Intelectuais

Hai uns días, Ignacio Sánchez Cuenca nun artigo seu, Intelectuales y frívolos, retomaba unha crítica aos intelectuais en xeral e dun modo moi concreto aos máis establecidos na vida pública madrileña e española. O seu texto, agudo e crítico, é polémico e non cabe entrar aquí nos detalles desa polémica pero pola miña banda coincido co fondo do artigo: tamén eu desconfío dos intelectuais. Intelectuais coma o propio Sánchez Cuenca. Pola miña banda direi que o meu espello me ofrece imaxes de xente que tampouco é de fiar.

Desconfío desa xente porque é belicosa, non só defenden ideas e argumentos, tamén combaten as ideas e argumentos dos contrarios. Como toda actividade humana, o que fan é algo persoal, así que os seus enfrontamentos son inevitablemente persoais. Os intelectuais son coma os nenos, mallan uns nos outros e ás veces fanse dano.

Como toda actividade humana, o que fan é algo persoal, así que os seus enfrontamentos son inevitablemente persoais. Os intelectuais son coma os nenos, mallan uns nos outros e ás veces fanse dano

Os seareiros dos clubes de fútbol escenifican enfrontamentos de intereses diversos, sociais e nacionais. Hai quen se ve representado nun club de fútbol o que considera xenuinamente popular e hai quen opta polo que considera elitista, quen segue un club madrileño porque é españolista e quen segue un barcelonés porque é catalanista ou cuestiona o centralismo... Mesmo hai xente tan rara que segue un equipo simplemente porque lle gusta o xogo que practica.

En certo sentido, os intelectuais escenifican para unha parte da sociedade máis reducida os mesmos enfrontamentos de intereses e ideolóxicos. Hai quen desdeña os seareiros dos clubes de fútbol por agrestes e maleducados pero, baixo a ironía e o sarcasmo mordaz, pode que entre os intelectuais haxa tanta violencia ou máis. Unha violencia reprimida pero comprimida nas palabras.

Hai quen desdeña os seareiros dos clubes de fútbol por agrestes e maleducados pero, baixo a ironía e o sarcasmo mordaz, pode que entre os intelectuais haxa tanta violencia ou máis

Quen xogase a falar en público e participado nesa teatro que son as mesas redondas, sabe perfectamente o que é xogar en campo contrario, defender unha argumentación que o público que che está escoitando aborrece. O público tampouco é neutral. E hai na area intelectual tamén xogadores de mal carácter, autoritarios, violentos e seareiros bruscos que non respectan o xogo do contrario. E hainos que atraen os seareiros propios.

Argumentamos aquí reiteradamente polo dereito e polo revés que as décadas desde a morte de Franco son unha etapa histórica que concluíu, que o Estado franquista reformado nun sentido democrático ten todas as súas institucións en crise, que a crise económica foi a puntilla á extenuación do sistema político. Unha crise así seguramente dará paso a unha nova etapa constituínte, o contrario sería unha crise existencial absoluta. Un indicio mínimo pero significativo é a crise do sistema intelectual español, que existía de modo ordenado, cada personaxe co seu discurso e o seu matiz, uns nas páxinas deste diario e outros nas doutro.

El País concentrou moitas expectativas e atraeu moita creatividade, para moitas persoas foi unha guía de opinión, de gustos e un verdadeiro sinal de identidade persoal

Sen dúbida, o centro do debate ilustrado era El País, un xornal que foi un fenómeno único e que só se explica pola debilidade dunha democracia improvisada e a ansiedade dunha sociedade que necesitaba ansiosamente referentes culturais e cívicos. Quen lemos esas páxinas con menor ou maior distancia, pero sempre con interese, non naceramos en democracia. Franquistas ou antifranquistas, algúns tentabamos aprender inseguros o que é vivir en democracia, e pola súa banda a maior parte da prensa proviña directamente do franquismo. Ese diario concentrou moitas expectativas e atraeu moita creatividade, para moitas persoas foi unha guía de opinión, de gustos e un verdadeiro sinal de identidade persoal.

Pero pronto se estudará a desaparición dun espécime antropolóxico, o seguidor dun único diario no que confía: hoxe case todo o mundo elabora a súa opinión a partir de informacións mesturadas sacadas do papel, radio, televisión ou internet. Xa non hai xornais de referencia, hoxe non hai cabeceiras, guías nin autoridades morais de referencia. E os intelectuais xa non son o que eran, porque os medios de comunicación xa non son o que foron e a sociedade cambiou.

Xa non hai xornais de referencia, hoxe non hai cabeceiras, guías nin autoridades morais de referencia. E os intelectuais xa non son o que eran, porque os medios de comunicación xa non son o que foron e a sociedade cambiou

Doutra banda, outra proba de que ese sistema intelectual xa é pasado é que contemplamos a viaxe vital deses personaxes que protagonizaron esas décadas. Pódese dicir que cada un está por fin no seu sitio. Vimos de todo, intelectuais que comezaron na extrema esquerda e acabaron na extrema dereita, militantes de ETA ou defensores das súas bases políticas que pasaron ao nacionalismo españolista máis extremo. Nalgúns casos, as peripecias e avatares ideolóxicos foron acompañados de desprazamentos físicos desde o País Vasco, Barcelona ou outros lugares cara a Madrid.

Así pois, pola súa natureza subxectiva, o intelectual é contraditorio e debemos comprender que o uso dese produto ten contraindicacións. Teñen máis ou menos perigo e débense usar con moderación

Hai que facer constar que, de acordo co seu traballo, en cada momento tiñan perfectamente estruturados os seus argumentos e souberon defender alternativamente con igual salero polémico antes unha cousa e logo a contraria. E sempre desdeñando os que pensaban distinto. Se algo non abonda entre os intelectuais é esa cousa tan vulgar chamada humildade. Con algúns intelectuais reputados ocorre que, se un queda quieto no seu lugar e deixa correr os anos, pode verse sinalado polo seu dedo desde a esquerda e, posteriormente, desde a dereita, desde o norte e desde o sur. Así pois, pola súa natureza subxectiva, o intelectual é contraditorio e debemos comprender que o uso dese produto ten contraindicacións. Teñen máis ou menos perigo e débense usar con moderación.

O argumento de que un intelectual deixa de merecer atención por comprometerse cunha opción política ou un partido paréceme unha trampa que oculta un cruzamento da hipocrisía católica tradicional coa cultura política franquista que estigmatizou a política democrática

O intelectual pode e debe argumentar razoada ou razoablemente, pero faino sempre desde un lugar ideolóxico. Por iso non se debe aceptar o encubrimento da posición desde a que se opina: todos defendemos unhas posicións que cuestionan outras, todos defendemos intereses e, en último termo, os nosos propios intereses. Ningún intelectual é imparcial nin sobrevoa. En coherencia con iso, non entendo as recriminacións a quen de modo público toma partido por unha causa, unha posición ou mesmo un partido. Os partidos políticos deben estar sometidos a crítica e hai moitos motivos para criticalos, pero paréceme lexítimo que un intelectual se comprometa cun partido dun signo ou doutro, se é que se ve representado aí. O argumento de que un intelectual deixa de merecer atención por comprometerse cunha opción política ou un partido paréceme unha trampa que oculta un cruzamento da hipocrisía católica tradicional coa cultura política franquista que estigmatizou a política democrática.

O do compromiso do intelectual é un asunto manido e aburrido, o que importa é o compromiso de cada persoa coa súa comunidade, só hai cidadanía se hai cidadáns e cidadás comprometidos. Non debe haber vergoña en comprometerse publicamente con naturalidade. As críticas ao militantismo de intelectuais que expoñen publicamente a súa posición agocha que intelectuais supostamente aéreos e inmaculados escriben nunha publicación financiada por esta ou outra entidade, nun grupo de comunicación con estes ou outros intereses e liña ideolóxica, colaboran con esta ou aquela fundación... En realidade, un intelectual debería responder sempre con claridade a unha pregunta natural que en galego dicimos: “E logo ti de quen vés sendo?

Todos escribimos de parte, e os que sinalan as nosas manchas públicas e repróbanas adoitan ter moita merda escondida en casa

Como dicía, tras estas décadas cada un está no seu lugar, todos temos unha posición aínda que haxa quen prefira ocultala. Todos escribimos de parte, e os que sinalan as nosas manchas públicas e repróbanas adoitan ter moita merda escondida en casa.

Doutra banda, en consonancia coa evolución da democracia española, os restos do sistema intelectual levantado durante as décadas desta restauración democrática caben nunha única opción que é transversal ás cabeceiras de prensa madrileña, un campo máis ou menos conservador con leves matices. Desaparecido o diario Público, en Madrid queda a prensa que foi inmisericorde cos gobernos de Zapatero, co que iso significa.

Desaparecido o diario Público, en Madrid queda a prensa que foi inmisericorde cos gobernos de Zapatero, co que iso significa

Cada un é cada un e vive consigo mesmo, non todos temos que ser nin comportarnos do mesmo xeito, tampouco hai un modo único de practicar ese papel de intelectual. Pero, ao meu modo de ver, un intelectual democrático compórtase do modo contrario a Tartufo. Todos nos trabucamos e, ao final, facemos o que podemos, pero quen participase nos debates públicos nas pasadas décadas ten motivos para reflexionar, ser autocrítico e, sobre todo, humilde. Para poder reciclarse; reciclarnos, se se me permite.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.