Interferencias verbais do castelán na lingua literaria

CC-BY-SA Praza Pública

O sistema verbal galego non podía ficar obviamente á marxe da presión do castelán e as interferencias máis visíbeis e peores nel son as que inciden nos casos en que ámbolos sistemas máis se diferencian (como as formas irregulares copiadas do castelán: agradesco, andiven, conduscan, destrúien, eres, iba, traduxo, traxo, valdrei etc.; a colocación dos pronomes átonos: lle dei aquilo, te vexo mañá, onte a deixamos etc.; o uso de tempos compostos: había dito, hei feito, houbera chegado etc.; o troco de conxugación de verbos da segunda á terceira: batir, concorrir, convertir, erguir, pervertir, rexir, xemir etc.; ou mesmo a confusión semántica dalgúns verbos, como recorrer por percorrer ou contestar por responder –esta xa asumida pola RAG–), aínda que tamén se dá o caso contrario e por exemplo o noso sistema verbal sen tempos compostos penetra notoriamente no castelán oral de Galiza. Porén, o meu obxectivo non é describir os castelanismos flagrantes que inzan o descoidado galego oral –ou pseudogalego, como quizais sería máis correcto denominalo– dunha parte importante da populación, senón os sutís que se infiltran nos textos literarios, malia a súa elaboración por persoas con gran concienciación do idioma e maila revisión lingüística que reciben antes da súa publicación, seica por mor do moito castelán que temos no maxín.

Mais dentro das interferencias verbais no estándar culto escrito hai dous bloques nidiamente diferentes: o dos castelanismos, é dicir as formas copiadas ou imitantes do castelán consideradas incorrectas na nosa lingua; e o das confluencias, ou sexa as formas coincidentes entre as dúas linguas que predominan por mor desa mesma coincidencia co idioma dominante, pro que son perfeitamente correctas no estándar.

Entre os castelanismos está a confusión entre a 3P do Presente de Indicativo e o Singular do Imperativo dos verbos irregulares, debido a que o castelán non diferencia entre ámbalas formas como si o fai o galego en varios verbos da segunda e terceira conxugacións: es. duerme fronte a gl. dorme e durme; es. hiere fronte a gl. fere e fire; es. huye fronte a gl. foxe e fuxe; es. miente fronte a gl. mente e minte; es. sigue fronte a gl. segue e sigue; es. siente fronte a gl. sente e sinte; es. sirve fronte a gl. serve e sirve etc. Mais isto non é unha regra de conversión, porque ás veces sucede ao contrario e é o galego o que posúe unha única forma prás dúas persoas verbais dos diferentes tempos contra as dúas do castelán: gl. di fronte a es. dice e di, gl. fai fronte a es. hace e haz, gl. vai fronte a es. va e ve; gl. pon fronte a es. pone e pon, gl. ten fronte a es. tiene e ten; gl. vén/ven fronte a es. viene e ven etc.; e na maioría dos verbos hai coincidencia en ámbalas linguas ao usaren unha soa forma prós dous tempos, como sucede nos verbos regulares e varios irregulares: gl. anda e es. anda, gl. cre e es. cree, gl. e es. da; gl. escolle e es. escoge, gl. morre e es. muere, gl. ri e es. ríe, gl. varre e es. barre, gl. ve e es. ve etc.; ou tamén en dúas formas pra cada tempo: gl. é e e es. es e .

Así mesmo a miúdo desaparece a alternancia vocálica nos tempos de verbos semirregulares en que existe ou se crea en tempos que non a teñen, regularizando ás veces estes verbos ou facendo irregulares formas regulares: *agreden (es.: agreden) por agriden, *advertes (es.: adviertes) por advirtes, *consentan (es.: consientan) por consintan, *cubre (es.: cubre) por cobre, *fero (es.: hiero) por firo, *fuxes (es.: huyes) por foxes, *lucen (es.: lucen) por locen, *menta (es.: mienta) por minta, *pidesen (es.: pidiesen) por pedisen, *sento (es.: siento) por sinto, *subes (es.: subes) por sobes, *ule (es.: huele) por ole, *vistera (es.: vistiera) por vestira etc.

A confusión entre a 4P do Presente de Indicativo do v. Ir e a forma do Imperativo da mesma persoa é un clásico: imos e vamos. Lembremos que tanto o castelán coma o portugués carecen desta distinción, usando a mesma forma: vamos. Mais en galego a súa distinción é fundamental pra entender correctamente as frases: Imos polo camiño (acción que se anda a facer), logo imos coller o bus (perífrase de futuridade); vamos polo camiño! (orde ou proposta pra realizar), logo vamos coller o bus (orde ou proposta pra realizar).

Tamén é moi frecuente o uso do Antepretérito de Indicativo como Pretérito de Subxuntivo, asumindo a dupla forma do modelo do castelán pra este último: amara ou amase, comiera ou comiese, fuera ou fuese… Constitúe unha auténtica aberración verbal dado que as formas do Pretérito de Subxuntivo desaparecen ocupadas polas do Antepretérito de Indicativo que pasa a ocupar dous tempos diferentes, pois un é o do pasado do pasado nunha frase principal e outro o do pasado nunha frase subordinada, dando lugar a frases aberrantes como: *Estrañáralle que non chegara a tempo no canto de estrañáralle que non chegase a tempo ou *non enfermara se tomara as medicinas en vez de non enfermara se tomase as medicinas.

E o desuso de dous tempos da nosa conxugación: o Futuro de Subxuntivo e mailo Infinitivo Conxugado.

O primeiro por imitación do seu esmorecemento en castelán, onde tamén existe, anquilosado na linguaxe administrativa, sobre todo xudicial (Si procediere su demanda; cuando no dispusieren lo contrario etc.), e na fraseoloxía antiga (Sea lo que fuere; fuere de quien fuere; anduviere donde anduviere etc.) e refráns antigos (Adonde fueres haz lo que vieres; quien no diere de sus penas, que no espere de las ajenas etc.). Antano en uso ata o s.XVIII, mais hogano o Presente de Indicativo e mailo Presente e o Pretérito de Subxuntivo ocupan o seu sitio, e así ocorre tamén en galego, de xeito xeral na lingua oral, pro tamén moi a miúdo na literaria, único lugar onde aínda ten algo de vixencia. Pola contra, está perfeitamente vivo no portugués (Vem quando tu gostares; fará-se se chegarem a tempo etc.), que serve de modelo prá súa recuperación no galego literario como tempo de probabilidade futura (Farei como dis se for posíbel, ti sempre sobrevivirás onde fores, gañaremos segundo traballarmos, se estiveren ceibos terás de os atrapar, farao cando puider etc.).

E o segundo, o Infinitivo Conxugado, característico do galego-portugués entre os idiomas romances, pola súa inexistencia en castelán, que o substitúe polo Infinitivo Simple ou polo relativo “que” seguido dunha forma de Subxuntivo. Obviamente estas solucións do castelán son as que se copian en galego cando non se usa este tempo, tamén totalmente vixente no portugués: Ao estaren tan calados, non os notei contra ao estar eles tan calados, non os notei; acábao denantes de regresarmos contra acábao denantes de que regresemos; lérono todo de cabo a rabo sen comprenderen ren contra lérono todo de cabo a rabo sen que comprendesen nada etc. Aínda que se debería usar este tempo sempre que sexa posíbel, hai dúas situacións en que o seu emprego debería ser obrigado: cando vai precedido por unha preposición, sen formar parte dunha perífrase verbal e cando a persoa á que se refire é diferente da do verbo principal, tanto se non está o seu suxeito expreso coma se non o está pro crea ambigüidade. Pola contra, non se pode usar cando forma parte dunha perífrase verbal, se coincide co suxeito do verbo principal, se non ten un suxeito determinado e se acompaña a outra forma verbal flexionada: Tes de vir connosco, cantan ao ouvir a música –mais: ao ouviren a música, cantan–, prohibido fumar, gostamos de ver a partida etc.

Existe un importante número de verbos galegos con dous participios, un regular e outro irregular, que non teñen correspondencia no castelán, que soamente recoñece tres verbos con dobres participios: imprimir (imprimido/impreso), freír (freído/frito) e proveer (proveído/provisto) porque se poden usar indistintamente na función verbal, mentres que o resto son considerados simplemente ben participios ben adxectivos conforme sexa a súa función: atendido/atento, bendecido/bendito, confundido/confuso, corregido/correcto, elegido/electo, nacido/nato, soltado/suelto, torcido/tuerto etc. A gramática galega considera ámbalas formas participios pro tamén os regulares teñen función verbal e os irregulares adxectiva comunmente, aínda que na maioría das veces son intercambiábeis. Porén, o problema xorde polo esmorecemento das formas que non existen en castelán ou caeron en desuso nesta lingua, tanto se son a regulares coma as irregulares: aceso, canso, colleito, comesto, disolvido, ergueito, nado, rompido, tolleito, volvido etc. Ex.: Deixa a luz acesa/acendida, retirou a carne comesta/comida polos ratos, a substancia será disolvida polo ácido, os recibos pagos/pagados están gardados, aquel home tolleito/tollido é o que procuras etc.

O uso ao modo castelán do verbo “facer” no canto de “haber” e “ir” pra indicar o paso do tempo dende un determinado momento co primeiro (Había semanas que non a vía, haberá sete anos daquilo), coa excepción de cando se expresa un período exacto de tempo (hoxe fai seis meses que naceu, mañá fago dezaseis anos), e pra indicar o tempo climático co segundo (alí ía moito frío, hoxe vai unha calor insoportábel).

Hai dúas perífrases que prescinden da preposición “a” que si levan as súas correspondencias castelás: “ir + infinitivo” e “volver + infinitivo”, aínda que nesta última a RAG tamén admite o uso da preposición (“volver a + infinitivo”), con todo, o usual é que non a leve, por tanto a aparición da preposición parece claro castelanismo, especialmente na primeira perífrase que pode indicar movemento, intencionalidade ou futuro próximo: *Ela vai a correr o maratón en troques de ela vai correr o maratón e *volvín a recoller o paquete en lugar de volvín recoller o paquete, mais no segundo caso debe ir coa preposición se o verbo conserva o seu significado real, pois xa non funciona como unha perífrase de reiteración: Volvín a recoller o paquete que é igual a regresei pra recoller o paquete. Ademais, a primeira perífrase xerou tamén, por imitación, que ás veces aparezan verbos de movimento seguidos de infinitivo sen a preposición “a”, sobre todo no que respecta ao verbo “vir”: *Marchou correr polo parque, *saía cedo traballar, veño darche algo, ven xantar á miña casa [dicionario da RAG: verbo Vir], *pasara pola casa tomar café etc. Mais non hai que confundila coa perífrase terminativa co verbo “vir”: “vir (a) + infinitivo” que ten o mesmo significado ca “vir + xerundio” e ás veces se usa sen a preposición: Dende entón veuse (a) saber todo ou dende entón veu sabéndose todo, iso vai (a) ser o mesmo ou iso vai sendo o mesmo etc.

Non tan frecuente como outros erros pro tamén visíbel é o falso uso pronominal en verbos que non lles cómpre: *Caínme da árbore por caín da árbore, *casáronse un xoves por casaron un xoves, *lávase as mans por lava as mans, *marchámonos de madrugada por marchamos de madrugada, *montouse a cabalo por montou a cabalo, *as plantas morréronse pola seca por as plantas morreron pola seca etc.

E dentro do grupo do predominio de formas coincidentes co castelán hai a parella de perífrases con dúas formas posíbeis, con xerundio ou con infinitivo: “estar + xerundio” ou “estar a + infinitivo” e “andar + xerundio” ou “andar a + infinitivo”; sendo perfeitamente sinónimas, as primeiras formas coinciden coas do castelán, mentres que as segundas tamén existen en portugués, especialmente no europeu, e todas se empregan pra indicar que a acción segue a se desenvolver; e aínda que hai unha afortunada vontade de rehabilitación do infinitivo xerundial no estándar, isto non se reflicte rotundamente nos textos. Amais, podería haber un matiz no uso dos verbos “estar” e “andar” nestas perífrases, sendo este último o preferíbel pra indicar accións con movemento e evitar así o seu irrefreábel esmorecemento fronte á perífrase con “estar”, así: A nena estivo a ler toda a mañá pro a nena andou a patinar toda a mañá.

Tamén está a perífrase de obrigatoriedade con dúas formas posíbeis: “ter de + infinitivo“ e “ter que + infinitivo”, onde a segunda, coincidente coa usada polo castelán, imponse sobor da primeira nidiamente, que vai desaparecendo malia que tamén exista en portugués e sexa propia do galego-portugués. Ex.: Tes de o facer antes da noite mellor ca tes que facelo antes da noite.

E a perífrase perfectiva tan nosa “(non) dar + participio” é demasiado a miúdo substituída por formas sinónimas tamén existentes no castelán, como: (non) conseguir/lograr/poder + infinitivo ou (non) ser capaz/quen de + infinitivo. Ex.: Non deches gañado o premio mellor ca non conseguiches ganar o premio ou darás atinxido o libro! mellor ca serás capaz de atanguer o libro!

Así mesmo aos poucos se vai facendo máis notoria a afirmación co adverbio de afirmación a unha pregunta no canto da tradicional, herdada do latín, co verbo da pregunta, o auxiliar se hai perífrase na mesma ou inclusive un adverbio de tempo se este está na pregunta: –Estás a traballar? –Estou, –Volviches repetir? –Volvín, –Aínda segues coa túa teima? –Aínda.

E tamén está a desaparecer a colocación tradicional do pronome átono complementando o infinitivo cando este vai precedido por preposición ou pronome relativo, é dicir, a próclise fronte á colocación coincidente coa do castelán: a énclise. Certo que ámbalas posicións son posíbeis e admisíbeis pro non é menos verdadeiro que o éxito da posición enclítica e o desuso da proclítica se debe a que a primeira tamén é a posición propia do castelán. Ex.: Foi pra lle dar os parabéns mellor ca foi para darlle as felicitacións, resta sen se adobiar a Luísa mellor ca queda sen acicalarse Luísa, tiñamos de llo dicir mellor ca tiñamos que dicirllo etc. Igualmente sería desexábel que o pronome fose enclítico co verbo auxiliar nas perífrases sen preposición e non co infinitivo, por ser a primeira opción propia do galego e imposíbel no castelán, ao contrario da segunda. Ex.: Voume queixar ao profesor mellor ca vou queixarme ao profesor, pódense esconder nas matas mellor ca poden esconderse nas matas, quérenllo dicir alí mellor ca queren dicirllo alí etc.

E quizais convén lembrar así mesmo como foi desaparecendo a interpolación pronominal, trazo típico do galego que outrora tivo moito máis uso literario, se cadra pola súa innegábel diferencialización coa gramática castelá. Dáse principalmente co adverbio “non” e outros negativos e os pronomes persoais tónicos: Dixo que o non faría, xamais se un pode fiar dun descoñecido, cólleo se cho ela dá etc.; mais tamén é posíbel con outras palabras: Mércao pra lle ao teu amigo faceres un presente, se vos os cartos quitou é un ladrón, oxalá te así vaia sempre! etc.

En fin, se non coidamos o noso idioma potenciando todos aqueles trazos que o fan máis senlleiro fronte á lingua dominante, nun futuro estaremos a usar un galego sen personalidade, apenas unha imitación do castelán, nun paso máis cara á nosa absorción polo “idioma común” –así chamado polo neocentralismo español–. É custoso tirarse o castelán da chencha –tampouco o propoño–, cando está tan presente na nosa vida cotiá, mais este mesmo problema o teñen os falantes bilingües do País Basco, Navarra, Cataloña, Valencia e as Illas Baleares e non creo que os galegos sexamos xeneticamente menos aptos cós habitantes destas terras pra podermos diferenciar se estamos a usar a lingua propia ou a castelá. Seica é un asunto que ten máis que ver coa nosa actitude ca coa nosa aptitude a respecto do galego.

Aproveito pra lles desexar un “Feliz Aninovo” aos leitores, incluído un “Feliz Ano Novo” pra reintegracionistas e lusistas.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.