Independencia versus separatismo?

Este discutible xogo de verbas pretende alumear a envexa que moitos españolistas teñen algunha vez sentido de Inglaterra, porque Canadá, Australia e compañía son estados enteiramente independentes, pero conservan unha relación tan especial coa Gran Bretaña que cando foi das Guerras Mundiais, milleiras de canadianos, neozelandeses e outros foron voluntarios a arriscar as súas vidas por causa de Inglaterra. Os seus gobernos non dependen en absoluto do británico, pero as súas sociedades nunca romperon relacións; varios deles seguen a ser monarquías, baixo a raíña Isabel, e a Union Jack continúa ata hoxe en varias bandeiras australianas e canadianas.

Para obter eses resultados precísase unha monarquía, mellor ca unha república (condición que España cumpre) pero que funcione como Deus manda, e que, dende o punto de vista territorial, sexa unha “monarquía múltiple”

Para obter eses resultados precísase unha monarquía, mellor ca unha república (condición que España cumpre) pero que funcione como Deus manda, e que, dende o punto de vista territorial, sexa unha “monarquía múltiple”, condicións estas que non cumpren dende hai séculos. (Monarquía múltiple: o rei é rei de moitos reinos, pero separadamente en cada un deles, que mantén as propias institucións e leis, como Nápoles, que pertenceu a El-Rei das Españas pero nunca foi España). Precísase tamén non estar demasiado “estatificado”, cousa que España, casada có estado, tampouco cumpre, sen lle importar que a ruína do estado poda ter malas consecuencias para ela.

Aplicando aqueles distingos ó caso catalán (ou calquera outro), “independencia” significaría que as institucións de goberno catalás non “dependerían” en nada das españolas. Seguiría a haber relacións? Si, moitas, pois hoxendía non pode ser doutro xeito, pero non de subordinación senón de libre cooperación ou coordinación. A independencia, así concibida, sería unha cuestión máis legal e institucional que cultural ou social.

Pola contra, “separación” significaría erguer valados, separar sociedades, mesmo familias e persoas: isto sería moralmente inadmisible, e penso que poucos independentistas estean hoxe a defender tal cousa. Eis a razón de que os independentistas escoceses lles digan ós ingleses que, despois da independencia, van ter os mellores veciños do mundo (cousas distintas son se iso preocupa lles moito ós ingleses, e se o referendo dará ese resultado). Aínda que a dimensión legal e institucional tamén conte (monarquía común, libre circulación, dobres nacionalidades, institucións de coordinación, etc.), este problema non é ante todo legal. En varios países da Commonwealth, a independencia non enfrontou sociedades nin culturas; simplemente, independizou institucións de goberno. No Canadá, na Primeira Guerra Mundial, as mozas aldraxaban aos mozos que non ían voluntarios á Guerra. Mesmo da Irlanda, cuxo proceso de autodeterminación foi sanguento, sairían despois, na Segunda Guerra Mundial, milleiros de voluntarios para o exército británico.

En varios países da Commonwealth, a independencia non enfrontou sociedades nin culturas; simplemente, independizou institucións de goberno

Vale; pero, mesmo entre os que me concedan todo eso, non faltará quen obxecte: para que independizarse de Madrid, cando todos dependemos cada día máis de Bruxelas, ou da Troika? Para non acadar realmente a independencia, fiquemos como estamos; aforremos de desencadear complicados e incertos procesos de autodeterminación. E eu admito que esa pode ser unha opción como calquera. Pero outra, como a dos kosovares ou a dos europeístas ucraínos, viría sendo algo así como: “depender de Bruxelas, si; de Belgrado, ou de Moscú, non”; ou ben, “mellor depender só de Bruxelas que depender de Bruxelas e máis de Belgrado”; “prefiro participar e defende-los meus intereses directamente por min mesmo na UE”. A Declaración de Independencia de Kosovo (2008) non ten desperdicio, porque simultaneamente declara a vontade de dependencia, ou polo menos de integración, na UE e na OTAN. De certo que hoxendía pode ser máis importante a participación que a independencia, pero mesmo para participar hai que o facer dende unha capacidade de autodisposición que non hai comunidade autónoma ningunha que a teña nin vaia ter, especialmente se a recentralización segue adiante. Isto non quere dicir que para ter os intereses de Galicia, por exemplo, debidamente protexidos na UE, non haxa alternativa fora da independencia, pois os casos de Alemaña e Austria indican outra cousa. Pero é que a Constitución española nin en teoría fornece ás comunidades autónomas con garantías como as das constitucións deses países (artigos 23 e 50 alemáns e 23 austríaco). Tampouco hai en España un Bundesrat, coa sua disciplina de voto por territorios, nin equivalente.

O que máis debería preocupar a todos os verdadeiros patriotas españois é a separación das sociedades catalá e española. E nese punto, marche Cataluña ou quede, o mal xa está feito, sobre todo (aínda que non só) por culpa de Madrid

Mais ó final, retomando o fío da inicial contraposición independencia-separación, eu diría que o que máis debería preocupar a todos os verdadeiros patriotas españois é a separación das sociedades catalá e española. E nese punto, marche Cataluña ou quede, o mal xa está feito, sobre todo (aínda que non só) por culpa de Madrid. É notable a superficialidade coa que moitos políticos, grupos sociais e medios de comunicación madrileños ignoran eso (con algunhas excepcións); se non é que o agravan con insensatas campañas anticatalás, actuando así como se as ideas non tiveran consecuencias.

Eu xa lle teño pedido ós Reis (Magos) para 2014 una Commonwealth española, sen separación ningunha, pero con moito autogoberno; e mesmo sen desbotar por completo, se chegara o caso, a opción da independencia

A presente crise ten amosado, e cruamente, que de min, da miña familia, da miña Universidade, da miña terra, ninguén vai coidar. Ten amosado que este estado (ou ex-estado) pode doadamente cancelar a súa tradicional dimensión proteccionista e poñerse da banda dos meus depredadores, ou, como pouco, poñerse a executar designios alleos como un alumno aplicado. Axeonllado diante dos fortes; implacable diante dos febles. Este comportamento, que con esta claridade é relativamente novo, fai que algunha xente estea a percibir o estado como inimigo, como no anarquismo decimonónico. Dese xeito, e por puro instinto de supervivencia, eu xa lle teño pedido ós Reis (Magos) para 2014 una Commonwealth española, sen separación ningunha, pero con moito autogoberno; e mesmo sen desbotar por completo, se chegara o caso, a opción da independencia.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.