Voyez noir! Non que tous vos soleils soient tombées --ils sont déjà revenus, un peu plus pâles--, mais Noir est la «couleur» qui tombe éternellement de l'Univers sur votre Terre1.
François Laurelle, Du noir univers
Imposible predicir o futuro. Moi doado contestar esta pregunta: como vai a rematar a crise? Con sangue, masacres, en guerra. Alguén o dubida? É unha cuestión numérica, o número de corpos mortos, o que fará cadrar as contas da débeda. Ao final do reconto, centos e máis centos de miles. Millóns, aínda que xamais saberemos exactamente cantos.
Botamos as contas que outros non queren botar, e dicimos que o presente é branco, pero o futuro será negro. O monstro extermina cando ve ameazado o seu imperio. Mais, algún día conseguiremos facelo parar
Non auguramos ningún futuro. Tampouco somos catastrofistas. Botamos as contas que outros non queren botar, e dicimos que o presente é branco, pero o futuro será negro. O monstro extermina cando ve ameazado o seu imperio. Mais, algún día conseguiremos facelo parar -- Insha'Allah.
I
O declive do poderío económico dos USA, que non militar e simbólico, empezou nos anos setenta do século pasado. Só a implosión da URSS suavizou a caída ao longo dos noventa
Trátase de algo coñecido. O declive do poderío económico dos USA, que non militar e simbólico, empezou nos anos setenta do século pasado. Só a implosión da URSS suavizou a caída ao longo dos noventa. BRICS é outro xeito de poñer un nome ao final do sono estadounidense; a imposibilidade, dito con Negri e Hardt, dunha monarquía global nun mundo tan interconectado e multipolar. PIGS, o insulto, o porco, ao que se lle dá morte abríndoo en canle, do que se aproveitan todas as partes, é a imaxe que mellor caracteriza o bicho do Plan Marshall coñecido como a Unión Europea. A criatura chegou a superar ao seu mecenas postbélico converténdose na primeira zona económica do planeta, pero tivo que axeonllarse cando este llo esixiu no 2009. E entón, que pasou?
Europa non é inocente. Que se boten atrás os sentimentais! Soaban os violíns de Beethoven cando foi convidado o Club Med a integrar a súa unión. Os incautos amolecíanse confundindo o reino do Norte coa pax europaea. Pero no azul estrelado non resoa himno ningún á alegría. É máis ben como o conto dos irmáns Grimm. Hansel e Gretel. Animais repoludos a sacrificar sen ritual mortuorio, cintos de graxa, periferias a adelgazar; o San Martiño que comeza en Atenas e avanza polo Mediterráneo en dirección ao Finis Terrae, pola vía do Chipre encorralado.
Europa non é inocente. Que se boten atrás os sentimentais! Soaban os violíns de Beethoven cando foi convidado o Club Med a integrar a súa unión
Os caciques locais do Sur levan adiante o espolio, ao tempo que suplican que non os aparten do Eixe Branco do Mal. Os seus cidadáns descóbrense como o que sempre foron virtualmente, dende que o Norte os subsumiu no seu proxecto: de Europa para fora, imperiais de Clase B, e cara dentro, a colonia interior, primeiro engordada para facer circular os capitais e mercadorías setentrionais, agora saqueada. Provinciano o populista, Aznar é o epítome da elite de paifocos de Madrí, imitados en cada un dos pequenos Madriz dos arredores peninsulares. Todos eles soñan con falar no mundo sen acento. Do erro ao horror. Grazas a un video filtrado fomos testemuñas dunha perla da que é capaz o soldadiño español en Iraq. Como na parodia dos Nikis, hai a quen lle gustaría repetir a barbarie da que foron capaces os seus antepasados vai cincocentos anos. Pero, por máis sen-escrúpulos que envíe o Sur, por máis asasinatos e torturas, por máis violacións ás que se entreguen os seus militares, xamais poderán competir cos netos de Hitler e as hostes de Bush e de Obama.
Os enxames sen tripulación bombardean Somalia no medio dunha fame. Persiguen as súas propias pantasmas, e caen a decenas os obxetivos e os que pasan por ahí perto. Aconteceu vai dous anos, vai un ano, e agora. Abomination ou Obama Nation, ti elixes. Difícil ser tan democrático, branco e civilizado, competir nestes parámetros con quen reside na Casa Branca. Black is Black e os drones inclementes. Os seus brancos tamén son os negros. Sen enganos: Obama é branco. Para Merkel, eu son negro, e como tal trátame. Como o poeta que pasou unha tempada no inferno: "de raza inferior por toda a eternidade". Culturalmente racializado, separado da razón polo menos dende Montesquieu, sacrificable, sacrificado polo Norte continental, o Sur é para el tan negro como Rimbaud para a historia francesa. Todo o Sur é como Grecia: Africano! De dúas maneiras moi distintas, a de Martin Bernal e a de Wall Street. En calquera caso, Atenea Negra.
Bernal di: Grecia foi imaxinada durante séculos como unha parte da área cultural exipcia e semítica, e só a partir do XVIII impúxose a visión aria de Europa e do seu berce grego, tan funcional á nacente bipartición continental entre o Norte e o Sur.
Grecia segue sendo negra, ao seu pesar, como o foron os escravos e sómolo nós, por máis cas políticas migratorias deste ou aquel país queiran expulsar do seu territorio as pigmentacións que lles desagradan
Por case tres séculos así escindida Europa de África e volto o Norte a esencia da europeidade, Grecia segue sendo negra, ao seu pesar, como o foron os escravos e sómolo nós, por máis cas políticas migratorias deste ou aquel país queiran expulsar do seu territorio as pigmentacións que lles desagradan.
Dos neo-nazis á cutre-dereita. Amañecer Dourado, Partido Popular, expulsando aos últimos queredes entrar no reino dos primeiros. Paifocos! Palidecemos ante os vosos sonos provincianos con peles branquexadas.
II
Provincia Europa, cal é o plan dos teus cacicatos locais? Como esperan saír da crise? Noutra ocasión argumentamos co pensamento económico fora abandoado, trocado por unha mera práctica contable --a dos recortes-- que por si mesma non poderá sacarnos desta situación. Chega con botar un repaso á páxina de publicacións da FAES. Ideas novas? Ningunha. Entón, como esperan saír da crise?
O inicio das políticas da austeridade significou unha cousa: os USA facíanlle pagar solidariamente os pratos rotos ao seu principal aliado. Foi unha declaración de guerra (económica)
Contestemos con outra pregunta: por que aquí, neste país, nin sequera o follonero se atreve a formular o problema máis aló da súa dimensión europea? Talvez porque atoparía algo demasiado feo. O inicio das políticas da austeridade significou unha cousa: os USA facíanlle pagar solidariamente os pratos rotos ao seu principal aliado. Foi unha declaración de guerra (económica). Como desposta, golpeada no talón de Aquiles, a bruxa xermana fixo calar os violíns para comezar a devorar os seus nenos. Graxa ó caldeiro. Sacrificar o Sur para salvarse o Norte. E non faltaron os insultos: eses vagos do Siesta South queren quedar cos nosos cartos. Pero esta crueldade ao Grimm, ou se se prefire, esta metafórica antropofaxia goyesca, non é nada en comparación coa que se dá na outra cara da mesma moeda.
A crise non ten a súa orixe no crack do 2008, coa quebra de Lehman Brothers, etcétera. Hai que comprendela como un episodio dunha trama maior: a do relativo declive do Eixe Branco do Mal dende os anos setenta
A crise non ten a súa orixe no crack do 2008, coa quebra de Lehman Brothers, etcétera. Hai que comprendela como un episodio dunha trama maior: a do relativo declive do Eixe Branco do Mal dende os anos setenta. As poboacións de moitas das antigas colonias, especialmente con gasodutos ou depósitos petroleiros, tiveron que sufrir o indicible. Quen botará as contas da dor debida? A crise enerxética, a desindustrialización con deslocalización dos anos setenta e oitenta, o proceso de financiarización da economía… Como comprender todo isto alleos á historia colonial? Yann Moulier Boutang descifrou o boom do ladrillo no inxente fluxo de petrodólares que viaxaron de Oriente Medio a Occidente, tralos conflitos coa OPEP a comezos dos setenta. A crise, esta crise, non é outra cousa co máis recente dos avatares da historia postcolonial. Un episodio, o seu episodio. E rematará tal e como este comezou vai xa máis dunha década, no ocaso do milenio.
Nos USA acelerouse todo no 1999 co clash da new economy e as súas dot.com, e un ano despois coa crise do petróleo californiano. Dende entón o estado de Hollywood e do Silicon Valley encóntrase en virtual bancarrota. Velaquí un elemento na xénese, unha inflexión dentro da trama crítica das últimas catro décadas. Logo veu o 11-S e a insubordinación de quen en América latina se opuxo aos mecanismos da débeda branca, botando ao traste o Consenso de Washington.
O rei contestado.
Os pesadelos desatados.
Nos USA acelerouse todo no 1999 co clash da new economy e as súas dot.com, e un ano despois coa crise do petróleo californiano. Dende entón o estado de Hollywood e do Silicon Valley encóntrase en virtual bancarrota
As guerras de G.W. Bush, continuadas por Obama, encontraron frutífero o terreo discursivo preparado para xustificar a guerra da liñaxe petroleira, do primeiro Bush, á volta da Perestroika. O socialismo real derrubárase. Moi perto quedaba Castro, pero desarmado. O Islam converteuse nos noventa no grande inimigo. O cal, por certo, non era de todo novo. Salvo os especialistas, nos USA nunca tiveron moi claro que era o Islam. Todos caían no mesmo saco. Os palestinos, por exemplo, e Sadam, e Al Qaeda, todos para dentro e ben xuntiños, aínda que Al Qaeda rexeitase con vehemencia o goberno secular de Hussein, e a altamente secularizada política palestina dificilmente poida considerarse islámica. Como fora, o Islam sempre estivo aí, nos pesadelos, como imaxinario orientalista, máis ficticio que real, máis racista que outra cousa, e no 1973 o desafío da OPEP fixo que se activasen todas as alarmas.
Agora ben, se para os Estados Unidos o Islam é o maior dos seus temores, o é porque significa moito máis. Non vive acazapado nas covas afgás. O Islam é o inimigo interior reactivado como pesadelo ao golpear nas Torres Xemelgas, é dicir, outra vez no espazo doméstico. Patoloxía WASP. A súa irrupción como ameaza e protagonista das paranoias brancas data dos anos sesenta. Foi o Islam panafricano o que reclamou o nacionalismo negro, unindo con el as historias do imperialismo, a escravitude e o racismo institucional. We The People quixo dicir sempre We The White Men e non We the Wo/men, e por suposto, de ningún xeito We the Black People. Tampouco estivo o crisol da Nation Under God de todo aberto á variedade de crenzas. No 1965, a existencia dun nacionalista negro, islámico e marxista resultou intolerable. Por iso fixeron matar en New York a El-Hajj Malik El-Shabazz, tamén coñecido como Malcolm X.
X, a incógnita.
Malcolm fixéraa súa porque os Murphy, Jones ou Smith non eran máis cos apelidos marcados no corpo negro para que lembrasen os seus amos. Historia negra. Ao saír dos barcos, negábaselles a voz, prohibíaselles a palabra, desposuíaselles dos seus corpos e a capacidade de nomear, obrigándoos a levar como un estigma o título da propiedade. Nos primeiros momentos do black power, no medio de todas as loitas coloniais pola independencia, El-Hajj Malik El-Shabazz encontrou no Islam aquilo que lle permitía referirse a si mesmo sen falar a linguaxe do amo.
Ao negro que repudia o negreiro, se as cousas se poñen feas, hai que matalo. Máis aínda se di falar por si mesmo e está armado. George Jackson, Fred Hampton, Huey Newton...
Enténdase ben. O posterior clash of civilizations é realmente, na feliz expresión de Tariq Ali, un clash of fundamentalisms: dereita contra dereita relixioso-estatal. Bush falaba das Santas Cruzadas. Aznar evocaba a Reconquista. O auxe da dereita islámica é en boa medida o froito envelenado, financiado e armado por Occidente. Xa se sabe, Bin Laden e os Talibáns. Pero tamén, por poñer outro exemplo, o renacemento islámico en Indonesia. Floreceu tras exterminar Suharto --con apoio occidental-- varios centos de miles de independentistas timorenses e disidentes da oposición de esquerdas e secular. Varios centos de miles, aínda que xamais saberemos cantos. Tampouco o número dos asasinados como efecto colateral das políticas anti-crise en marcha.
Escenario inevitable para situar a crise actual, antes de que a guerra cobrase en Iraq ao redor dun millón de almas, Madeleine Albright calculaba co bloqueo económico custara a vida de medio millón de nenos.
Que axencia de cualificación botará as contas da dor?
Na Industria da Morte, Estados Unidos e Europa manteñen o seu Triplo A.
Remplazada queda o K K K.
Repetir agora, outra vez máis, co demonizado Chávez non era democrático.
Matar negros é o que mellor saben facer os que secuestraron o nome da democracia.
III
Hai que darse a democracia e aprender a falar dela sen empregar a linguaxe branca dos asasinos. Democracia e punto? Non. Máis ben, punto e aparte, e agora democracia
O-Hajj Malik El-Shabazz.
A incógnita.
Como Malcolm, hai que reinventar o idioma e darse nomes novos.
Hai que darse a democracia e aprender a falar dela sen empregar a linguaxe branca dos asasinos. Democracia e punto? Non. Máis ben, punto e aparte, e agora democracia.
Nós aprendemos a pronunciar as palabras verdadeiras: a democracia é negra. Xa o dixemos noutro lugar, doutro xeito. A democracia na súa versión moderna non é unha forma de estado. Como forma estatal foi por igual descartada e condeada por Montesquieu, Rousseau, Kant, Jefferson e Madison. Cando se chegou a algo tan quimérico como a democracia representativa uníronse nunha mesma fórmula o que para todos aqueles pensadores eran termos opostos: ou había democracia ou había representación --aseguraban-- e a representación era precisamente o que debía ensamblarse institucionalmente para evitar que se dese a democracia.
Cando se chegou a algo tan quimérico como a democracia representativa uníronse nunha mesma fórmula o que para todos aqueles pensadores eran termos opostos: ou había democracia ou había representación
Os caciques locais, confundíndoo todo, din democracia pero queren dicir representación. De aí que sexa doado explicar porque cando ven o rostro democrático, intentan esmagalo por todos os medios. Sobre todo nesta bancarrota da representación na que, pola contra, a democracia se mostra en todo o seu esplendor, na figura dos e das indignados.
Para falar a linguaxe negra da democracia hai que negar que exista cousa tal como a democracia representativa; dicir que a representación é unha cousa, a democracia outra, que o que diferencia a versión moderna da antiga é algo tan importante como sinxelo. De novo reixeitada no século XVIII como forma do poder constituído, a democracia converteuse por primeira vez na historia nunha modalidade do poder constituínte. Onde e cando por primeira vez? En Haití, no 1791. Tamén cos sans culottes e coas primeiras mulleres que cuestionaron a Declaración Universal escrita por e para os homes.
Hai que denunciar a historia branca da democracia por ser unha farsa e unha traxedia. Ningunha liña recta vai da polis ateniense á revolución francesa. A historia da democracia moderna é negra
Hai que denunciar a historia branca da democracia por ser unha farsa e unha traxedia. Ningunha liña recta vai da polis ateniense á revolución francesa. A historia da democracia moderna é negra. Dende hai douscentos anos, democracia quere dicir que o impolítico pode reclamar en nome dun demos inconstituido a súa politicidade. Velaquí a diferenza coa democracia grega. Democracia é, pois, a capacidade que ten o negro de converterse en demos. Así, nun sentido distinto ao de Lefort, a democracia dáse nun espazo baleiro de fundamento.
Si, democracia é o contrario do fundamentalismo. Fundamentalista —por canto pecha o demos, como Santiago Matamoros pechaba Hispania— é o Artigo 2 da Constitución do Reino español, imposto polos militares.
Insistimos: a negritud política non é senón que devén. De onde? Con e contra François Laurelle sostemos que ao comezo si que está o negro, e que logo cae eternamente, políticamente, do Universo a cada Terra.
Sendo co primeiro que ha de constituír o poder constituínte é a si mesmo en tanto que potencia, sendo que, como a potencia inoperante aristotélica, toda potencia subxectiva pasa sempre ao acto sen esgotar as súas posibilidades, a negritude endexamáis está dada de antemán nin resolta na súa actualización.
Neste punto nos afastamos os do vello nacionalismo negro, co que compartimos, no entanto, unha das súas respostas.
Que é un negro?
O-Hajj Malik El-Shabazz, por cuxas veas corría o remoto sangue dun escravista, dun branco que como tantos outros violara a súa escrava, responde: o negro é todo o non-branco.
Na Inglaterra dos anos setenta o poder negro facía mención ao movemento político dentro do cal se recoñecían por igual os afro-caribeños e os asiáticos: todos negros, con independencia da cor da pel, sitos nas marxes, senón apartados fóra da britanidade. Xa o advertiu Paul Gilroy: There Ain't no Black in the Union Jack. Negro, o non-branco, pero constitutivo dunha nova Atlántida, todo un continente marítimo —The Black Atlantic— e moito máis, ata chegar a súa Terra á India.
Sería interesante pensa-la resposta de Malcolm, tamén de Fanon, combinándoa coa nosa definición democrática do negro como poder constituínte.
Sazonado todo cuns chiscos de Laurelle. Debemos contentarnos con deixar anotada a idea. Todo un reto que traducimos dende a reflexión do anti-filósofo a propósito da cor: "apprendre à penser à partir de Noir comme ce qui détermine en dernière instance les couleurs plutôt que comme ce qui les limite" (aprender a pensar dende o punto de vista do negro como aquilo que en última instancia determina a cor en lugar de limitalo). A potencia e non a forma, sen dúbida; o constituínte en lugar de ser o constituído en tanto que reverso, coma se fose unha segunda raza, como en Beauvoir o segundo sexo. Non. O poder constituínte é negro.
Calquera sexa o caso, ser negro non remite a unha mera cuestión biolóxica.
Calquera sexa o caso, é certo co negro é a parte prexudicada nunha relación racista: a vosa crise, os nosos mortos.
Agora que na perspectiva do poder e da democracia nos sabemos negros, comprendemos que esta crise é branca. De aí que reivindiquemos a Europa do Sur para desbaratar o racismo setentrional
Agora que na perspectiva do poder e da democracia nos sabemos negros, comprendemos que esta crise é branca. De aí que reivindiquemos a Europa do Sur para desbaratar o racismo setentrional e constituír, dende todas as negritudes, unha Europa que non se preste ao exterminio dos non-brancos.
Agora podemos contestar o noso interrogante constatando os feitos. Racismo avivado por intereses económicos: para saír da crise non foi o enxeño, o saber, o espírito emprendedor, a eficiencia no traballo e a creatividade o que puxeron en valor as pretenciosamente autodeclaradas knowledge societies occidentais, senón a brutalidade das armas: asegurar os suministros a baixo prezo, advertir aos emerxentes que non se pasen da raia. Iraq, Afganistán e moito máis. Nestes últimos anos houbo varios golpes de estado avalados polo Eixe Branco do Mal. Non o esquezamos. En Ecuador, en Venezuela, por exemplo.
Para saír da crise matarán tantos negros como sexa necesario.
IV
Unha vez máis: a crise non comezou no 2008. Midámola polos seus efectos. Que é a crise? O maior xenocidio dende os tempos de Hitler foi xa consumado e segue o seu curso. Un Holocausto con vítimas maioritariamente musulmás. Nunha ducia de anos, cantos? Un millón e medio. Quizais esteamos xa máis perto dos dous. Agora este masacre comeza a cobrarse tamén as vidas dos ennegrecidos sureuropeos, que se suicidan ao ser desafiuzados. Un grande exterminio. E todo en nome da democracia branca.
A Sexta xamais o dirá así.
A televisión dos progreses non falará da crise na súa dimensión global, a non ser cos obriguemos, pois está demasiado comprometida no branqueo. Non dubidan, por exemplo, en descualificar o chavismo e denunciar como inmoral os acordos ou alianzas económicas que tecen con outros países enfrontados ao Eixe Branco do Mal. Non importa cos observadores da ONU cualificasen os seus procesos electorais como transparentes e tecnicamente os máis avanzados, moito máis cos españois. A súa representación endexamais será lexítima. Tanto ten que, erguido polos movementos, o partido empregase parte do petróleo para combater a pobreza extrema e reforzar a educación e a sanidade pública. Ante todo, serán populistas. Non perdoarán a Venezuela terse subtraído dos lazos cos ataban á débeda branca, buscando auxilio --como tantos outros países latinoamericanos e africanos-- no talonario BRIC dos chineses. Os progres non quererán sacar as conclusións evidentes.
Nin somos chavistas nin temos porque selo para escribir cousas como estas. Si que é necesario sair do mundo mental branco para preguntarse por que non se botan as contas? Por que é descontextualiza a crisis, extraída da súa dimensión planetaria?
Quen romperá co Eixo Branco e dará nome aos mortos?
Sabemos ca revolución non será televisada.
Os grandes media odian os negros.
O que toca agora é poñer fin ao proxecto branco da Unión Europea. Levantarse nós os seus negros. Instituír o Sur para reconstruír unha Europa arruinada pola división latitudinal
Unhas palabras duras para rematar sen nostalxia: o que toca agora é poñer fin ao proxecto branco da Unión Europea. Levantarse nós os seus negros. Instituír o Sur para reconstruír unha Europa arruinada pola división latitudinal (e, entre a súa vertente Occidental e do Leste, tamén lonxitudinal).
Nós non somos anti-Europa. Esta Europa é anti-nós.
Un desafío e unha provocación para os que, repetindo a cantilena da Europa dos Pobos ou da Europa dos Movementos, seguen soñando cos violíns de Beethoven. Facede de Europa o que nunca foi: un proxecto oposto á lóxica imperial. Unha Europa decolonial, condición sine qua non para a Europa democrática que desexamos.
Ou global, ou a democracia non será, e será, e ergueranse os indignados e as indignadas, e caerá a túa ira --oh, democracia!-- sobre quen mancilla o teu nome negro
De todas as cores, pero nunca máis branca.
Europa Negra.
Ou global, ou a democracia non será, e será, e ergueranse os indignados e as indignadas, e caerá a túa ira --oh, democracia!-- sobre quen mancilla o teu nome negro.
Insha'Allah.
1- Mirar negro! Non é que todos os teus soles caesen —pois reaparecen entón, só un pouco máis tenues— é que o Negro é a "cor" que cae eternamente do Universo na túa Terra.