Información e formación no agro. A Universidade Rural de Barreiros

Para os que vimos do rural, nestes días parabenizámonos por unha estupenda nova. O colectivo cultural Ollomao de Barreiros anuncia a posta en marcha da primeira Universidade Rural. A idea, como non podía ser doutro xeito, parte da preocupación que moitas persoas procedentes do rural teñen porque toda a cultura, toda a experiencia, toda a capacidade do mundo agrario galego non se perda. Porque fomos moitas e moitos os que, empurrados polas nosas propias circunstancias marchamos da casa. E agora observamos como o abandono se convertiu en norma e como boa parte do país fica deserto, baleiro.
Perto de seiscentas mil galegas/os bordean a pobreza. Persoas que, mesmo sen sabelo, son propietarias de terreos agrarios e non os están aproveitando.

Aos que nacemos no rural nos últimos corenta anos sempre se nos empurrou a procurar vida fóra: Vivir aquí é unha miseria, dicíannos nais e avoas; estuda unha carreira, aproba unhas oposicións, marcha de aquí... Escoitabamos a diario

Aos que nacemos no rural nos últimos corenta anos sempre se nos empurrou a procurar vida fóra: Vivir aquí é unha miseria, dicíannos nais e avoas; estuda unha carreira, aproba unhas oposicións, marcha de aquí... Escoitabamos a diario. E logo fomos á universidade e algunhas profesoras explicáronnos que o rural sempre exerceu de manancial de man de obra para o sector industrial. Constitúe unha parte moi importante do Exército Industrial de Reserva, esa denominación engloba ao conxunto de persoas que non teñen emprego e que o capitalismo utiliza nos períodos de crise co obxectivo de rebaixar os custos de produción saturando o mercado de traballo con exceso de oferta de man de obra, rebaixando os salarios e recortando nas condicións laborais.

Na actualidade o 60% do territorio galego fica en estado de abandono, aproximadamente o 30% da Superficie Agraria Util (SAU). Porén Galiza é importadora neta de alimentos (sobre todo os de orixe vexetal)

Na actualidade o 60% do territorio galego fica en estado de abandono, aproximadamente o 30% da Superficie Agraria Util (SAU). Porén Galiza é importadora neta de alimentos (sobre todo os de orixe vexetal). Mentres, a Unión Europea baixo o paraugas da libre competencia permite que os actores privilexiados do mercado alimentario, multinacionais, grandes empresas de distribución, impoñan prezos e repartan o molete dos beneficios. Decisións tomadas por gabinetes moi alonxados do medio agrario que teñen en conta máis as palabras das grandes corporacións que as necesidades ou requirimentos das persoas fan o resto. Pola contra as persoas que viven da actividade agraria, sendo as coidadoras do territorio e desenvolvemento tarefas neste que van moito máis aló da actividade produtiva, constitúen o último chanzo na política de prezos e mercados.

Durante anos pesou sobre o rural o estigma de que era un traballo indigno, un traballo “paleto”, falto de cualificación e perspectivas, reservado só para pobres que sempre viviran pegados á terra e non sabían máis nada ca iso

Traballar no rural implica tarefas tan importantes coma as de calquera outro traballo. Contodo durante anos pesou sobre o rural o estigma de que era un traballo indigno, un traballo “paleto”, falto de cualificación e perspectivas, reservado só para pobres que sempre viviran pegados á terra e non sabían máis nada ca iso. Polo tanto, se queremos trocar algunhas cousas no agro cómpre, antes de nada, derrotar ese estigma. Non é doado. Décadas de desprestixio, xunguidas a unha reconversión en toda regra do sector ordenada desde outras instancias deu lugar a que unha parte moi importante da cidadanía galega viva de costas ao sector agrario.

Traballar no rural de hoxe non é retornar a un pasado que en moitas ocasións temos mitificado. Nin todo o que se facía antes estaba ben feito, nin todos os avances que chegaron provenientes doutros lugares, foron os máis axeitados

Así e todo, traballar no rural de hoxe, non é retornar a un pasado que en moitas ocasións temos mitificado. Nin todo o que se facía antes estaba ben feito, nin todos os avances que chegaron provenientes doutros lugares, foron os máis axeitados. Faltou e falta investigación agraria en Galiza que tome referentes propios. Pero esta situación non é unha enfermidade propia. A grande maioría da agricultura convencional de todo o mundo toma como referentes solucións propostas por grandes empresas que fabrican desde as sementes até os tratamentos fitosanitarios, pasando polos fertilizantes.  A súa teimuda lóxica dos beneficios (aínda que sexa a costa da fame) desprazan os cultivos e técnicas propias a un segundo plano, impondo modos de produción que lles permitan seguir acumulando capital. Ao tempo un dos maiores negocios a nivel global constitúeo a distribución de alimentos, situándose mesmo por riba das empresas que controlan a produción, participando destas e controlando a maior parte das transaccións comerciais da agricultura.

Para levarlle a contraria a todo isto e vivir no agro faise preciso un certo capital de coñecementos. Non abonda con saber enganchar as pezoeiras nos ubres ou sachar cunha eixada para vivir no rural. Formular unha alternativa ao modelo de desenvolvemento, pero tamén de traballo equivale a saber e saber facer. Calquera iniciativa relativa á produción de alimentos debe garantir ao consumidor que os recibirá coa calidade, sanidade e hixiene mínimas. Parámetros estes que outorgan a tranquilidade de saber que non imos intoxicarnos cun exceso de residuos dos tratamentos ou por falta de control sobre os axentes naturais que contaminan os produtos agrarios e danan a saúde.

Formarse de xeito crítico permítenos escoller, barallar entre alternativas diversas,  distinguir entre o posible e o que é simple lugar común ou superstición

Pero non só cómpre manexar a calidade e a hixiene. En toda produción deben optimizarse os recursos, xestionarse capital e traballo, estudar alternativas. E non só pensar na produción agraria, senón tamén en cuestións doutra índole que nos afectan na vida diaria: Servizos, comunicacións, temas xurídicos e fiscais, cultura, saúde,... Formarse de xeito crítico permítenos escoller, barallar entre alternativas diversas,  distinguir entre o posible e o que é simple lugar común ou superstición. Para desterrarmos o mito de que no rural a xente non ten cultura ou é atrasada, o primeiro é eliminar a crenza de que en verdade somos así. Formar, formarse, coñecer é o primeiro paso para barrer os prexuízos. Vivir no rural non debe levar aparellado prexuízo ningún. Traballar no rural require coñecemento e resulta tan digno e meritorio coma calquera outra profesión. A distancia, a dispersión demográfica (opinable, en todo caso) que algúns nos espetan, non debe ser un valado para que os coñecementos e os servizos flúan e se poñan ao alcance de todas/os.

Decidiron chamar a cada un dos módulos nos que van dividir esta Universidade Rural: Semente. Todo un capital simbólico tratándose da zona onde se plantou o primeiro grao de millo

Por iso saudamos con enorme expectación e interese a iniciativa do colectivo cultural Ollomao. Unha universidade que pretende facer chegar coñecementos que non son só do medio rural, senón todos aqueles que permitan a xente que vive e traballa nel acceder en igualdade de condicións a temas que doutro xeito só parecían reservados ao medio urbano. E non vai haber títulos oficiais, nin diplomas, pero vaise transmitir coñecemento, que é a semente dun futuro mellor. E así decidiron chamar a cada un dos módulos nos que van dividir esta Universidade Rural: Semente. Todo un capital simbólico tratándose da zona onde se plantou o primeiro grao de millo. Parabéns, polo tanto a Ollomao e ás súas promotoras, e parabéns ás persoas da Mariña de Lugo, que deste xeito dan un paso adiante nun lugar onde o abandono e o despoboamento están a sacrificar (noutra comarca máis) unha enorme riqueza económica, cultural e social.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.