto xa máis que evidente de cambio climático? E non é así, centrándose na extinción e relegando a prevención, como impedimos aproveitar experiencias pasadas recentes de grandes lumes para evitar que esas áreas volvan a arder? Terá algo que dicir o defenestrado José González, ex-conselleiro de Medio Rural, a respecto do seu proxecto estrela de nova lei de incendios, que priorizaba prevención fronte extinción? Será, pois, que todo se reduce ao máis extremo, habilidoso e intereseiro dos abandonos e imposturas, como na infausta DANA? Aí, se cadra, reside a responsabilidade subsidiaria da inacción.
Inmensas superficies de coníferas esperan, non precisamente para ser aproveitadas tras as pertinentes cortas, senón para arder, nos montes da provincia de Ourense e nos do sur da de Lugo. Ortegal, Eume e A Mariña, comarcas salpicadas por innúmeras aldeíñas e pequenos núcleos de poboación, están completamente eucaliptizadas. A fachada atlántica, outro tanto. Un horizonte temporal ben próximo, no que enfrontaremos invernos fríos, primaveras chuviosas e veráns prolongados e de temperaturas elevadas, instalará unha nova realidade de grandes e voraces incendios, como os que padecemos neste verán que remata. Mais non nos preocupemos, porque a catástrofe sufrida quedará empequenecida pola hecatombe que se prepara. A pregunta de se podemos facer algo só ten unha resposta posíbel e é negativa. Non podemos esperar resultados sen executar unha viraxe total á política de medio rural, de monte e forestal. Sen abandonar a aposta actual, incapaz de frear o baleiro demográfico do territorio e responsábel de abrir espazo para a penetración de multinacionais como Altri, Ence, Iberdrola, Greenalia ou San Rafael. A responsabilidade é meridiana.