Joan Coscubiela: a soidade lúcida do corredor de fondo. I. Benvidos a Cataluña

Joan Coscubiela © eldiario.es

Dos acontecementos que están a ter lugar en Cataluña e en España non é doado atoparmos estudos que fagan un esforzo de rigor e de distanciamento crítico, afastándose así da literatura de combate que con tanto frenesí se cultiva nos extremos independentista e unionista. Quen procura elevarse au-dessus de la mêlée para gañar perspectiva pode ser tachado decontado de equidistante, no mellor dos casos, ou, cando os ánimos están especialmente alterados, de traidor. Son malos tempos para as voces libres daqueles que, conscientes da complexidade do noso momento, recean de quen promete solucións fáciles e sen custo.

Unha desas voces é a de Joan Coscubiela, que en Empantanados. Una alternativa federal al sóviet carlista (2018) nos propón unha análise aguda do proceso secesionista en curso en Cataluña. Bosquexemos moi por riba algunhas ideas do rico relato de Coscubiela para que o lector xulgue por si mesmo se quere adentrarse na estimulante lectura do libro.
 

A etioloxía do procés

Son catro os elementos básicos que, segundo Coscubiela, están na orixe da actual situación. En primeiro lugar, a globalización económica, que provoca unha gran desigualdade social e xera inseguridade e desconfianza. Alén de pór en evidencia o esgotamento do pacto constitucional, a erosión das organizacións sociais e institucionais causa unha reacción cidadá que se canaliza a través das estruturas primarias, como a nación, na procura de respostas sistémicas fáciles de entender e que conteñan solucións sinxelas, rápidas e gratuítas a problemas moi complicados. Neste caso, a premisa é: Cataluña non pode atender as súas necesidades sociais porque pertence a España, o inimigo externo.

En segundo lugar, isto conflúe en Cataluña co desenlace do conflito histórico español da distribución do poder territorial. España non dá definido unha identidade nacional inclusiva porque se constrúe sobre a negación das identidades nacionais que alberga. É dicir: o nacionalismo español, centralista e uniformador, provoca en Cataluña a negación da realidade nacional española e finalmente a reivindicación da independencia.

En terceiro lugar, Artur Mas, presidente da Generalitat durante cinco anos, até xaneiro de 2016, instrumentaliza a lexítima aspiración a máis soberanía dun segmento da sociedade catalá para, por unha banda, e tras aplicar con entusiasmo políticas de axuste, vender a idea de que a independencia acabaría cos recortes, e, por outra, para disputarlle a Esquerra Republicana de Catalunya a hexemonía no campo nacionalista a prol de Convergència Democràtica de Catalunya. Neste contexto, ao conxunto do independentismo non lle importa crear unha fractura social ou enganar a cidadanía verbo dos riscos económicos da independencia ou verbo da reacción da Unión Europea.

Finalmente, en cuarto lugar, a recollida de sinaturas e a posterior interposición dun recurso de inconstitucionalidade contra o Estatut por parte do Partido Popular para erosionar o executivo de Rodríguez Zapatero supoñen o desencadeante inmediato do conflito. A sentenza do Tribunal Constitucional de 2010 constitúe o punto de inflexión no sentimento de desafección dunha parte da cidadanía catalá verbo de España. Despois, Rajoy, para quen o enfrontamento é moi rendíbel electoralmente, négase a buscar unha solución.
 

A deriva autoritaria

Coscubiela amósase particularmente severo na valoración do unilateralismo independentista, cuxo punto de non retorno é o pleno do Parlament do 6 e 7 de setembro de 2017, un acto de indixencia democrática que intenta burlar o Estado con astucia vulnerando gravemente o ordenamento xurídico mediante a ficción das legalidades duplas, a española e a catalá, libremente dispoñíbeis segundo conveña. A Lei do referendo de autodeterminación e mais a Lei de transitoriedade xurídica e fundacional da República apróbanse cun procedemento que, como ditamina o Consell de Garanties Estatutàries de Catalunya, elimina as salvagardas democráticas para a tramitación das normas. Ademais, entre o pleno e a votación do 1 de outubro só hai tres semanas.

Todo vale para organizar un referendo de autodeterminación, lexitimar unha declaración de independencia, iniciar un proceso constituínte e crear unha república. Unha parte da cidadanía catalá entende que ese grave ataque autoritario contra a democracia é imprescindíbel, aínda que a república prometida sexa de baixa calidade, cun poder lexislativo degradado, unha xudicatura politizada e un proceso constituínte viciado. Porén, o TC suspende e anula de inmediato ambas as leis. A reacción do Goberno de España demostrará que o gabinete de Rajoy necesita amosar musculatura e testosterona.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.