Irán e a balcanización do mundo

Buques militares estadounidenses no Mar de Arabia, en febreiro de 2026 Dominio Público U.S. Navy

Kaja Kallas, alta representante da UE para Asuntos Exteriores, limitouse a pedir "moderación", esquivando calquera pronunciamento sobre a lexitimidade da incursión. O E3, que desde 2015 representa a capacidade europea de actuar como potencia normativa autónoma, non articulou ningunha posición común. Os bombardeos sobre Irán remataron por quebrar a ilusión dunha sorte de unidade que resistía

Fronte ao bombardeo de Irán dos Estados Unidos e Israel do 28 de febreiro de 2026 cada país reaccionou ao seu xeito, sen coordinar nada con ninguén, segundo cadanseus cálculos e intereses inmediatos. Alén dun acontecemento historicamente singular e da magnitude das operacións, chama nomeadamente a atención a desorganización na resposta. Porén, os asaltos israelo-estadounidenses non fixeron senón cristalizar un fenómeno ben patente no desconcerto internacional dos nosos tempos. O "Occidente" unido, o multilateralismo eficaz, a orde liberal baseada en normas compartidas xa antes dos ataques sobre territorio iraniano eran máis retórica que realidade. A caída do Muro de Berlín en 1989 proclamou a vitoria das democracias liberais e aquela "fin da historia" que anunciou Fukuyama, mais o que realmente abriu foron tres décadas de espellismo: a crenza de que un sistema de valores comúns podía substituír para sempre a lóxica das esferas de influencia.

A fractura comezou polo mesmo corazón do bloque atlántico. Dentro da OTAN, España e Noruega cuestionaron a legalidade da agresión invocando o dereito internacional, malia que os seus aliados máis próximos tomaron partido por posicións ben distintas. O Reino Unido evitou todo debate xurídico e optou por advertir directamente a Teherán de que non atacara ás súas forzas na rexión, substituíndo a reflexión legal por un posicionamento operacional. Francia buscou a cobertura do Consello de Seguridade sen cuestionar a operación en si e Alemaña gardou silencio. Kaja Kallas, alta representante da UE para Asuntos Exteriores, limitouse a pedir "moderación", esquivando calquera pronunciamento sobre a lexitimidade da incursión. O E3, que desde 2015 representa a capacidade europea de actuar como potencia normativa autónoma, non articulou ningunha posición común. Os bombardeos sobre Irán remataron por quebrar a ilusión dunha sorte de unidade que resistía.

Restos da escola primaria Shajareh Tayyebeh, atacada polos EUA, na que morreron cando menos 148 nenas CC-BY-SA Tasnim News Agency

Nin Rusia nin China están dispostos a intervir militarmente por Teherán, ao que precisan como aliado instrumental mais non como razón ou causa pola que arriscarse a unha deflagración maior

No Medio Oriente e Norte de África, a realidade é aínda máis complexa. Arabia Saudí, Emiratos, Qatar, Bahréin, Kuwait e Xordania están integrados nunha arquitectura de seguridade deseñada por Washington arredor dos Acordos de Abraham para reconfigurar a rexión, e os mísiles iranianos alcanzaron o seu territorio como represalia. Marrocos, que nos ataques a instalacións nucleares iranianas de xuño de 2025 optara por un silencio estratéxico, desta volta respondeu con contundencia, sabedor que ese aliñamento ten contrapartidas concretas no dossier do Sáhara Occidental. Turquía, membro da OTAN pero con vínculos comerciais e enerxéticos con Teherán, manobrou con calculada ambigüidade, incapaz de condenar un aliado atlántico sen comprometer os seus propios equilibrios rexionais. Non son matices dunha mesma alianza, senón 32 políticas exteriores e intereses diverxentes. Unha proba máis que o "mundo árabe" non existe como actor político colectivo.

O dereito internacional deixa de funcionar como linguaxe compartida cando as potencias que o edificaron o invocan selectivamente ou o ignoran cando así lles interesa. Os dereitos humanos non son criterio de acción exterior cando se aplican pola utilidade do momento. O que temos, e o que sempre existiu, é a balcanización permanente dos intereses, disfrazada en tempos de conveniencia de valores universais

Rusia, China e algúns dos principais actores dos BRICS+ completan o cadro da desorganización global con actitudes que revelan a carencia de principios universais. O Ministerio de Asuntos Exteriores ruso denunciou os ataques como "asasinatos políticos" que violan "grotescamente o Dereito Internacional", mentres Moscova continuaba os seus propios bombardeos sobre Ucraína. O embaixador chinés diante da ONU, Fu Cong, cualificou a ofensiva de "descarada" e afirmou que o uso da forza nas relacións internacionais é "inaceptable", mais Pequín evitou calquera compromiso, refractario a confrontar Washington sen arriscar os seus vínculos co Golfo. Nin Rusia nin China están dispostos a intervir militarmente por Teherán, ao que precisan como aliado instrumental mais non como razón ou causa pola que arriscarse a unha deflagración maior. India, Brasil e Sudáfrica limitáronse a chamamentos xenéricos á desescalada. A solidariedade entre os supostos integrantes do sur global demostrou ser tan frívola e interesada como a do bloque occidental que di combater.

O ataque do 28 de febreiro revelou que xa non existen divisas comúns. Para Irán, que durante décadas resistiu a presión das grandes potencias para devir peza subordinada das súas esferas de influencia, o cerco rematou por facerse literal, con bombas reais sobre a capital e cidades como Isfahan, Qom e Shiraz. A súa traxedia é síntoma, non causa, desta desorde. A mesma lóxica que impulsou os Acordos de Abraham para redeseñar a rexión MENA á marxe das institucións multilaterais, subordinando principios xurídicos a consideracións estratéxicas, é a que hoxe produce este caos de respostas incompatibles e intereses contrapostos. O dereito internacional deixa de funcionar como linguaxe compartida cando as potencias que o edificaron o invocan selectivamente ou o ignoran cando así lles interesa. Os dereitos humanos non son criterio de acción exterior cando se aplican pola utilidade do momento. O que temos, e o que sempre existiu, é a balcanización permanente dos intereses, disfrazada en tempos de conveniencia de valores universais.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.