Isto entrou en barrena

Se hai uns meses os poderes económicos e do Estado estaban preocupados polo proceso de crise da política española, proceso soberanista catalán, erosión do bipartidismo e da Coroa, agora xa non o están. Pola contra, tomaron o control da situación e pasaron á ofensiva. O taboleiro móvese, si, pero contrólano eles.  A nova fase resúmese no de "que cambie todo para que nada cambie".

A iso responde que os poderes económicos, a través dos medios de comunicación, estean a levar en andas a "Ciudadanos" aos arredores da Moncloa. Os poderes contemplan todas as posibilidades para garantir a continuidade dun sistema político que se axusta aos seus intereses. Unha posibilidade  é a alianza PP e PSOE, pero pode non ser posible e entón a peza imprescindible para garantir a continuidade, ben do brazo do PP ou do PSOE, é "Ciudadanos". Non paga a pena perder o tempo en analizar o que é ese partido, o seu fundador saíu das mocidades do PP e o seu partido foi o españolismo militante en terra hostil, pero os nosos amos decidiron que sexa outra cousa.

A batalla en Catalunya confían en tela gañada, PP e PSOE-PSC perderon alí case calquera papel que tivesen pero a aparición de "Podemos", que entrou no territorio que o independentismo cría posuír, debilita o proceso soberanista e "Ciudadanos" ocupa xa o territorio que perdeu o PP alí. Dese modo, Catalunya xa non aparece separada e mantense integrada no sistema de representación política estatal.

Rosa Díez, unha política profesional toda a súa vida e educada na opulencia electoral do PSOE dos anos oitenta, sobrevalorou a autonomía da política respecto da sociedade e sobrevalorou o poder dos partidos. Esqueceu o elemental, cando hai unha situación de crise dun sistema e os partidos existentes non saben solucionala para garantir os intereses do poder, este intervén directamente. Hai ocasións históricas nas que intervén a través do Exército e hai outras nas que utiliza a arma mediática, é o que está a ocorrer. A Díez fíxoselle ver que tocaba un entendemento con Ciudadanos, non atendeu aos requirimentos e foi apartada sen miramentos. Agora é Ciudadanos a peza necesaria e desprazaron a fronte madrileña e española con excelentes resultados.

Esa operación garante os intereses dos poderes do estado e das empresas do IBEX, pero iso é unha cousa e os intereses particulares do PP son outros.

Un partido non só representa intereses de grupos sociais, tamén é unha empresa en si mesma cos seus propios intereses. Un partido ten a súa vida propia, son moitas nóminas e moitas carreiras políticas, diñeiro e poder. Os do IBEX teñen os seus consellos de administración pero os postos de deputados e cargos na administración que gañe "Ciudadanos" son postos que perden afiliados do PP e, tamén, do PSOE. Nun momento así interveñen os intereses particulares dos políticos; a dimensión humana particular é fundamental e nas listas electorais bátense persoas que levan anos vivindo da política e queren seguir facéndoo con persoas que perderon o seu traballo ou a súa empresa e buscan agora un posto nas listas de novos partidos emerxentes. O lema dos do IBEX é o de Lampedusa, pero moitos aspirantes a concelleiros corean "Quita ti para poñerme eu!".

É natural que o PP loite pola súa vida, conservar unha maioría para seguir gobernando, con todo non pode tapar completamente todos os casos de corrupción. É case imposible que non se filtren ou acabemos coñecendo novos casos, probablemente o PP non consiga seguir protexendo o mesmo Rajoy, que xa se coidou de deixar mellorados os rexistradores da propiedade. E esa corrupción que aflora nos medios é o alimento de tanto de "Podemos" como de "Ciudadanos". E é "Ciudadanos" quen máis está a engordar ultimamente con ese alimento. Cada novo caso de corrupción é un quilo máis de votos para Albert Rivera.

Como se trata dunha dinámica, e a dinámica ten as súas leis, ese proceso de perda de apoios non pode ser parado de súpeto. Entón, ten razón nesta ocasión Rajoy, é cando se perden os nervios e cada candidato e cada organización territorial empezan a ir cada un polo seu lado. Que teñan pánico é o lóxico, é para telo, pero ese pánico é o signo que confirma o desastre anunciado e acelérao.

Ofrecéronnos un sacrificio ritual do Rato expiatorio para tentar purificar o Goberno e o seu partido de pecado, pero isto xa entrou en barrena e non se para, despois das eleccións municipais Rajoy dimite e convoca eleccións anticipadas.

Hai quen soña con aquelas municipais de 1931 en que acabou a Monarquía e adveu a II República pero parece evidente que non vai ser o caso, simplemente cae un goberno e sairá outro novo de entre eses catro partidos.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.