Irmandiños en Europa

Un grupo de campesiños masacran un nobre no século XIV, nunha das imaxes das Crónicas de Jean Froissart Dominio Público

Hemeroteca

A fin da Idade Media e o comezo da Idade Moderna estiveron cheos de conflitos e revoltas. Esta concentración de conflitos veu a resultas da crise do feudalismo, que comezou no século XIV, así como da aparición e consolidación do Estado moderno entre os séculos XV e XVI

A fin da Idade Media e o comezo da Idade Moderna estiveron cheos de conflitos e revoltas no noso marco espacial (Europa Occidental e Central) e temporal: a transición da era medieval á era moderna. Esta concentración de conflitos veu a resultas da crise do feudalismo, que comezou no século XIV, así como da aparición e consolidación do Estado moderno entre os séculos XV e XVI.

Proceso de transición que non deberíamos limitar á esfera política e institucional, nin subestimar o papel das clases populares a través dos conflitos e as revoltas sociais. Revoltas que distinguimos dos meros conflitos porque implican o uso de armas por parte dos grupos e clases subordinadas, reflectindo así as tendencias sociais e mentais máis profundas do salto á modernidade, neste caso, que só pódese entender enteiramente dende unha perspectiva histórica global.

Analizaremos brevemente a cadea dos ciclos de revoltas, dende o século XIV ata o XVI, facendo fincapé nas últimas décadas do século XV.

 

Jacquerie

Na segunda metade do século XIV, logo da peste negra de 1348, tivo lugar en 1358 unha pequena revolta, coñecida como a Jacqurie, que obtería un recoñecemento significativo ó ser considerada como modelo de rebelión campesiña medieval. Non obstante, isto é enganoso, só foi o principio dun ciclo europeo de revoltas no século XIV que alcanzaría unha maior duración, madurez e complexidade, ó longo do último século medieval. De feito, case trinta anos despois desta sonada revolta francesa, produciuse o levantamento inglés de 1381, coñecido polo nome do seu líder, Wat Tyler.

Estas revoltas campesiñas do século XIV compartían a súa curta duración: 10 días no primeiro caso, e pouco máis dun mes no segundo. Foron ademais particularmente violentas, rematando coa represión e a execución dos seus líderes, e tiveron lugar a escala local. Características que foron trabucadamente xeneralizadas, como xa mencionamos, ó conxunto das revoltas europeas medievais.

Aínda así, os rebeldes, conscientes da súa debilidade inicial, levaron a cabo marchas armadas cara ás capitais políticas dos reinos, París e Londres (onde se apoderaron da Torre de Londres), respectivamente, co obxecto de estender a revolta, politizala e acadar as súas reivindicacións. No caso francés, a mencionada curta duración da rebelión dos Jacques frustrou que os campesiños enfurecidos se aliñasen coa burguesía rebelde e os artesáns de París, liderados por Étienne Marcel. O seu illamento orixinal resultou ser a perdición dos insurxentes, facilitando en última instancia a represión.

 

Husitas

En 1431, aconteceu unha revolta no Reino de Galicia, que adoptou a forma de irmandade -a primeira do seu tipo-, dos vasalos de Nuño Freire de Andrade en Ferrol e a súa contorna. Posteriormente, uníronse campesiños dos bispados veciños de Lugo e Mondoñedo

As revoltas da primeira metade do século XV marcaron unha transición ó modelo das revoltas da época renacentista, ben diferentes nos seus desenvolvementos e resultados. Examinaremos dous exemplos separados por máis de dous mil quilómetros: Galicia e Bohemia.

En 1431, aconteceu unha revolta no Reino de Galicia, que adoptou a forma de irmandade -a primeira do seu tipo-, dos vasalos de Nuño Freire de Andrade en Ferrol e a súa contorna. Posteriormente, uníronse campesiños dos bispados veciños de Lugo e Mondoñedo. Esta primeira revolta irmandiña compartía coas nomeadas anteriormente a particularidade de marchar cara a Santiago de Compostela, capital relixiosa e política da Galicia medieval. O seu obxectivo viña sendo forxar unha fronte unida coa burguesía compostelá, tradicionalmente rebelde contra o seu señor e arcebispo de Santiago, e así estender as súas demandas antiseñoriais a todo o Reino. Marcha que culminou en negociacións co arcebispo de Santiago, Lopo de Mendoza, e Álvaro Núñez de Isorna, antigo bispo de Mondoñedo, que representaba alí ó Rei Xoán II de Castela. Descoñecemos os detalles do que puido ser acordado, pero os sublevados non entraron en Santiago. Tampouco houbo represión, unha gran novidade en comparanza coas revoltas do século XIV.

A segunda revolta que seleccionamos, entre as que combinan aspectos dos séculos XIV e do último terzo do XV, é o levantamento husita no Reino de Bohemia, entre 1419 e 1434. O seu principal factor distintivo fora a unión da relixión e da revolta social na mentalidade e accións dos rebeldes. Anticipando claramente á chamada guerra dos campesiños alemáns de 1524-1525.

O papel dos teólogos reformistas nestas revoltas da Europa occidental, Jan Hus (executado en 1415), Martin Lutero e Thomas Müntzer (executado en 1525), non se repetirá nos países situados fóra da Reforma protestante.

Os rebeldes husitas organizaron o seu propio poder público, baseado no concepto taborita de "comunidad de fieis", que dirixía o exército e a recadación de impostos, os asuntos políticos e diplomáticos, o sistema escolar... Constituíndo unha "forma revolucionaria de Estado popular", independente dos principios feudais e monárquicos, e gobernada por un "órgano colectivo elegido. Os señores e reis que se lles opuxeron reprimíronos brutalmente, tanto durante coma despois dos acontecementos militares. O alcance da revolución xa non é agora local, senón nacional. Bohemia (hoxe a principal rexión histórica da República Checa) fora unha nación e reino medieval -cos seus propios reis- desde a Alta Idade Media.

 

Galicia, Cataluña

A vitoria da facción trastámara -a máis reaccionaria, diríamos hoxe- na guerra civil de 1366-1369, que levou ó poder a Henrique II de Trastámara, deu lugar a unha nova nobreza que refeudalizou as Coroas de Castela e Aragón, provocando dúas grandes revoltas antiseñoriais: 1) os irmandiños no Reino de Galicia, entre 1467 e 1469, polas inxustizas e agravios que sufriron por parte das fortalezas; 2) os campesiños de remensa no Principado de Cataluña, 1462 e 1484

Para a segunda metade do século XV, non queda outra que tomar como referencia a Península Ibérica, onde se produciron as revoltas sociais máis significativas do Renacemento europeo. A vitoria da facción trastámara -a máis reaccionaria, diríamos hoxe- na guerra civil de 1366-1369, que levou ó poder a Henrique II de Trastámara, deu lugar a unha nova nobreza que refeudalizou as Coroas de Castela e Aragón, provocando dúas grandes revoltas antiseñoriais: 1) os irmandiños no Reino de Galicia, entre 1467 e 1469, polas inxustizas e agravios que sufriron por parte das fortalezas; 2) os campesiños de remensa no Principado de Cataluña, 1462 e 1484, polos "malos usos" dos señores. En ambos os dous casos, o factor nacional actuará como elemento unificador, fixando os límites xeográficos dos levantamentos, as súas temáticas e a composición social de protagonistas e antagonistas.

O aspecto máis rechamante destas revoltas ibéricas, e europeas, de finais da Idade Media é o papel da monarquía en apoio ás reivindicacións antiseñoriais dos vasalos: Henrique IV de Castela e os irmandiños galaicos, Fernando II de Aragón (o Católico) e os payeses de remensa. Un cambio completo con respecto ás revoltas anteriores (nas que o Rei adoitaba estar no bando oposto ós sublevados). Reinaba neste tempo un clima histórico de transición cara ó Estado moderno: España anticiparase ó resto de Europa.

En 1486, Fernando o Católico, dous anos despois da segunda revolta remensa, fracasada a política de forza, chegou a un acordo cos campesiños e señores feudais de Cataluña, Pacto de Guadalupe, para abolir os malos usos. Unha gran vitoria para os campesiños (a pesar da puntual derrota da insurrección de 1484), paralela á conseguida polos irmandiños de Galicia en 1467.

Isto contrasta fortemente co que sucederá, 40 ou 50 anos despois, coas revoltas altomodernas das Comunidades de Castela e das Germanías de Valencia, que rematarán en represión, fronte unha alianza renovada e triunfante entre os nobres e a nova monarquía, dobremente imperial, de Carlos I de España e V de Alemaña. Non será, así e todo, unha simple volta á antiga orde medieval. No século XVI, temos xa un Estado robusto e imperial: a monarquía hispánica do Rei Carlos, así mesmo emperador do Sacro Imperio Romano Xermánico, que nunca aspirou a ser un Estado-nación. 

Mentres tanto, na Península Ibérica, a transición do Estado feudal ó Estado moderno terá lugar dun xeito modélico, cos Reis Católicos fusionando as Coroas de Castela e Aragón. Nicolás Maquiavelo, en O Príncipe, menciona a Fernando o Católico como un dos seus modelos de “príncipe ideal”. Carlos V herdou este nacente Estado español de Isabel e Fernando, desenvolvéndoo como Estado imperial orientado cara as Américas. Poñendo en práctica ou sustentando unha política represiva (paralela á empregada por vez primeira ó outro lado do Atlántico, contra a resistencia indíxena en Porto Rico nos anos 1511 e seguintes), contra as Germanías (1519), as Comunidades (1520-1521) maila Guerra dos Campesiños Alemáns (1524-1525).

Irmandiños

O que distingue o levantamento da Santa Irmandade no Reino de Galicia das outras revoltas europeas, tanto anteriores coma posteriores, é o derrocamento radical de todas as fortalezas do Reino. Que implicou a derrota militar da nobreza e posterior construción dunha nova estrutura de poder no Reino

O que distingue o levantamento da Santa Irmandade no Reino de Galicia das outras revoltas europeas, tanto anteriores coma posteriores, é o derrocamento radical de todas as fortalezas do Reino. Que implicou a derrota militar da nobreza e posterior construción dunha nova estrutura de poder no Reino, encomezando pola ocupación das xurisdicións dos señores (desposuídos) por parte das irmandades locais e provinciais (dioceses) que elixiron axiña, igual cos husitas, un órgano de goberno: a Xunta Xeral da Santa Irmandade do Reino de Galicia.

Para comprendermos o destino dos señores, cabaleiros e prelados de Galicia, baixo o poder irmandiño, contamos cun testemuño excepcional: Roi Vázquez, clérigo de coro da catedral de Santiago de Compostela, quen, namentres copiaba unha antiga Crónica de Santa María de Iría por encargo dun cóengo, interpolou os acontecementos que estaba a vivir en 1468, no intre de maior esplendor da revolta irmandiña. Interpretounos dun xeito milenarista, proclamando que Deus trouxera a Santa Irmandade para castigar ós cabaleiros do Reino polos seus pecados (especialmente contra a Igrexa), deixándoos espidos como viñeran ó mundo, sen terras nin vasalos. De feito, viviron ben sen señores: O sistema de vasalaxe desapareceu de Galicia durante o bienio irmandiño, xunto cos propios señores: uns foron expulsados do Reino, outros caladiños no exilio interior. A caída das fortalezas, o “non pagar” as rendas e a liberación da vasalaxe amosan a natureza masiva, revolucionaria e "irresistible" do movemento irmandiño. Argumento este esgrimido polo arcebispo saínte de Compostela, Fonseca (despois arcebispo de Toledo), para negar a esixencia do arcebispo entrante Tabera de compensacións económicas por non ter obrigado os vasalos da Terra de Compostela a reconstruíren as fortalezas que demoleran sesenta anos antes (Preito Tabera-Fonseca, 1526-1527). 

A vasta escala e determinación dos participantes na revolta explican así mesmo a falta de represión posterior e o feito de que a gran maioría das fortalezas destruídas non foran reconstruídas. O que difire unha chisca de Cataluña, onde o segundo levantamento de 1484 foi reprimido (e o líder remensa Juan Sala executado) un ano antes de que se acadase o pacto real na Sentenza de Guadalupe. Pol contrario, os líderes irmandiños morreron cando lles chegou o seu momento, por causas naturais.

As grandes revoltas de Galiza, Cataluña e Bohemia comparten, como estamos vendo, un factor de cohesión -e afirmación- único derivado dos seus status de nacionalidades medievais, con forma de reinos ou principado (Cataluña). Todos eles acabaron formando parte de Estados multinacionais (Monarquía Hispánica, Imperio Austríaco, República Checa). Dimensión nacional da revolta que adquire un carácter máis social no Reino irmandiño de Galiza: toda unha sociedade multiclasista, con hexemonía popular, rebelouse contra unha oligarquía feudal establecendo a tal fin un sistema de alianzas que subliña aínda máis a orixinalidade da revolta irmandiña galega no seu contexto europeo.

Un grupo de campesiños masacran un nobre no século XIV, nunha das imaxes das Crónicas de Jean Froissart Dominio Público

Alianzas

O primeiro eixo unificador do levantamento irmandiño foi rural-urbano: campesiños, artesáns, mariñeiros e burgueses xuntáronse para elixir cargos e representantes nas asembleas constituíntes a nivel local, provincial, así como para a Xunta de Galicia

O primeiro eixo unificador do levantamento irmandiño foi rural-urbano: campesiños, artesáns, mariñeiros e burgueses xuntáronse para elixir cargos e representantes nas asembleas constituíntes a nivel local, provincial, así como para a Xunta de Galicia. Tamén participaron xuntos nos asaltos ós castelos e nos exércitos irmandiños.

En segundo lugar, temos a alianza popular cos sectores baixos (clérigos como Roi Vázquez) e medios (cóengos) da Igrexa: os cinco cabidos catedralicios foron particularmente activos na formación da arca de irmandade (Santiago de Compostela), na elección de deputados (Lugo), mesmo nos derrocamentos (Ourense), tanto na organización como nas accións da Santa Irmandade de Galicia. Doutra banda, os mosteiros están entre os máis prexudicados polas expropiacións nobiliarias, tamén foron dos que máis se beneficiaron da desaparición dos señores das fortalezas. A Xunta irmandiña de Galicia emitiu, por poñer un caso, un decreto contra a familia Andrade, devolvendo os seus donos os bens que lles ocuparan ó mosteiro de San Salvador de Pedroso (Xunta de Lugo, 1 de abril de 1468).

O levantamento irmandiño tivo, xa que logo, a súa dimensión relixiosa liberadora, principiando polo seu nome oficial de Santa Irmandade, cuxo significado literal foi crido polos seus partidarios e posteriormente negado polos seus contrarios nas controversias que xurdiron na Galicia post-irmandiña. O antiseñorialismo radical dos rebeldes foi logo santificado e lexitimado polo milenarismo declarado polo devandito clérigo compostelán, entre moitos outros. Providencialismo que foi elaborado no cadro da ortodoxia bíblica católica, a diferenza da revolta husita en Bohemia ou da Guerra dos Campesiños en Alemaña, o que facilitou a vitoria irmandiña e ampliou as súas alianzas, axudándoos ó cabo a sortear a represión.

En segundo lugar, temos a alianza popular cos sectores baixos (clérigos como Roi Vázquez) e medios (cóengos) da Igrexa. En terceiro lugar, produciuse a integración no movemento irmandiño dunha parte significativa da baixa nobreza e dalgúns membros da nobreza media

En terceiro lugar, e non menos importante, produciuse a integración no movemento irmandiño dunha parte significativa da baixa nobreza e dalgúns membros da nobreza media, que contribuíron ás actividades militares da Santa Irmandade con homes da cabalo e exercendo como capitáns dos exércitos irmandiños, subordinados, en canto á dirección da revolta, ó poder civil dos alcaldes e as Xuntas de Galicia. O papel destes cabaleiros amigables centrábase nas batallas, máis que nos asaltos e demolición das fortalezas, onde os alcaldes actuaban como máximas autoridades irmandiñas, exercendo de continuo como xefes militares das milicias populares. De aí a atribución, xa citada, por parte da tradición oral a Xoán Branco, alcalde irmandiño de Betanzos, como "capitán xeneral" da irmandade galega.

En cuarto, e último lugar, debemos estimar como aliados políticos dos sublevados ós oficiais do Rei Henrique na Corte (especialmente o secretario e cronista Fernando de Pulgar) e ós seus correxidores en Galicia, presentes no momento da formación da irmandade. Tamén no posterior e emblemático asedio e destrución da Rocha Forte do arcebispo de Santiago de Compostela. Henrique IV concedera a solicitude de irmandades das cidades galegas (que o apoiaban na guerra civil castelá) a comezos de 1467, e, o 6 de xullo de 1467, aprobou os derrocamentos levados a cabo polos irmandiños, motu proprio, a pesar do ocasional desacordo que tivo El-Rei coa irmandade galega, que non respectaba as fortalezas -polas que o Rei intercedera, sen éxito- dos poucos nobres galegos que sostiñan a causa henriqueña.

Vitorias

Por todas as razóns expostas, sesenta anos despois, nas probanzas do Preito Tabera-Fonseca (1526-1527), atopamos un xeneralizado e poderoso sentimento de vitoria entre as 204 testemuñas rurais e urbanas que participaron, presenciaron ou escoitaron falar da gran revolta da Santa Irmandade do Reino de Galicia. Esta actitude triunfal confírmase cos feitos: non houbo represión, as fortalezas non foron reconstruídas e a alta nobreza denunciada polas súas malfeitorías, deixou de ser a clase dirixente do Reino de Galicia na década de 1480, sendo substituída por institucións públicas: o Gobernador-Capitán Xeral, a Audiencia de Galicia e a Xunta Xeral do Reino (con poderes agora abondo limitados). Socialmente, no mundo rural, durante o Antigo Réxime, os señores das fortalezas foron substituídos por fidalguía intermediaria.

Os ventos da historia foron favorables ós insurrectos galegos: todas as clases, estamentos e grupos sociais que participaron, en distintos graos e con diferentes papeis, na gran revolta de 1467 beneficiáronse dos cambios que esta provocou a curto, medio e longo prazo

Antes disto, na década que segue á fin do Reino irmandiño de Galicia, aconteceu unha reacción señorial centrada en obrigar os seus vasalos a reconstruíren as fortalezas señoriais que demolidas entre 1467 e 1469. Conseguírono de forma moi limitada. En 1480, os Reis Católicos enviaron a Galicia con plenos poderes o cabaleiro Fernando de Acuña, o xurista López de Chinchilla e a Antonio Paz, arcediago de Camaces como organizador das novas irmandades. Irmandades de novo cuño que incorporán en gran medida as irmandades revolucionarias de 1467, polo que podemos falar dunha segunda volta irmandiña entre 1480 e 1483. Segundo Pulgar, as novas irmandades botaron abaixo un total de 46 fortalezas que foran reconstruídas pola forza, complementando así o traballo da revolta da Santa Irmandade 1467-1469. Nesta tesitura, os representantes reais instaron en consecuencia ós nobres oligarcas a comparecer ante a Corte...

En resumo, os ventos da historia foron favorables ós insurrectos galegos: todas as clases, estamentos e grupos sociais que participaron, en distintos graos e con diferentes papeis, na gran revolta de 1467 beneficiáronse dos cambios que esta provocou a curto, medio e longo prazo. Formando unha base popular ó Estado moderno en Galicia. Non obstante, neste novo contexto histórico, continuaron a amosar os galegos as súas tradicións loitadoras, sobre todo os sectores máis populares. A burguesía urbana carecía de motivación, satisfeita cos seus logros en 1467-69 e 1480. Cando estalou o levantamento das Comunidades de Castela en 1520-1522, só a xente común das cidades tomou as armas, sendo "pacificados" á forza pola Real Audiencia de Galicia.

Fin da Revolta campesiña de 1381 en Inglaterra. Dominio Público

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.