O pasado 27 de decembro o pleno do concello de Vigo aprobou por unanimidade unha moción presentada polo BNG apoiando a solicitude de indulto para David Reboredo, un cidadán vigués, ex-toxicómano rehabilitado, ingresado na prisión d'A Lama por dous delitos de intercambio dunha papelina cometidos en 2006 e 2009, durante o proceso de deshabituación.
É un claro exemplo de esforzo e superación persoal, aproveitando os escasos recursos que se lle ofreceron desde as administracións e coa forza do amor das persoas que o acompañan na vida
Agora David é un home completamente integrado que ademais axuda a persoas que están no mesmo pozo no que el habitou durante 20 anos e que coida da súa familia, especialmente do seu pai Edmundo, que se converteu na súa voz fóra de prisión. É un claro exemplo de esforzo e superación persoal, aproveitando os escasos recursos que se lle ofreceron desde as administracións e coa forza do amor das persoas que o acompañan na vida, tamén nestes duros momentos, e agora fai pública a súa loita converténdose nun referente positivo e devolvendo á sociedade o que el recibiu multiplicado pola súa xenerosidade. Esta sentenza, que chega tarde, parte en dous a súa vida. Primeiro foi a droga, agora a inxustiza.
Na moción aprobada por unanimidade recóllense dous puntos, o primeiro apoia a demanda de indulto, o segundo insta ao concello a solicitalo de novo no caso de que este sexa denegado. Dous motivos nos levaron a incluír este punto. O primeiro é que é a segunda vez que o ministerio de xustiza recibe unha solicitude de indulto para David, xa o pedira o seu pai e lle foi denegada. O segundo é que a política de indultos aplicada polo actual goberno fai sospeitar que unha demanda que nos parece xusta á maioría da cidadanía pode non entrar dentro dos criterios que o señor Ruíz Gallardón manexa para a súa “graciosa” concesión de indultos. Porque é unha decisión política, fondamente ideolóxica. De feito, o Partido Popular de Vigo, durante o debate no pleno, pediunos ao BNG que retiráramos este segundo punto, que finalmente mantívose, “para non politizar a cuestión” e porque “Vigo apoia a David” pero non é bo facelo “abandeirado doutras causas”.
Pregúntome eu cales son as causas que abandeira o ministro de xustiza vendo os indultos que concede: catro mossos d'esquadra condeados por torturas, un alcalde e varios concelleiros por prevaricación urbanística, un alto cargo da Generalitat e un empresario por prevaricación e malversación de fondos, os militares que falsearon a identidade dos falecidos do Yak 42, tres vendedores de permisos falsos a inmigrantes, o cabecilla dunha rede de fraude do IVE.... e o máis rechamante son os sete indultos que xa leva asinados este ano por delictos contra a seguridade vial.
Pregúntome eu cales son as causas que abandeira o ministro de xustiza vendo os indultos que concede
O ministro do interior dixo que non é política deste goberno indultar a condeados por delictos contra a seguridade vial, menos mal, se chega a selo! Xa dixera Aznar en 2007 que non lle gustaba que lle dixeran que non podía ir a máis de tanta velocidade ou que non podía beberse unha copa de viño, que cando vía a campaña da DXT co slogan “Non podemos conducir por ti” pensaba “E quen che dixo a ti que quero que conduzas por min”, e en 2013 parece que o PP segue conducíndose da mesma maneira, saltándose as normas cando lles interesa e a toda velocidade para chegar a tempo de atender a suxestión feita por Esperanza Aguirre e indultar, a el si, a Ángel Carromero que non ha de precisar miles de sinaturas de apoio para conseguilo.
Parece que o PP segue conducíndose da mesma maneira, saltándose as normas cando lles interesa
É obvio que cómpre cuestionarse unha figura que nada ten que ver cun sistema democrático baseado na separación de poderes pero espero que se faga xustiza con David e poida recuperar a súa vida.