Intelectuais, onde estades?

Sempre houbo e haberá heroes e heroínas. Semideuses agochados entre nós, ocultos, camuflados para non seren aniquilados, para non asustarnos, disfrazados de nós para evitar un rexeite certo.

Eses que pagan os recibos sen ter traballo, danlle tres comidas quentes cada día a súa prole, chegan a fin de mes e por enriba participan activamente e pola cara dalgunha plataforma social

Eles tamén están a padecer a crise. Por apriorismos se cadra, por protocolo, por neurose colectiva, por puro pragmatismo ou por inanición estamos ante a extinción das heroínas e heroes. Sobre todo dos verdadeiros, non poden máis, eses que pagan os recibos sen ter traballo, danlle tres comidas quentes cada día a súa prole, chegan a fin de mes e por enriba participan activamente e pola cara dalgunha plataforma social. Estes son as verdadeiras heroínas e heroes que a vista do holocausto que están a padecer cando menos hai que poñelos en valor, reivindicalos e na medida das nosas posibilidades incorporarse ao combate da causa que os trouxo ata esta situación. Porque hai unha causa e aféctanos, o mesmo que a eles, a todos e todas nós.

O intelectual non entendido como a eminencia científica ou cultural illada e fechada na súa propia cosmogonía de sapiencia no mellor dos casos, é preciso que dea un paso adiante nunha situación de auténtica emerxencia nacional

De xeito moi reducionista podemos clasificar a sociedade en xeral en dous grandes bloques ben diferenciados: os que guían e os que seguen. Fragmentados, desconcertados e descabezados os primeiros e ficando os segundos nun contexto de desprotección e socavo total dos seus dereitos e posibilidades, só nos queda apelar ós intelectuais. Mais o intelectual non entendido como a eminencia científica ou cultural illada e fechada na súa propia cosmogonía de sapiencia no mellor dos casos, senón e sobre todo é preciso que dea un paso adiante nunha situación de auténtica emerxencia nacional, o intelectual como espoleta crítica, incisiva e mordaz dun poder político que está a desmantelar de xeito consciente o sistema de benestar das súas clases máis desfavorecidas, o intelectual en permanente comuñón coa sociedade á que ao fin dirixe todo o potencial do seu saber, para mellorala, para facela máis xusta, racional, solidaria e sostible.

Onde estades? Desde Pena Trevinca ata Santiago pasando por Burela ata Verín, hai alguén aí? Ou é que xa marcharon todos.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.