Este venres o Pazo de Torrado, en Cambados, acolleu a presentación do libro Irlanda en Plácido Castro, editado polo Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional (IGADI). A obra recolle as colaboracións xornalísticas, reflexións e traducións poéticas "dun home que emprestou singular atención ao devir político e cultural de Irlanda, unha paixón que cultivou até os seus últimos días".
A obra recolle as colaboracións xornalísticas, reflexións e traducións poéticas "dun home que emprestou singular atención ao devir político e cultural de Irlanda, unha paixón que cultivou até os seus últimos días"
Plácido Castro, que foi tamén secretario de relacións internacionais do Partido Galeguista, sinalou en moitos momentos a conveniencia de segui-lo modelo irlandés. No seu ensaio de 1928 La saudade y el arte en los pueblos célticos insiste sobre todo na “saudade dunha Galicia redimida que sexa, como en Irlanda, o distante ideal que nos leve finalmente a unha feliz realidade”. E no mesmo ano, nas páxinas d‘A Nosa Terra afirmaba que “a orientación cara as terras célticas do Norte ten que ser unha parte esecial, a máis importante, do que poideramos chamar a nosa política exterior intelectual”. "Moito temos que aprender de Irlanda en tódolos aspectos", comenta a cotío, e este é precisamente un dos motivos que o levan a traducir, por exemplo, os dous folk-drama de Yeats xunto cos irmáns Villar Ponte.
No acto participaron Luís Aragunde, Alcalde de Cambados; Xavier Senín, presidente da Asociación de Tradutores Galegos; Xulio Ríos, director do IGADI e introdutor da obra, e Anxo Lorenzo, secretario xeral de Cultura da Xunta.