Innovación Dixital: + Algoritmos = + desigualdade?

Dominio Público

O avance da tecnoloxía e da informática, a tecnificación e dixitalización industrial, dos servizos e da sociedade en xeral son algunhas das principais características que xa están marcando o devir económico e social das próximas décadas. Na procura da eficiencia na asignación dos recursos, entre todos os instrumentos empregados no eido dixital destaca un sobre os demais: os algoritmos.

Durante os últimos miles de anos as profesións humanas foron especializándose cada vez máis, un feito que ten como consecuencia que eses traballos específicos sexan cada vez máis reemprazables por unha intelixencia artificial (IA), incrementando os efectos dos algoritmos sobre a futura vida das persoas

A palabra "algoritmo" ten a súa orixe no nome do famoso matemático Al-Khwarizmi (Abū ʿAbd Allāh Muḥammad ibn Mūsā al-Khwārizmī ou Abu Jafar Maomé ibne Muça Alcuarism). O radical de algoritmo vén de algoritmi, a forma latina do nome deste matemático (Daffa, 1977). Segundo define a RAE o concepto de algoritmo, ou díxito, refírese a “un conxunto ordenado e finito de operacións que permite acadar a solución dun problema tipo”. 

Como dicía, os algoritmos veñen ocupando unha posición cada vez máis central nas nosas vidas. Os resultados dalgúns dos nosos comportamentos máis cotiáns están impregnados polos cálculos algorítmicos, cando non son consecuencia completamente deles. Así, hoxe en día empresas como Amazon poden enviar produtos mediante rutas eficientes a calquera parte do mundo, outras como Uber poden xestionar miles de taxis ao mesmo tempo, outras como Inditex empregan algoritmos para facer predicións meteorolóxicas e adaptar a súa produción á climatoloxía adiantando ou atrasando tempadas, Facebook e Youtube utilízanos para determinar os contidos que visualizamos, as compañías aéreas empregan os algoritmos para a fixación dos prezos dos voos, e un longo etcétera. 

Por suposto, tampouco o sector público permanece alleo a este cambio tecnolóxico. Este emprega os algoritmos para regular o tráfico e organizar os espazos públicos, como acontece en Amsterdam (Montalvo, 2019), ou incluso en áreas como a educación para asignar cualificacións aos estudantes como consecuencia da falta de asistencia ás aulas e da non realización dos exames finais durante pandemia, como aconteceu en Inglaterra. Sen embargo, para este último caso a proposta inicial de algoritmo para fixar as notas contiña un trazo baseado en cualificacións de anos previos que inducía a unha corrección máis á baixa das cualificacións obtidas polo estudantado que vivía en barrios sociais máis humildes, fronte ás correccións de menor intensidade para o alumnado que pertencía a zonas máis favorecidas (BBC, 2020). 

Os resultados dalgúns dos nosos comportamentos máis cotiáns están impregnados polos cálculos algorítmicos, cando non son consecuencia completamente deles

No ámbito da disquisición entre vantaxes e desvantaxes, a eficiencia na xestión dos recursos é a todas luces un argumento a favor do uso dos algoritmos. Tamén o é que tarefas repetitivas levadas a cabo por máquinas poidan ser substituídas por outras. Porén, tal e como defende Harari (2018), dado que non hai nada que impida que a eficiencia dun algoritmo poida ser superior fronte a un proceso realizado por un ser non orgánico, tampouco existe ningunha razón lóxica para pensar que a superioridade na eficiencia dos algoritmos non poida tamén afectar aos seres orgánicos. Segundo o afamado autor israelí o certo é que durante os últimos miles de anos as profesións humanas foron especializándose cada vez máis, un feito que ten como consecuencia que eses traballos específicos sexan cada vez máis reemprazables por unha intelixencia artificial (IA), incrementando os efectos dos algoritmos sobre a futura vida das persoas. Para Harari, esta evolución podería chegar ata un momento no que todas as tarefas desenvolvidas polos seres orgánicos poidan ser superadas en eficiencia por algoritmos. Incluso unha actividade tan propiamente humana como o recoñecemento das emocións noutras persoas podería ser feita de maneira máis eficiente a través dun algoritmo no futuro. Isto podería chegar a transformar o mundo que coñecemos completamente. Pero…serían desexables todas as mudanzas que implicaría unha mudanza deste calado? 

Ninguén pode negar hoxe en día a existencia dos efectos da implementación dos algoritmos na vida actual. Mais a pesar desta influencia crecente, a meirande parte deles son gardados baixo o maior dos segredos, xa que a súa posesión única supón unha vantaxe competitiva equiparable á dun modelo de monopolio. Pero a realidade do mercado reflicte unha vez máis que aqueles que poden empregar eses algoritmos avanzados son aqueles que poden pagar os salarios dos seus desenvolvedores (académicos ou traballadores moi altamente cualificados do sector industrial). Por ese motivo, nos últimos anos comezou a oírse un crecente número de voces demandando a democratización dos algoritmos. Para os defensores desta idea de socialización o feito de poñer en coñecemento a composición destas expresións permitiría mellorar a súa empregabilidade e o seu percorrido en canto a outros posibles desenvolvementos, o que á súa vez favorecería o avance tecnolóxico. Polo de pronto, algunhas empresas xa comezan a empregar integramente o software libre, se ben moitas o empregan (lexitimamente) aínda como base arquitectónica sobre a que logo apoiar os seus algoritmos.

A medida que a sociedade se dixitalice, o emprego dos algoritmos incrementarase de forma expoñencial, o que obrigará a contar cun coñecemento específico para ser quen de poder tomar decisións mantendo certo nivel de liberdade e soberanía sobre as consecuencias económicas e sociais das eleccións (individuais e colectivas)

Pero… nese contexto, tanto se aspiramos a unha sociedade dixitalizada que fomente por riba de todo o libre mercado e a liberdade individual, como se aspiramos a unha sociedade máis enfocada cara a igualdade de oportunidades e o benestar social, non sería suficiente só con dar pasos cara a democratización dos algoritmos. Esta debería ir acompañada por outra democratización, a do coñecemento dixital e matemático que permita a comprensión destes algoritmos á meirande parte posible da cidadanía. A medida que a sociedade se dixitalice, o emprego dos algoritmos incrementarase de forma expoñencial, o que obrigará a contar cun coñecemento específico para ser quen de poder tomar decisións mantendo certo nivel de liberdade e soberanía sobre as consecuencias económicas e sociais das eleccións (individuais e colectivas). Non dar pasos na “alfabetización” nestas áreas sería quedarse na metade do percorrido. A falta de asunción deste deber afondaría na configuración e consolidación dun sistema socioeconómico xa fundamentado no desequilibrio social e no que aquelas entidades ou individuos que proveñen de contornas máis favorecidas e, como consecuencia, posúen ou teñen acceso aos coñecementos clave, teñen moitas máis posibilidades de prosperar ou, cando menos, perpetuarse na súa posición social privilexiada, na liña do defendido por autores como Sandel (2020).

Queda aínda un largo camiño por percorrer… 


 

Bibliografía

BBC (2020). A-levels and GCSEs: How did the exam algorithm work? [en liña] Obtido de BBC News, en https://www.bbc.com [ref. de 20 de agosto de 2020]. Dispoñible en: https://www.bbc.com/news/explainers-53807730

Daffa, Ali Abdullah al- (1977). The Muslim contribution to mathematics. London: Croom Helm 

Harari, N. Y. (2018). Money. London, Vintage Classics

Montalvo, C. (2019). Lo que el algoritmo puede hacer por tu ciudad [en liña]. Obtido de Nius Diario, en https://www.niusdiario.es [ref. de 19 de setembro de 2019]. Dispoñible en: https://www.niusdiario.es/economia/algoritmo-puede-hacer-ciudad-inteligencia-artificial_18_2813745317.html

Sandel, M. J. (2020). La tiranía del mérito. ¿Qué ha sido del bien común? Barcelona: Editorial Debate

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.