Introspección, matemáticas e glamour

Estrelas pop de masas aseguran atoparse inmensas nunha fase introspectiva. É por iso que calquera realidade é aquí hoxe analizada dende a subxectividade da primeira persoa do singular. A introspección tamén sabe de barrios e nalgúns prefire evidenciar o interrogante.

 

Introspección

Preguntáronme aí atrás que que pasaba, que a ver se xa non ía escribir máis

Preguntáronme aí atrás que que pasaba, que a ver se xa non ía escribir máis. Que se me vetaran os de Google! Non aspiro eu a tanto. Se pasan do Ocaña, que raio lles pode importar a miña, a vosa petición dun g-mail, un doodle ou un twitter de meu, de noso en galego? No miolo expansivo oficioso perdéronse na conta dos ceros polas bandas dereitas porque din que por aí si computan, mais aínda non se decataron da importancia do decimal. De feito sei dunha mínima porcentaxe coñecida que para a miña sorpresa le Praza Pública até límites insospeitados, mesmo até as engurras dos pregues interiores. O caso é que despois do que supoño foi un sorriso babiolo só conseguín responder cun "Bueno, eh… non sei…"

Máis ben si sei, pero inconscientemente decidín cimbrar a vaguidade antes de confirmar a imbecilidade. Teño para min que sei de máis que o centro vai nunha fase cataléptica moribunda e se constrúe e retroalimenta a diario dende as marxes, así que de cando en vez é bo parar para que os outros eles os da verdade xenuína fagan coma que fan. E vaia se fixeron: pregúntenlle á prima de risco dos últimos tempos e mesmo ás incertezas si-pero-non / non-pero-tampouco das metrópoles convencionais.   

O silencio a calma e a reflexión tamén teñen collida nesta praza que para algo é pública

O silencio a calma e a reflexión tamén teñen collida nesta praza que para algo é pública ou iso me repito a min mesma a diario, ademais de que xa era tempo de pór en práctica –o máis difícil─ algúns dos principios da filosofía slow papamoscas. Non nos confundamos que mesmo así a cabesiña segue traballando.

Como explicar que dun tempo a esta parte elixo o silencio, a observación e a escoita cunha vontade e disciplina dignas da forza interior dun David Carradine en anos mozos?  Sen desmerecer: non crean que é un exercicio doado para alguén inquieta e tan dada á electricidade por natureza coma min.  Tampouco é que conviva cun Ohm autoimposto; é simplemente que un día de súpeto e sen aviso previo aparente nácenche dúas matas de tomates por xeración espontánea en medio dunha terraza nunha cidade atlántica e intúes que aquilo debe significar algo próximo á reconciliación coa existencia. A partir de aí decátaste que podes botar tempo e tempo fitando ás evolucións e necesidades de plantiñas tan xeitosas.

Como vas explicar ao teu interesado interlocutor que dende cativa hai cousas sen sentido aparente que te fascinan? Que xa dende idade ben temperá podías botar man do tallo máis a man na cociña dos pais (naquela altura era simplemente banqueta, non nos enganemos) e dedicarlle horas hipnóticas a un tambor de lavadora que oscilaba entre nave espacial, máquina do tempo e mesmo a  máxima expresión da ira ante a incomprensión mundial?

Como vas explicar que o atraco perpetrado pola realidade dos últimos meses che ten secuestrada a atención por magnetismo e esixe o envío periódico de probas de vida ao colectivo menos zombi que coñeces a medias e do que inevitabelmente formas parte a partir das pistas e dos despistes nas redes sociais (véxase a conta no Twitter)? Como facer entender que esa é a única resposta a man para dar conta do elo histórico post-revolución francesa herdado polo que se che atragoa o insulto permanente de que che dosifiquen por entregas fasciculares o que é a todas luces un insoportábel asalto á conciencia no estado de dereito, no estado do revés tomado polo envés?

Acaso hai xente con tempo para querer escoitar que atopas algo similar á felicidade na recreación de figuras de Escher e nos tempos mortos vas estrando os espazos habituais con xeometrías calidocíclicas

Non hai caso. Visto o visto, ímolo deixar todo no “Bueno, eh… non sei…”

 

Matemáticas e glamour

Non lembro ter dado curso legal á matrícula pero certifícanme que deberei recupe… revalida… facer un apaño segregador super moderno iso si no tocante aos conceptos básicos da área de matemáticas alá por setembro. Iso e pagar, pagar, pagar, colaborar economicamente, pagar, pagar, pagar, pagar, pagar, pagar, pagar, copagar, pagar, pagar, pagar, pagar, pagar, pagar, dar diñeiro en troca, pagar, pagar, pagar, recopagar e seguir pagando, non sexa. Seica non acadei aínda unha competencia básica nos conceptos mínimos esixíbeis no campo dos límites e nacín, vivirei e morrerei sempre moi por enriba das miñas posibilidades sempre deliberadamente imposibilitadas.

Pódese pertencer á tropa que fai país, ter glamour, escribir o que che apeteza, conseguir publicar, que te lean, facer crítica literaria e todo isto sen ter que renunciar á túa propia lingua?

O bloque principal de contidos pertence ao cómputo dos números naturais e ao da combinatoria, porque despois de ler a crítica ben intencionada de Dolores Vilavedra á que lle teño que estar agradecida por me brindar material para a reflexión co que concordo en parte e porque na miña idea persoal do que supón unha praza pública non se permiten as castas e si en cambio o diálogo, a min, e con todos os respectos, sáenme outras contas na entrega dos Xerais deste ano. Polo menos dez escritoras e escritores dos que dan publicado, que até podía que houbese tamén dos que non dan publicado e dos que seguro seguro non sei pero sospeito, ademais de tropa glamourosa sempre por embaixo das nosas posibilidades cando molla do verbo chover. Cousa estraña esa do glamour. Sería Coco Chanel glamourosa cando aínda pertencía á tropa? Pódese pertencer á tropa que fai país, ter glamour, escribir o que che apeteza, conseguir publicar, que te lean, facer crítica literaria e todo isto sen ter que renunciar á túa propia lingua?

Seguro que nos dirán que está moi por enriba das nosas posibilidades.

Menten.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.