Instituto Galego de Crédito e Investimento: Por que agora?

Galiza atravesa un dos seus peores momentos financeiros. Podemos afirmar rotundamente que xa non existe ningunha entidade financeira galega

Galiza atravesa un dos seus peores momentos financeiros. Podemos afirmar rotundamente que xa non existe ningunha entidade financeira galega. Co silencio dalgúns e a axuda cómplice de Feijóo os aforros dos galegos e galegas, gardados durante décadas nas antigas caixas de aforro, vendéronse antes de prazo e con grandes beneficios para o comprador. De feito, dos 8.981 millóns de axudas públicas que recibiu NCG Banco só se recuperarán 728 millóns de euros. Isto supón que só se reintegrará un 8% do diñeiro público que se empregou para sanear a entidade. Como tantas veces repetimos, unha ganga total para o comprador e unha ruína para o país.

Este roubo de poder financeiro ven acompañado dunha planificada perda de poder político e dun desmantelamento do tecido industrial

Este espolio parabenizado polo goberno galego ten como contrapartida unha restrición de crédito inaudita que fai que a nosa terra sexa despois de Estremadura, a comunidade onde o peso do crédito é menor. Os galegos e galegas seguen aforrando chegando aos 56.157 millóns de depósitos en decembro de 2013, mentres sofremos o descenso mais intenso no peso do crédito estatal, exactamente nun 12,6%. Este roubo de poder financeiro ven acompañado dunha planificada perda de poder político e dun desmantelamento do tecido industrial.

Ante a negativa do PP de transformar NCG Banco nunha Banca Pública Galega agora compre dar outro debate. Necesitamos algún mecanismo de financiamento do tecido empresarial que sobrevive ao naufraxio e do que se pretende crear con ese nome de emprendemento? Se consideramos que si, agora é o momento. O IGAPE é un zombi que se arrastra polo economía galega, mingua os seus orzamentos ano tras anos e ten por función pouco máis que dar subvencións a empresas que logo do tempo de rigor liscan do país. Por iso, é o momento oportuno para a súa transformación  nun Instituto galego de Crédito e Investimento, como xa teñen Cataluña ou Euskadi.

É o momento oportuno para a súa transformación  nun Instituto galego de Crédito e Investimento, como xa teñen Cataluña ou Euskadi

Esta entidade pública debe ter un dobre obxectivo. En primeiro lugar, reactivar o crédito para as pequenas e medianas empresas do país. En segundo, constituír unha Corporación Industrial Pública que supere a política de subvencións da administración pública a empresas privadas para desentenderse completamente da súa xestión posterior. Exemplos como T-Solar, Freiremar, Pescanova, Alimentos Lacteos ou Infinita Renovables son moi recentes e ilustrativos de como os millóns de euros públicos da administración non garanten o emprego nin a permanencia das empresas no noso territorio.

O meu profesor de filosofía no Bacharelato sempre dicía que as ideas teñen que ter “patiñas” para camiñar. A min seméllame unha metáfora acaída para os momentos que vivimos. Reclamar o público necesita de formulas lexislativas e administrativas que lle dean sentido e peso á planificación económica galega.

Reclamar o público necesita de formulas lexislativas e administrativas que lle dean sentido e peso á planificación económica galega

Reclamar Soberanía para Galiza necesita de instrumentos que a vehiculicen en todos os ámbitos da vida política. Desde Bóveda sabemos da importancia que ten para a construción dunha nación o seu sistema financeiro. Os que fixeron desaparecer o noso tamén o saben. De feito, aínda manteñen as celebracións por tan grande empresa.

Ideas e patiñas en tempos convulsos que arrasan Galiza. A proposta dun IGCI é unha idea con moitas patas propias para camiñar. O seu rexeitamento é a expresión desta dereita galega sumida na vontade de Tánatos.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.